setembro de 2013
 
 

30/09/2013

   CUTUDC / Novidades

  DESASTRE NA DOCENCIA E A CALIDADE UNIVERSITARIA
 

Radicalizar a precariedade na universidade

Impulsamos así no ámbito universitario os minijobs da nova semiescravitude que xa veñen preconizando a patronal da CEOE, o PP, o Fondo Monetario Internacional e o Banco Mundial.

 

  • Noticias relacionadas

 

Esta foi a decisión que a nosa Universidade tomou, radicalizar aínda máis a precariedade do profesorado xa de por si máis precario e inestable da Universidade, o profesorado asociado, profesionais de recoñecido prestixio que achegan a súa experiencia laboral ao mundo académico, contratándoos por tres meses, do 23 de setembro ao 22 de decembro.
 
A nosa Universidade decidiu que o profesorado asociado asinará este ano o seu contrato o 23 de setembro, o mesmo día que empeza o curso universitario. Ese mesmo día téñense que incorporar a dar as novas materias que lles asignasen os departamentos. A preparación destas, a busca de materiais, bibliografía e investigacións sobre o campo de coñecementos, o deseño da metodoloxía de traballo nas aulas, todo isto suponse que o farán por ciencia infusa o mesmo día que asinan o contrato e que serán capaces de improvisar sobre a marcha. Porque cos recortes e as políticas universitarias que se están a levar a cabo esta parece ser a "calidade docente" que agora se lles ofrece a estudantes que están a pagar taxas universitarias que se encareceron case un 30%. Profesorado que a miúdo ten que improvisar a docencia, pois a maior parte das veces asígnanselle as materias que vai impartir o mesmo día que asina o contrato. Mentres que ao alumnado esíxenlle que pague cada vez máis, multiplicando os prezos das matrículas, por recibir clases nestas condicións.
 
De todos os posibles contratos que podía ter elixido a Universidade de León, optou polo máis precario e de peores condicións laborais para este profesorado universitario. Decidiu que serán contratos trimestrais. A súa contratación finalizará o 22 de decembro, é dicir, o día antes de que empecen as vacacións de nadal. Xusto para aforrar o pagamento deste tempo, que este profesorado " sub-cieneurista" terá que custearse pola súa conta. Decidiu eliminar dun plumazo un dereito histórico adquirido pola clase traballadora: o pagamento de tempo de vacacións negociado e acordado socialmente. Despídeselles ás portas das festas de nadal. Para este profesorado precario e mal pagado non hai festas.
 
A este ritmo a nosa Universidade parece que acabará optando pola senda que está a trazar o PP en Comunidades como Madrid, onde contrata docentes durante días soltos para que corrixan os exames de setembro, por suposto sen contar fins de semana. É o modelo laboral dos temporais da vendima. Non se se non remataremos despedindo cada venres para non ter que pagar polos fins de semana.
 
O reitor da Universidade de León, José Ángel Hermida, é responsable en último termo da política de contratación do persoal da Universidade de León. Pero, esquecendo calquera criterio académico e universitario e perdendo de vista a finalidade básica do que é unha Universidade ao servizo do saber, a xustiza, a equidade e os valores humanos, optou por aplicar estritamente criterios de recorte económico na contratación do profesorado asociado da nosa Universidade, xustamente o que está en condicións laborais máis vulnerables na nosa institución pero ao que, non obstante, se lle pide que sexa o máis prestixioso no seu ámbito de especialización para poder impartir docencia universitaria.
 
As consecuencias desta política de persoal están a ser desastrosas para a docencia e a calidade universitaria. Non é de estrañar que moitos profesionais de recoñecido prestixio desistisen de ser profesores na nosa Universidade, porque consideran unha auténtica burla e unha indignidade contratos de tres meses cuns soldos que nin sequera chegar a ser "cieneuruistas" nalgunhas ocasións.
Por iso xa non sorprende que empecen a proliferar os denominados "falsos asociados". Licenciados que, recén rematada a carreira, se dan de alta como autónomos e son contratados como asociados para impartir docencia na Universidade. Sen apenas preparación académica, con practicamente nula experiencia laboral que achegar, estes non poñen pegas para dar a docencia que se lles asigne nas condicións máis precarias, posto que non teñen outra alternativa laboral. O cal supón non só unha rebaixa da calidade na formación impartida, senón unha perversión do sistema que di ofertar a experiencia e bagaxe de profesionais especializados no seu campo á formación universitaria.
 
Desta forma os estudantes, que viron como se lles multiplican exponencialmente o custo das súas matrículas para acceder aos estudos superiores, encóntranse como profesores seus antigos compañeiros recén titulados que se defenden como poden en materias que teñen que empezar a preparar o mesmo día que comezan as clases. Esta é unha forma de rebaixar a calidade da educación superior e desmantelar a Universidade pública, poñendo as condicións para que moitos estudantes empecen a pensar en optar por Universidades privadas que xa non parecen tan caras nin con peor calidade á vista da deriva que están a levar os actuais gobernos conservadores e os equipos de xestión universitaria que secundan e radicalizan mesmo os seus recortes.
 
Impulsamos así no ámbito universitario os minijobs da nova semiescravitude que xa veñen preconizando a patronal da CEOE, o PP, o Fondo Monetario Internacional e o Banco Mundial. Eses adaís de recortar soldos aos traballadores e as traballadoras, mentres manteñen soldos multimillonarios para os seus directivos, aínda que logo estes rematen nos cárceres por delitos económicos, como os dirixentes da CEOE. Se este é a pauta que vai seguir a Universidade de León, non só me escandaliza e indigna o modelo establecido pola Xunta de Castela e León e o goberno do PP, senón a complicidade do propio equipo reitoral da Universidade con este modelo inasumibel de precarización e recorte de dereitos laborais e sociais cara aos propios compañeiros, que comparten docencia e horas de traballo no espazo universitario, extremando mesmo as medidas máis radicais da reforma laboral do Partido Popular.
 
Enrique Javier Díez Gutiérrez. Profesor de Didáctica e Organización Escolar da Universidade de León

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript