setembro de 2013
 
 

30/09/2013

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN . Arturo Inglott
 

O Círculo de Empresarios a polo Salario Mínimo Interprofesional

Seguros de estar a navegar a favor da corrente imposta polo gran capital europeo, representado pola troika e os diferentes gobernos da UE, as organizacións patronais do Estado español parecen dispostas a aproveitar a actual conxuntura para demoler ata o último vestixio dos dereitos conquistados durante décadas polas clases traballadoras.

 

  • Noticias relacionadas

 

 

E, ante a ausencia dun sindicalismo combativo e con capacidade e instinto para facer fronte a eses propósitos, o seu obxectivo final, conseguir un "mercado laboral" no que os asalariados sexan unha mercadoría libremente intercambiable e desbotable, parece encontrarse cada vez máis próximo.
 
Este mesmo martes, o Círculo de Empresarios volvía abrir lume contra un dos poucos obstáculos que aínda necesitan superar para implantar a "lei da xungla" que os ideólogos do sistema debuxan como o "paraíso liberal": a existencia dun salario mínimo interprofesional
 
Nun documento publicado este xoves, o lobby empresarial defende que se poidan realizar contratos a mozos que "de forma excepcional fixen unha retribución por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) ". A escusa aducida para xustificar esta reclamación non é en absoluto orixinal. Segundo o Círculo de Empresarios, a posibilidade de realizar subcontratos sen límite á precariedade a este colectivo "sería un estímulo directo para as empresas".
 
Sería inxenuo supoñer, non obstante, que a progresiva desaparición do salario mínimo afectaría exclusivamente aos mozos. A experiencia histórica sobre a forma na que avanzaron no Estado as políticas de corte neoliberal indica que, unha vez aceptada a "medida de estímulo" para estes sería o momento de ampliala ao conxunto da poboación traballadora.
 
Esta proposta, con todo, non é a única que realiza o Círculo no seu último documento. Tamén reclama "máis medios e fondos para levar a cabo as políticas que forman parte do Plan de Emprego Xuvenil", pide ao Goberno que "reduza en dous puntos as cotizacións empresariais á Seguridade Social" e, como non, avoga por afondamento da última contrarreforma laboral.
 
Máis da mesma medicina neoliberal
 
Tal e como se pode supoñer, o último informe emitido polo Círculo non supuxo ningunha modificación na liña de "recomendacións" que esta entidade vén realizando ao Goberno do Estado español nos últimos tempos.
 
Hai algo máis dun ano a presidenta do Círculo de Empresarios, Mónica de Oriol, reclamaba tamén un novo abaratamento do despedimento e a contención dos salarios para "saír da crise". Así mesmo, a dirixente patronal pedía - en nome do lobby que representa - a conxelación das pensións, unha suba dos tipos mínimos do IVE -que gravan un bo número de artigos de primeira necesidade - e o despedimento masivo de empregados públicos para "adelgazar" a Administración. "A segunda reforma laboral foi moi insuficiente", afirmaba Oriol sen que o seu rostro radiante perdese cor en xuño de 2012.
 
Uns meses despois, en novembro dese mesmo ano, Mónica de Oriol queixábase da "man branda" que - a xuízo do Círculo de Empresarios - estaba a demostrar o Gabinete ultraconservador de Mariano Rajoy. Non contentos nin coa contrarreforma do mercado laboral e o sistema educativo, nin cos recortes en sanidade e outros servizos sociais nin co resto de medidas neoliberais que, cada venres, viñeron aprobando o consello de ministros do Executivo central.
 
Segundo Oriol, os empresarios estaban "totalmente decepcionados" co feito ata entón polo presidente do Goberno e pedíanlle que acelerase o ritmo das "reformas".

 
O curso posterior das políticas gobernamentais do Partido Popular permite presaxiar que, máis pronto que tarde, a última petición do Círculo de Empresarios rematará plasmándose tamén nun novo Decreto-Lei.

 

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript