setembro de 2013
 
 

30/09/2013

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN . Fernando García Quero
 

España: dereitos humanos en retroceso e políticas neoinxustas

A ninguén lle sorprende que se diga que os dereitos humanos se incumpren en países como China, Corea do Norte ou Sirya. Non causa estupor ler en prensa que gobernos como o venezolano, o colombiano ou, que dúbida cabe, o cubano infrinxen unha e outra vez as liberdades dos seus cidadáns.

 

  • Noticias relacionadas

 

Tampouco resulta estraño comprobar como o pobo exipcio, o alxeriano ou o marroquí se levantan contra os seus gobernos para reivindicar que se cumpran dereitos humanos obviados durante décadas. Pola contra, o que si nos resulta estraño e nos custa crer é escoitar que no mundo considerado como desenvolvido (no cal por suposto se encontra España) incúmprense dereitos humanos esenciais para a vida das persoas. Non obstante, na actual España danse multitude de atropelos contra os dereitos humanos. Artigos fundamentais da nosa Constitución que aluden directamente a dereitos humanos de segunda xeración (económicos, sociais e culturais) son incumpridos a diario sen que nada se faga para solucionalo. Desgraciadamente, este fenómeno vai en aumento e as autoridades públicas nada fan para reverter a situación: máis ben todo o contrario.
 
As medidas impulsadas polo actual goberno, e polos gobernos anteriores, están a contribuír a que cada vez vivamos nunha sociedade máis desigual. Políticas presentadas como a única vía posible para crear emprego e crecer economicamente non só conseguiron todo o contrario, senón que foron aumentando a precarización das condicións laborais e empeorando paulatinamente a calidade de servizos públicos esenciais (educación, sanidade, prestacións de desemprego, pensións, etc.). Os nosos dereitos humanos e o noso benestar social están a sufrir un grave retroceso.
 
As desigualdades de riqueza non só se traduciron en desigualdades de acceso ao emprego, rendas, formación ou servizos básicos, senón que supuxeron e continúan supoñendo enormes diferenzas de poder á hora de influír nas políticas públicas. Os sectores con maiores ingresos exercen sobre o Estado unha presión decisiva á hora de marcar o rumbo das medidas que os gobernos toman. Só así se pode explicar que leis, impostos, rescates, reformas fiscais, contraccións do gasto, subvencións, privatizacións e un longo etcétera de políticas neoinxustas beneficien os intereses de colectivos moi particulares [i].
 
O poder económico e o poder político sempre van unidos, as elites nunca están dispostas a perder a súa situación de privilexio, polo que realizan todas as medidas posibles para mantela. Coa democracia, tratouse de redistribuír o poder dun xeito máis xusto, para facer que os intereses xerais primasen sobre os individuais. Non obstante, e á vista dos resultados está, a democracia foi un fracaso neste sentido. A capacidade das persoas para facer valer os seus dereitos depende do seu poder relativo na toma de decisións, e nesta confrontación de poderes, a maioría dos cidadáns estamos en desvantaxe fronte a grupos con máis forza aínda que inmensamente minoritarios. Estes grupos de poder minoritarios a miúdo son denominados baixo o cualificativo de mercados, utilizando unha expresión baleira, difusa e invisible; aínda que nin moito menos son entes abstractos, senón que son persoas e organizacións concretas actuando en contextos determinados (grandes especuladores e multinacionais, Banco Mundial, Fondo Monetario Internacional, Organización Mundial do Comercio, Banco Central Europeo, etc.).
 
As decisións dos chamados mercados sáense fóra da democracia, non someténdose aos poderes públicos representativos, e facendo moi acertado o coñecido slogan do 15-M "Chámanlle democracia e non o é! ". Os cidadáns perdemos o noso poder na toma das decisións políticas que nos afectan. Outros axentes que buscan o seu beneficio propio deciden no noso nome e as súas decisións afectan aos dereitos e ás conquistas sociais de todos nós.
 
Si se quere defender o interese común da maioría e conseguir unha democracia real, é prioritario que teñamos capacidade para decidir e influír verdadeiramente nas políticas que nos afectan. Neste sentido, podemos aprender moito dalgúns países do chamado Sur, e comezar unha revolución cidadá que transcenda as ideoloxías políticas partidistas que nos enfrontan e defenden intereses moi particulares. Unámonos e reclamemos cambios nos que a inmensa maioría da cidadanía coincidimos. Non nos dividamos ante visións enfrontadas do mundo que incorporamos nos nosos imaxinarios colectivos.
 
Falemos de ideas, de propostas concretas, sen cualificativos, sen símbolos, sen bandeiras. Esquezamos as nosas supostas diferenzas para decatarnos do moito que compartimos. Dese xeito, decatariámonos do noso poder real como cidadáns e cidadás unidas. Por suposto, seguirán existindo moitas discrepancias sobre temas importantes que non podemos deixar de abordar, pero será un pracer discutilos e debatelos partindo da base da nosa capacidade para chegar a acordos comúns avalados por unha inmensa maioría de cidadáns. Paso a paso, pouco a pouco, do que máis nos une ao que máis nos enfronta.
 

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript