setembro de 2013
 
 

30/09/2013

   CUTUDC / Novidades

  A REFORMA PENAL DE GALLARDÓN
 

Un sistema penal ao servizo dos "novos tempos"

A reforma do sistema penal proposta por Gallardón ten pouco que ver coa criminalidade e moito co uso que o Estado fai do sistema penal para xestionar a marxinalidade e a pobreza que xeran as políticas neoliberais.

 

  • Noticias relacionadas

 

A pesar da insistencia con que se nos intenta persuadir de que estamos rodeados de perigosos delincuentes dispostos a todo, non existe evidencia empírica ningunha que xustifique a crecente sensación de inseguridade cidadá da que se aproveitan os líderes do populismo punitivo. Por moi mal corpo que lle quede á cidadá ou ao cidadán medio despois de ver Callejeros, Policías en acción ou o mesmo Telexornal, unha cousa é a capacidade dos medios para buscar e encontrar as situacións máis escabrosas en busca da audiencia, e outra moi distinta é medir a delincuencia de forma obxectiva.
 
Hai un elevado consenso na socioloxía e a criminoloxía en considerar as enquisas de victimización, con todos os seus defectos, as mellores ferramentas para valorar a evolución da comisión de delitos e do seu impacto sobre a cidadanía. Os datos máis fiables e valiosos con que se conta proceden das dúas participacións de España na International Crime and Victimisation Survey (ICVS), en 1989 e en 2005, e da enquisa realizada en 2009 polo Observatorio da Delincuencia (ODA) do Instituto andaluz Interuniversitario de Criminoloxía. A partir da escasa información dispoñible non só non se pode inferir un incremento da delincuencia, senón que se observa un retroceso na victimización en case todas as formas de delito. Mentres que en 1989, o 47,2% da cidadanía (cunha marxe de erro do 2,5% para un nivel de confianza do 95,5%) fora vítima dalgún delito nos 5 anos anteriores á realización da enquisa, en 2005 a proporción reducírase o 42,7% e en 2009 ao 38,7% (cunha marxe de erro do 2,62% para un nivel de confianza do 95,5%). Tanto os roubos de coches, coma os de obxectos no interior dos vehículos, os roubos en vivendas, as agresións sexuais, ou as agresións físicas, reduciron as súas taxas de victimización. Tamén se reduciron os roubos con violencia e intimidación que teñen un grande impacto na sensación de seguridade da cidadanía. Dunha taxa do 9,2% en 1989 pasouse a un 5,6% en 2009.
 
O que si aumentou no Estado español nos últimos anos é a poboación reclusa. Nos cárceres españois había recluídas a mediados dos 90 ao redor de 42.000 persoas, mentres que a finais de 2010 o número de internos e internas penitenciarias era de 70.472. Este incremento non foi proporcional ao aumento de poboación provocado polas ondadas migratorias dos últimos 15 anos. En 2001 o sistema penitenciario español custodiaba a 117 de cada 100.000 habitantes do Estado; a finais de 2010 mantiña privados de liberdade 153 de cada 100.000 residentes. Unha cifra nada desprezable se a comparamos con países veciños: a taxa de poboación reclusa en Alemaña é de 86 por 100.000, en Francia de 103, en Italia de 113 e Portugal de 109. O Estado español é o país da Europa dos 15 que percorre máis frecuentemente ao encarceramento da súa poboación seguido polo Reino Unido que rexistra unha taxa de 138 por 100.000. Así que, a pesar da pequena redución de poboación reclusa que se produciu no último ano, España non se caracteriza por ser un Estado brando coa delincuencia, nin con permitir que os malvados delincuentes na rúa "entren por unha porta e saian pola outra" cando inician procesos xudiciais.
 
Endurecer o código penal non ten como obxectivo loitar contra ningunha praga de delincuencia na rúa. O que cambiou nas últimas décadas non é a comisión de actos delituosos senón a resposta do Estado cara aos diferentes tipos de transgresión da lei. Pero a pesar da falta de evidencias empíricas que indiquen un incremento da criminalidade, a recorrente entrada do tema da inseguridade cidadá no discurso político denota unha utilización do medo ao delito como ferramenta para conseguir réditos electorais. Ante a imposibilidade de dar solución ás inseguridades derivadas da precarización do mercado laboral e o crecente individualismo social, problematizarse fenómenos sociais que, de entrada, non deberían xerar inseguridade, para centrar o debate público en asuntos que ofrezan a posibilidade de ser resoltos con máis "man dura" contra as capas da cidadanía máis próximas á marxinalidade.
 
Os mesmos que hoxe se refiren ao código penal como un texto do pasado non adaptado á realidade delituosa do século XXI e que impulsan o seu endurecemento, xa lideraron unha reforma deste durante o goberno de Aznar e con Mariano Rajoy como ministro de Xustiza. No ano 2003, o PP aprobou unha reforma do código penal co apoio do PSOE. As forzas políticas maioritarias despregaron unha retórica chea de clixés do populismo punitivo importado do outro lado do Atlántico, recordando á cidadanía a necesidade de man dura coas crecentes mostras de violencia urbana e cos delincuentes multirreincidentes, e de facer fronte aos novos perigos derivados a inmigración e da ameaza terrorista. Os socialistas afirmaron que se vían obrigados a apoiar a reforma por responsabilidade e pola imperiosa necesidade de loitar contra a inseguridade cidadá. A reforma supoñía, entre outros cambios, a ampliación da capacidade dos xuíces para decretar prisión preventiva, a incorporación de medidas para promover a "xustiza rápida", introducindo incentivos para que as persoas inculpadas asinasen declaracións de culpabilidade para evitar trámites xudiciais e conseguir beneficios penitenciarios, o aumento da contía penal máxima, que pasaba dos 30 aos 40 anos, e condicionaba a concesión do 3º grao ao pagamento efectivo de responsabilidades civís, o que introducía un claro elemento de discriminación económica.
 
O acoso penal á marxinalidade cébase en colectivos tan diversos como as persoas sen fogar, as prostitutas da rúa, os pequenos traficantes de drogas ou os vendedores ambulantes (clasificados xuntos no saco dos excluídos que non queren seguir camiños de inserción), e ten unha finalidade moralizante: facer aceptar ás maiorías que caen na nova pobreza o seu destino de precariedade laboral a risco de ser considerados parasitos sociais.
 
A outra cara desta utilización do sistema penal para impoñer un programa político é a criminalización dos movementos sociais e das expresións cidadás de descontento. A proposta do Ministro pretende castigar a difusión de mensaxes ou consignas que inciten á comisión de determinados actos de protesta, criminaliza a resistencia pasiva e elimina as faltas para convertelas en delitos leves e infraccións administrativas, todo iso para xerar as ferramentas necesarias para loitar penalmente contra as accións dos colectivos que, como a Plataforma de Afectados pola Hipotecas, canalizan o descontento popular cara ao austericidio ao que se nos empurra.
 
+ARGUMENTS?

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript