Outubro de 2013
 
 

07/10/2013

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN - CARMEN DOMÍNGUEZ GODÍNEZ
 

Defender a Universidade como ferramenta de futuro

Non se trata agora de construír só un movemento crítico e alternativo dende sempre necesario no seo da Universidade, senón de frear a destrución desta como servizo público de formación do coñecemento, a investigación e o desenvolvemento.

 

  • Noticias relacionadas

 

 

A Declaración de Bolonia partía, entre outras aspiracións, de ser un instrumento que fomentase a calidade da institución universitaria e a súa metodoloxía, e implementar unha reforma que, necesaria en canto a investimento e mellora de obxectivos sociais, non levou en ningún caso estas metas na súa folla de ruta. Mentres, as voces críticas presaxiaban na creación do dueto grao/máster unha universidade máis elitista, con titulacións de primeira e de segunda clase. E a verdadeira mobilidade tan promulgada materializouse no éxodo dos nosos investigadores e investigadoras. O debate económico -como o uso efectivo de recursos públicos e privados que afectan a equidade no acceso á universidade (García Laso, 2009)- non se abordou senón que polas empresas e gobernos non o vinculou a unha participación na privatización do servizo público mediante un aumento da achega das familias no custo da formación universitaria.
 
Coa chegada da crise e coa necesidade do recorte como escusa, foise acelerando este modelo que os neoliberais nos tiñan reservado e as carreiras universitarias encarecéronse un 291% segundo un estudo do Observatori del Sistema Universitari nos últimos seis anos.
 
A calidade do ensino e o emprego
Os recortes destruíron no último ano 5.976 empregos na universidade pública, segundo datos do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas publicados en agosto. Dende xaneiro de 2012 hai 4.221 docentes-investigadores menos (PDI) e 1.655 son os postos que se perderon no colectivo do persoal de administración e servizos (PAS).
 
Ademais desta diminución de persoal, as condicións laborais e salariais víronse minguadas a causa das reformas e medidas de racionalización do gasto. Por poñer un exemplo de como pode verse afectada a calidade da docencia polos recortes, o colectivo de profesores asociados viu reducido o seu salario ata o punto de que nalgunhas universidades non son remuneradas as súas vacacións, e preparan, realizan e corrixen exames en períodos nos que non están a recibir contraprestación ningunha polo seu traballo.
 
Os problemas de financiamento e das políticas de axuste nas universidades españolas, que impiden a taxa de reposición e impiden a cobertura de máis do 90% das xubilacións, son problemas que afondan no empobrecemento deste servizo público.
 
Taxas e bolsas: a igualdade de acceso. Madrid como punta de lanza
O custo dos prezos universitarios das universidades públicas encareceuse nalgunhas comunidades autónomas que xa aplicaron subas en primeira matrícula próximas a un 66,7% en 2012, como Cataluña ou un 42% en Canarias, e coa última suba nalgunhas comunidades, a brecha de desigualdade nos prezos é enorme. 30.000 estudantes ao bordo da expulsión por non poder facer fronte ao pagamento das taxas é a cifra que barallaron colectivos afectados no pasado curso. Os novos prezos sumados ás condicións no regulamento de bolsas de Wert do 2 de agosto poden levar un grao de abandono dos estudos universitarios e imposibilidade de acceso a unha cantidade que a Conferencia de Reitores cifrou en 100.000, antes de fixar a nota de acceso ás axudas, pero podería ser duns 80.000.
 
A segunda suba consecutiva das taxas universitarias, na Comunidade de Madrid, esta vez dun 20% para o próximo curso 2013/2014, converte a Madrid na Comunidade máis cara para estudar un grao, e no escaparate de luxo da imposición dun modelo que está a levar a cabo o PP nas institucións e que deixará fóra as persoas con menos recursos.
 
Quellas ou saídas
Non hai saída posible que non pase por derrotar as políticas do PP alá onde goberna e retirada da LOMCE. E mentres tanto, a resposta social dos colectivos afectados debe ser coordinada, solidaria e conxunta como un todo, e co respaldo sindical e popular da mareas. Neste sentido, organizacións sindicais, políticas e estudantís preparan marchas, paros e protestas para o outono.
 
Non se trata agora de construír só un movemento crítico e alternativo dende sempre necesario no seo da Universidade, trátase de frear a destrución da universidade como servizo público de formación do coñecemento, a investigación e o desenvolvemento dun país, en cuxa participación democrática e popular caibamos todos e todas. Na universidade e no desenvolvemento científico residen as nosas ferramentas para un futuro de transformación e progreso.
 

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript