setembro de 2013
 
 

30/09/2013

   CUTUDC / Novidades

  LINGUA . A Mesa Pola Normalización Lingüística
 

A Mesa advirte de que co decreto do plurilingüismo “se poden abrir aínda novas frontes xudiciais”

Carlos Callón: “Con todas as sentenzas e ditames na man, este curso escolar debería haber unha presenza mínima do galego na educación infantil, mais non existe esa garantía por parte da Xunta”

 

  • Noticias relacionadas

 

“Necesitamos un decreto xuridicamente forte e pedagoxicamente eficaz”. O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, sintetizou esta mañá con esa formulación a posición da entidade ante os últimos ditames do TSXG sobre a execución das sentenzas que anulan os núcleos do “mal chamado decreto do plurilingüismo”. “Só o feito de que os mesmos maxistrados do TSXG emitan ditames con formulacións diferentes ante as mesmas peticións xa supón unha boa mostra da enorme debilidade xurídica deste decreto”, apuntou, ao mesmo tempo que sinalou que “aínda que teñan formulacións diferentes, todos estes ditames apuntan a un mesmo sentido fundamental: Non pode haber unha pregunta vinculante para varrer o galego da educación infantil”, e esta pregunta “non pode ser determinante de iure, mais tampouco de facto, como pretendía a Xunta”, “como de certo faría se non velásemos por evitalo as tres entidades que reclamamos a execución destas sentenzas: a CIG-Ensino, A Mesa e Queremos Galego”.
 
O portavoz da maior asociación cultural de Galiza recordou que “os comunicados da Xunta da semana pasada dicindo que era só unha enquisa” contrastan con anteriores declaracións dos gobernantes. Primeiro, do presidente do Goberno galego, que marcou a liña a seguir polo resto dos dirixentes do PP cando afirmou en marzo, despois dun Consello da Xunta, que a consulta non sería “vinculante”, mais si “determinante”, o cal suporía a desobediencia total ao TSXG. Ademais, aínda o día 4 deste mesmo mes de setembro, o secretario Xeral de Política Lingüística afirmou en sede parlamentar que esa pregunta “non era unha enquisa”, algo que “é 180 graos oposto ao que conta agora a Xunta, pois pasa a ser só unha enquisa, despois dos novos éxitos xudiciais da CIG-Ensino, A Mesa e Queremos Galego”.
 
Para Callón, “estes paus xudiciais poñen tan nerviosos aos dirixentes do PP que mesmo chegan a bramar barbaridades como as que sostén o conselleiro de Educación hoxe nunha entrevista”. O presidente da Mesa dixo “sentir vergoña allea” porque un gobernante “se poña a repartir carnés de demócratas segundo comungues ou non coas súas ideas” e que, “nunha lamentábel banalización do fenómeno terrorista”, diga que “as plataformas educativas” que rexeitan o decretazo contra o galego “apoian o terrorismo”. “É unha declaración que só procura prender novos lumes de conflitividade e criminalizar o diferente e o discrepante, na mesma táctica que segue o PP cando multan todas as organizacións que se manifestan contra a súa política, como acaban de facer desde a Delegación do Goberno coa plataforma Queremos Galego”, afirmou.
 
Este curso debería voltar o galego á Educación Infantil
 
O representante da Mesa sinalou que, “con todos estes ditames xudiciais na man”, este curso escolar debería voltar o galego “a todos os centros de educación infantil de Galiza” e que “así debería constar na programación e así debería ser velado pola inspección educativa”. Porén, A Mesa observa que “non existe unha política por parte do Goberno galego para garantir iso e, como é ben sabido, todo dereito non garantido deixa de ser un dereito”.
 
Esta actitude da Xunta e “os novos argumentos xurídicos que existen nestes momentos, como o informe do Consello de Europa contra o decretazo do plurilingüismo” fan que A Mesa estude a posibilidade de “emprender novas accións xudiciais contra o decretazo”, algo que “non desexan, mais que se pode facer necesario se a Xunta teima en manter unha norma tan feble xuridicamente, tan antipedagóxica e tan lesiva para a lingua que nos une como galegas e como galegos”.
 
Enquisa dubidosa
 
Desde A Mesa recordan ademais que “nunca se opuxeron á realización de inquéritos sociolingüísticos”, aínda que considera que estes deben estar realizados con rigor sociolóxico, “e non coma este, que está formulado dun xeito moi perralleiro, até o punto de que nega a realidade maioritaria das familias en Galiza: que uns membros falan galego e outros castelán, non existen comunidades sociais independentes segundo a lingua, como se podería pensar por estes formularios”.
 
Ademais, Callón enfatizou que se debe “actuar con sentido común”, pois “unha enquisa, ademais de estar feita con rigor, é evidente que non pode suplir o coñecemento directo do alumnado”, pois “non ten ningún soporte pedagóxico que contactes cos teus estudantes a través de inquéritos”. O represenante da Mesa preguntou tamén se se coñecerán os resultados desta enquisa –“a diferenza do que aconteceu nos anteriores cursos coa consulta”– ou se todo ficará nunha “absurda perda de tempo e diñeiro”, co único fin de “acelerar a agonía do noso idioma propio”.
 

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript