setembro de 2013
 
 

30/09/2013

   CUTUDC / Novidades

  ABORTO LIBRE E GRATUÍTO
 

Por unha vida digna, libre e desexada. Non á contrareforma da lei de aborto!

Na Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto xuntámonos máis de 65 organizacións e aínda cando cada organización ten o seu propio punto de vista respecto da regulación da Interrupción Voluntaria do Embarazo, todas defendemos que o acceso á IVE tense que realizar en condicións de seguranza e legalidade, adoptando as medidas necesarias para que a decisión da muller poida facerse efectiva.

 

  • Noticias relacionadas

 

Con motivo do 28 de Setembro, Día Internacional pola despenalización do aborto, sumámonos á loita coas nosas irmás feministas do resto de territorios do Estado e do mundo e facemos un chamado á mobilización cidadá para esixir respecto aos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres así como para afirmar que non permitiremos que a lei actual de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo se reforme de modo restritivo e a nosa defensa do aborto libre e do dereito a decidir.
 
Reclamamos o acceso ao aborto legal, seguro e gratuíto como unha demanda de dereitos humanos, de xustiza social e de saúde pública. As mulleres somos suxeitas de dereitos con plena capacidade para tomar decisións de acordo ás nosas realidades e proxectos de vida, incluíndo a decisión de abortar ou de ser nais, de ter fillos/fillas ou non.

As mulleres somos persoas autónomas, responsables, libres e iguais e, como tales, exiximos o dereito a decidir sobre os nosos corpos e vidas.
 
Esiximos que todos os actores sociais e o Estado respecten a nosa autonomía sexual e reprodutiva, e que se nos achegue a información e os medios para exercela sen riscos. Isto debe abarcar: acceso universal a métodos anticonceptivos modernos e seguros, incluíndo anticoncepción de emerxencia; educación sexual laica; acceso a abortos seguros, legais e na sanidade pública; condicións sociais e estruturais adecuadas para vivir unha maternidade voluntaria, protexida e gozosa, se optarmos por ela. Só desta forma serán respectados os dereitos consagrados no sistema internacional de dereitos humanos.
 
Denunciamos que o contexto de crise está a ser aproveitado por ideoloxías conservadoras e ultracatólicas, co PP e o Ministro de Xustiza Gallardón á cabeza, para impornos un programa ideológigo moi claro. A restrición do dereito ao aborto é unha medida máis de ataque aos nosos dereitos sexuais e reprodutivos. Por unha banda pretenden prohibir abortar a aquelas mulleres que non queren ser nais e, doutra, Ana Mato, ministra de Sanidade, exclúe a mulleres sen parella e a parellas de lésbicas do acceso á reprodución asistida no sistema público sanitario. Isto súmase á inaceptable exclusión ao acceso ao sistema público sanitario de migrantes en situación irregular, paradas de longa duración e outras mulleres precarizadas, o que lles impide ser atendidas nos servizos de xinecoloxía.
 
A contrarreforma prevista deixará ao Reino de España á marxe das recomendacións da Organización Mundial da Saúde, que advirte que a restrición do aborto só produce máis mortalidade materna no mundo. Os abortos clandestinos matan a máis de 70.000 mulleres ao ano, segundo a OMS. Isto implica un grave dano á saúde física e mental das mulleres e constitúe unha violación aos seus dereitos humanos fundamentais, en especial o dereito á vida, á saúde, á autodeterminación das mulleres, á igualdade e á non discriminación, a estar libres de torturas e danos, á liberdade de pensamento e relixión, e ao control da súa propia fecundidade.
 
As leis restritivas inflúen pouco ou nada no número de abortos que se realizan, pero si determinan se estes se fan en condicións de risco ou non. Coa aprobación da contrareforma sumariamos á lista de países onde o aborto está restrinxido ou penalizado pola lexislación, e onde se producen a gran maioría dos abortos clandestinos, obrigando especialmente a mulleres con poucos recursos e/ou mozas a interromper o embarazo de forma pouco segura.
 
A contrarreforma prevista polo Partido Popular deixaríanos, ademais, lonxe da lexislación vixente na maioría dos países de Europa Occidental, á que, polo visto, debemos pertencer en todo salvo no referido aos nosos dereitos.
 
Novamente, a práctica do aborto será fonte de inseguridade xurídica para as mulleres e para o persoal sanitario e de inequidade territorial e social. A nova lexislación suporá unha titorización intolerable sobre a decisión das mulleres e unha forma de criminalización do dereito que nos asiste a todas nós a decidir sobre a nosa maternidade, é dicir, sobre os nosos corpos e as nosas vidas.
 
Denunciamos as poucas garantías dadas ás mulleres na súa decisión de abortar e tamén na de ser nais, con recortes en axudas á maternidade, en educación, en bolsas para comedores escolares, co aumento da malnutrición infantil. Sumados aos recortes en dependencia, sanidade e un longo etc. que nos fai preguntarnos de que vida falan cando falan da vida.
 
Exiximos sanidade pública e de calidade. Porque se o aborto é unha intervención de carácter sanitaria, ten que se realizar nas mesmas condicións que o resto de prestacións sanitarias: en centros públicos e garantindo a accesibilidade, calidade e confidencialidade, con todas as garantías sanitarias.
 
O Goberno actual é ANTI-VIDA. Porque o Goberno que di protexer a vida, ao mesmo tempo elimina prazas en escolas infantís públicas, quere privatizar os servizos públicos, sométenos a cortes atroces en axudas á dependencia, sanidade, educación e comedores escolares, o que fai imposible a conciliación da vida persoal e laboral.
 
A lei eliminará o suposto de malformación grave fetal ao mesmo tempo que os gobernos do Partido Popular arrasan co investimento en políticas relacionadas coa dependencia. O Goberno do PP fala de protexer a vida durante as semanas de xestación, pero abandona á súa sorte ás persoas unha vez que chegaron ao mundo.
O Partido Papular, ese que dí defender a vida, deixa as agresións e os asasinatos machistas fora da visibilización política ao anunciar a nova política de estatísticas sobre violencia de xénero. Xa non van ser contabilizadas as mulleres que pasen menos de 24 horas no hospital.
 
Os feminismos somos PROVIDA. Porque ser Pro-vida é loitar por ter unha boa vida e non condenar ás persoas a situacións que fagan que esta non mereza a pena ser vivida.
 
Estamos aquí para dicirlle ben alto ao PP e ás ideoloxías ultracatólicas e fascistas que estamos unidas e en pé. Que non nos van calar nin con multas nin con reformas de códigos penais que pretenden restrinxir o noso dereito a nos manifestarmos na rúa.
 
Estamos aquí para berrar ben forte que non imos permitir que recorten os nosos dereitos e que xuntas neste 28 de setembro damos comezo a un novo curso de rebeldía feminista.
 
SUBMISAS NOS QUEREN, REBELDES NOS TERÁN!!!
 
Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto
28 de Setembro de 2013
 

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript