Outubro de 2013
 
 

14/10/2013

   CUTUDC / Novidades

  LOMCE
 

O PP aproba a súa lei de educación

A LOMCE, aprobada cos únicos votos do PP o día 10 de outubro no Congreso, nace con data de caducidade, o resto dos grupos parlamentarios anunciaron que, se chegan a gobernar, aprobarán unha nova lei de educación.

 

  • Noticias relacionadas

 

A LOMCE ataca directamente principios elementais da democracia ao representar una verdadeira bomba contra a igualdade de oportunidades. É tamén unha lei adoctrinadora, centralizadora e que establece a primacía do castelán representando un ataque en toda regra contra o idioma galego.
 
Os 10 puntos clave da LOMCE
 
1. Primacía do castelán
 
O Goberno español determina os contidos e horas lectivas da materia de Lingua Castelá, que é considerada troncal. O Galego é relegado á condición de materia de especialidade (ao mesmo nivel que Educación Física, por exemplo).
 
2. Centralización
 
As comunidades autónomas só poderán decidir os contidos e horarios das materias chamadas de especialidade (Educación Física, Plástica, Música...) e as das linguas cooficiais, neste caso o Galego. É o Goberno central quen decide sobre as materias troncais (Lingua Castelá, Matemáticas, Ciencias ou Idioma Estranxeiro), é dicir, entre o 65 e o 75% dos contidos (65% nas comunidades con linguas cooficiais como Galiza).
 
Curiosamente, o maior custo de implantación da reforma corre a cargo das comunidades autónomas. O Goberno central asume o custo da implantación da norma, e as comunidades, o da fase de consolidación.
 
3. Peso da relixión católica
 
A materia de Relixión pasa a unha materia de especialidade, que contará para a nota media e se equiparará en horas á media do resto de materias. Aténdese así a unha petición histórica da Igrexa Católica, ante a caída dun 10% das matriculacións.
 
A Educación para a Cidadanía deixa de existir e establécese unha alternativa á Relixión: Valores culturais e sociais en Primaria, e Valores éticos en Secundaria.
 
4. Reválidas e avaliacións continuas
 
A Selectividade desaparece e establécense varias avaliacións ou reválidas externas (estas últimas, necesarias para pasar de curso, só no caso da ESO e o Bacharelato) ao termo de cada ciclo.
 
As universidades tamén poderán facer probas de acceso.
 
5. FP: Segregación do alumnado
 
O acceso á FP adiántase, os alumnos que, segundo os profesores, non teñan posibilidades de avanzar na ESO, accederán a un novo ciclo con 15 anos (Formación Profesional Básica). Non obstante, este primeiro ciclo non dará acceso directo á Formación Secundaria, e os alumnos que queiran realizala deberán pasar un exame. Esta segregación do alumnado, entre "bos e malos", foi moi criticada pola comunidade educativa, que denuncia que se pretende acabar co fracaso escolar con "man dura".
 
Así mesmo, ábrese a porta a establecer rankings de centros educativos, que ata agora estaban prohibidos para evitar que os colexios competisen entre si.
 
6. Escola menos participativa
 
O peso do Consello escolar (formado por todos os axentes da comunidade educativa: profesores, alumnos, pais e nais, sindicatos...) pasa a ser puramente consultivo, perdendo así a forza que tiñan estes colectivos na toma de decisións e organización.
 
A toma de decisións centralízase agora, case na súa totalidade, na figura do director e o equipo educativo.
 
7. Reforzo do papel do director
 
Os directores de centros serán designados polo Goberno, xa que terán que pasar un proceso de formación e deberán estar acreditados. Auméntase, deste modo, o control institucional dos centros. A consecuencia indirecta desta decisión é a perda de peso do Consello Escolar, que ata agora participaba na elección do director.
 
Os directores poderán contratar directamente profesores, sen que a oposición sexa obrigatoria.
 
8. Condicións dos funcionarios
 
As condicións laborais do profesorado tamén cambiarán. A LOMCE resérvase o dereito a cambiar o destino e a función dos funcionarios. Así mesmo, auméntase o horario lectivo do profesorado.
 
Ademais, o ratio de alumnos por aula elévase un 10%.
 
9. Comunidade educativa: sen debate nin consenso
 
O rexeitamento á Lei é unánime por parte de todos os sectores. Sindicatos, asociacións de pais e nais e de alumnos asociacións da rede pública e da concertada todos, deixaron ao lado as súas diferenzas para unirse contra a Lei. Segundo denuncian, a reforma non foi nin debatida nin consensuada coa comunidade educativa.
 
10. Centros concertados
 
Prolóngase o período para renovar os concertos: dun máximo de 4 a un mínimo de 6 anos en Primaria e catro anos en Secundaria. Ademais, as administracións deberán ter en conta a "demanda social" á hora de programar a repartición de prazas, é dicir, se hai pais que prefiran levar os seus fillos á escola concertada en vez de á pública.
 
Prazos de aprobación
 
O Pleno do Congreso aprobou, o día 10 de outubro, a reforma coa maioría absoluta que dispón o PP. A Lei deberá ratificarse no Senado.
 
Fontes parlamentarias estiman a súa aprobación definitiva para finais de novembro ou comezos de decembro. O Goberno de Mariano Rajoy sempre manifestou a súa intención de que a lei fose aprobada en ambas as dúas Cámaras en outono deste ano para que as primeiras medidas poidan ser postas en marcha o próximo curso 2014-2015 e que ás comunidades autónomas lles de tempo de traballar no desenvolvemento regulamentario.
 
O día 24 de outubro convocouse unha folga xeral en todas as etapas do ensino, tamén nas universidades, será o momento de demostrarlle a Wert e a Rajoy o desprezo e rexeitamento que esta lei nos produce.

Os alumnos convocan asemblea preparatoria á que convidan a todos os sectores da Comunidade Universitaria. A representación colectiva do PAS non pode faltar.
 

 
 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript