Outubro de 2013
 
 

07/10/2013

   CUTUDC / Novidades

  LINGUA . A Mesa Pola Normalización Lingüística
 

Renfe recupera La Coruña e Orense

A Mesa denuncia que a empresa pública mudou os topónimos legais da súa páxina web para volver introducir as formas deturpadas. A asociación en defensa da lingua anunciou medidas tanto perante a Defensora del Pueblo como ante a ministra de Fomento, Ana Pastor, para que insten a empresa pública a respectar a legalidade.

 

  • Noticias relacionadas

 

A Mesa pola Normalización Lingüística deu a coñecer as queixas recibidas nos últimos días por usuarias e usuarios de Renfe que constataron como a empresa pública deixaba de respectar a legalidade ao introducir toponimia deturpada na súa páxina web.
 
Como exemplo, unha das queixas recibidas na Mesa recolle que o formulario para se dar de alta como usuario ou usuaria na páxina de Renfe obriga a escoller as provincias *La Coruña ou *Orense ao introducir os datos de contacto [achégase foto].
 
Noutros casos, como na consulta de horarios a través do web, temos que escoller como estacións de orixe ou destino “A Coruña/La Coruña” ou “Ourense/Orense”, cando até hai pouco se escollía con normalidade A Coruña e Ourense.
 
A Mesa pola Normalización Lingüística lembra que a única forma correcta dos topónimos galegos é a xenuína, isto é, a galega. Así, a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, recolle no artigo 10 que “os topónimos de Galiza terán como única forma oficial a galega”, así como que “estas denominacións son as legais a todos os efectos”. (Pódense consultar os topónimos oficiais no seguinte enderezo web a disposición de toda a cidadanía: http://www.xunta.es/toponimia).
 
Así mesmo, para axustar o nome oficial das provincias galegas da Coruña e Ourense á súa denominación correcta, o Goberno español aprobou no ano 1998 a Lei 2/1998, do 3 de marzo, sobre o cambio de denominación das provincias de La Coruña e Orense onde se obriga a empregar as xenuínas e únicas formas oficiais A Coruña e Ourense para as denominar.
 
Neste sentido desde A Mesa anunciaron medidas tanto ante La defensora del Pueblo como ante a Ministra de Fomento, Ana Pastor, para que insten a Renfe a cumprir coa legalidade.
 
Un paso atrás con motivación ideolóxica
Desde A Mesa sinalaron que malia teren presentado outras queixas polo uso incorrecto de topónimos por parte de Renfe nos últimos anos, estas se referían a entidades máis pequenas como A Gudiña, Uxes ou A Escravitude, porén nos casos da Coruña e Ourense había tempo que a empresa pública os empregaba correctamente.
 
A maior asociación cultural galega salientou que este paso atrás non pode ser casual, e denuncian que sen dúbida responde a motivacións ideolóxicas, en liña coa involución no respecto á diversidade lingüística e cultural do Estado que se está a impor nos últimos anos desde o poder, para o que non teñen reparo en subverter a lexislación e os consensos democráticos acadados entre todas e todos.
 

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript