Outubro de 2013
 
 

07/10/2013

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN . Isaac Rosa
 

Palabras no baleiro

Por compromisos co meu último libro, pasei nas dúas últimas semanas polas sedes de varios medios de comunicación, de todo tipo: radios, televisións, prensa escrita, dixitais. En todos estivera xa outras veces, e ao volver agora recoñezo ao entrar unha paisaxe común: na maioría vexo nada máis chegar o oco que deixaron os traballadores despedidos, as páxinas recortadas, os programas cancelados. Despachos pechados, mesas desocupadas, corredores apagados, persianas baixadas, plantas enteiras baleiras mentres os superviventes se repregan xuntos, cada vez en menos espazo.

 

  • Noticias relacionadas

 

Nalgúns casos son edificios aínda novos, que na súa arquitectura reflicten a bonanza do tempo en que foron construídos, hoxe fantasmais.
 
O mesmo podería dicir de moitas outras empresas que coñezo, que sofren o mesmo proceso de encollemento. Por exemplo, unha grande editorial que cada poucos meses reorganiza a distribución de departamentos para reagrupar ós que seguen, e así poder pechar as zonas baleiras e aforrar en luz e climatización. Sei que está moi manido o recurso a Casa tomada, o famoso conto de Cortázar, pero así é: os traballadores van concentrándose en cada vez menos espazo, mentres o resto da oficina queda ás escuras.
 
En realidade, alá onde vaias encontras a mesma paisaxe: un baleiro que o vai engulindo todo. Polígonos industriais con cada vez máis naves pechadas. Empresas onde o persoal se vai reducindo á metade, á terceira parte, un quinto. Rúas enteiras onde apenas queda un local con actividade, a maioría coa persiana baixada. Mercados cos últimos postos abertos. Explanadas de asfalto cheas de camións ociosos. Bares que manteñen o cartel de "Pechado por vacacións", xa descolorido. Camas de hotel que nunca se desfán. Salas de cine e teatro onde o público ocupa unhas poucas butacas, ata que acaban pechando. Autoestradas por onde apenas pasa un coche.
 
Centros culturais sen actividade, con horario reducido. Hospitais con quirófanos pechados, plantas enteiras clausuradas mentres os pacientes se amontoan nas zonas abertas. Pisos, miles de pisos deshabitados. Grandes extensións de terreo urbanizado en barrios que só existiron sobre plano e que hoxe manteñen anchas avidas e parques entre soares. Por non falar, claro, de toda esa arquitectura falida cuxa contemplación nos recorda de onde vimos: edificios emblemáticos que hoxe son emblema da dilapidación museos sen contido, pazos de congresos sen congresos, recintos feirais sen feiras, aeroportos sen avións, estacións sen pasaxeiros. Ruínas sen estrear, sen sequera o encanto do caducado, obscenas no seu brillo.
 
Estamos a quedar nos ósos, enfraquecemos e o país quédanos enorme, como un traxe de tempos mellores. Un país melado, cheo de espazos baleiros que dan aínda máis sensación de frío, ocos que non volveremos encher nunca. Un terreo abandonado que os voitres corren a ocupar: por exemplo todos eses fondos de investimento estranxeiros que sen facer moito ruído están a comprar a prezo de saldo toda a nosa flamante ruína, facéndose coa maior parte do chan urbanizable, con miles de pisos e mesmo vivendas de aluguer social, pero tamén patrimonio do Estado en liquidación, empresas con dificultades, accións desvalorizadas, bancos nacionalizados, hospitais, servizos públicos xa privatizados e que están a cambiar de mans.
 
Nese baleiro sinistro do que vai quedando sen uso é onde resoan as promesas do Goberno e os seus propagandistas, ese discurso de que empezamos a recuperarnos, que tocamos chan e en diante todo será ascender. "A crise xa é historia; hoxe fálase de que grande vai ser a recuperación económica", di Rajoy, e as súas palabras fan eco en cada oficina clausurada, tenda pechada, cine apagado, quirófano sen uso, piso deshabitado; resoan nos petos baleiros, nas horas mortas dos millóns de parados, na nómina dos que aínda aguantan, ou no burato de dereitos dos que encontran un traballo estes días. A crise xa é historia, xa é historia, é historia, historia, toria.
 

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript