setembro de 2013
 
 

30/09/2013

   CUTUDC / Novidades

  GALIZA. ADMINISTRACIÓN PÚBLICA
 

Unha reflexión para a mobilización

Non entendemos as alternativas sindicais que fundamentan o rexeitamento á nova rebaixa salarial que Feijoo impoñerá aos traballadores e traballadoras da Administración Pública galega na discriminación que supón esta medida co resto de traballadores/as da Administración Estatal aos que “só” se lles conxelará o seu salario.

 

  • Noticias relacionadas

 

Recoñecendo que a nosa situación é substancialmente peor que a deses traballadores e traballadoras, non obstante non entendemos nin aceptamos que, como eixo da campaña mobilizadora, se espalle esa consideración.
 
Aos sindicatos que basean as súas argumentacións no “mal menor” ao que estarán sometidos os/as traballadores/as estatais lembrámoslle que eses traballadores tamén se mobilizarán en contra desa nova imposición que, unha vez máis, lles resta poder adquisitivo.
 
Contra as medidas de recorte sinaladas temos que lembrar que a función pública estatal e autonómica é unha das de menos custe en relación co PIB. Tamén hai que subliñar que a eficacia dos traballadores/as da Administración Pública é das mellores do continente. No contexto actual tanto a rebaixa salarial como a conxelación son, tamén, medidas contrarias ao mantemento da calidade dos servizos públicos, destrúen os alicerces dunha Administración pública moderna que sustenta o Estado do benestar en todas as súas funcións, a sanidade, a educación ou os servizos sociais...
 
A argumentación da que fan gala os sindicatos do “mal menor” e que se está a espallar no colectivo lévanos a facer a pregunta seguinte: a cambio de non rebaixar o salario dos traballadores e traballadoras da Administración Autonómica, aceptariamos de bo grado a conxelación salarial?
 
Todo induce a pensar que os sindicatos do pacto si a aceptarían, nosoutros non. A alternativa ten que ser a de loitar pola recuperación do poder adquisitivo dos salarios e pola recuperación e incremento dos dereitos que se nos arrebataron nesta etapa. NON PODEMOS PASAR POR MENOS!!.
 

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript