setembro de 2013
 
 

30/09/2013

   CUTUDC / Novidades

  AS FAZAÑAS E CONQUISTAS DO LOBBY ELÉCTRICO
 

O día que J.M. Soria privatizou o sol

As medidas do Ministro de Industria Enerxía e Turismo, José Manuel Soria, penalizan o autoconsumo enerxético de tal maneira que o fai moito máis caro que pagar a luz ás empresas eléctricas (...).

 

  • Noticias relacionadas

 

As recentes medidas enerxéticas do Ministro de Industria, Enerxía e Turismo, José Manuel Soria, provocaron un aluvión de críticas dende todos os sectores da opinión pública. Non é para menos posto que penaliza tremendamente o autoconsumo enerxético de tal maneira que o fai moito máis caro que pagar a luz ás empresas eléctricas maioritarias no sector. Esta medida converte en perigosos evasores de impostos aos que intentaron converterse en autosuficientes nunha materia tan importante como a enerxía e dálle un golpe de morte a todo un sector económico que crecera nos últimos anos.
 
Así pois, trátase dunha medida ao gusto das grandes empresas enerxéticas, que penaliza a moitos miles de persoas que dende hai uns anos están a apostar polas enerxías renovables como forma de enerxía autónoma, cada día máis barata e alcanzable, e máis ou menos limpa, que podería chegar a ser unha solución a pequena escala para as necesidades enerxéticas dunha boa parte da poboación. Con esta medida lógrase paralizar o tremendo auxe de industrias como a solar ou a eólica, de gran crecemento nos últimos anos, e volver poñer sobre a mesa unha posible reapertura da central nuclear de Garoña nun período de tempo relativamente breve.
 
Hai unha clara correlación entre a casta política e as grandes corporacións enerxéticas. Estas medidas que benefician parecen ser o garante dunha xubilación dourada para os líderes do PP, agora que ven que o goberno se lles pode escapar nos próximos anos. Demostran novamente para quen gobernan os que gobernan, non importa do signo que sexan.
 
Indagando noutras posibles causas ocultas tras estes decretos, vén á cabeza o famoso déficit de tarifa, un diñeiro, que supostamente o estado debe ás eléctricas. E como acontece noutras medidas do goberno serán os consumidores que rematen pagando a factura. Neste caso farémolo mediante o encarecemento progresivo das nosas facturas (como por exemplo coa última suba da luz) e mediante certos favores a estas empresas. É evidente que ás eléctricas non lles faría moita graza ter miles de fogares desconectados da rede. Ante a xeneralización deste tipo de servizos e de pequenas compañías instaladoras de paneis solares, quixeron poñer o freo e rematar con este aspecto que non controlan.
 
De pouco serve saber que o estado español non é en absoluto independente en termos enerxéticos, xa que importa practicamente todo o petróleo e unha boa parte do carbón do estranxeiro. Ás veces vén de países conflitivos nun mundo cada día máis revolto, noutras ocasións de países como Rusia que en calquera momento poden encarecer o prezo da enerxía por motivos xeopolíticos e noutras dos nosos "aliados" que xustamente están en fase de espremer todo o posible dos estados do sur europeo antes de sacarnos do primeiro mundo. Non é casual que a pesar de que o estado podería ser enerxeticamente autónomo, esteamos a importar enerxía das centrais nucleares francesas. A liña de moi alta tensión (MAT) que atravesará Catalunya é unha proba máis desta barbarie que destrúe o noso ámbito, que nos ata a unha nova dependencia enerxética e que non ten reparos en desprazar ou deixar sen o seu medio de vida numerosas persoas. É a lóxica dun capitalismo autodestrutivo, que non coñece o mañá, e que nos deixará un legado ruinoso mírese por onde se mire.
 
Ante este catastrófico panorama non queda outra que a loita e a desobediencia civil a grande escala. É curioso notar que ata a revista económica americana Forbes, entre outros medios financeiros europeos, critica a medida adoptada polo ministro Soria. Anuncia ademais que provocará unha ondada de desobediencia civil que pode chegar a facer inaplicables estas medidas. De momento comezan a saír propostas de curto percorrido como cambiar de compañía eléctrica e abandonar ás grandes corporacións promotoras desta lei.
 
Non é de ser agoreiro dicir que non é suficiente, porque abonda que o goberno lles impoña novas trabas a estas empresas para que se afundan e todos os seus clientes teñan que volver ao curral que marca o "mercado". A desobediencia civil e a insubmisión teñen que ir á raíz do problema, que é o enorme e insostible consumo enerxético da nosa sociedade. Reducir o consumo, ter placas solares sen declarar, non pagar as multas, picar a luz, ou simplemente reclamar cada recibo, é unha segunda fase da resistencia. A terceira fase sería fomentar un movemento social contra a política de desenvolvemento salvaxe do sistema capitalista que non ten en conta o ámbito máis que como fonte de recursos e de explotación como o foi o movemento contra o TAV ou o está a intentar a acampada de resistencias contra a MAT en Girona.
 
Sería bonito ver nos próximos anos que as cooperativas de enerxías "verdes" teñan centos de miles de usuarios, que as picadas se xeneralizaron, que xa non gastamos tanto como antes e as nosas vidas intentan ser algo máis sustentables tendo en conta o consumo, que os actos de acción directa contra as agresións ao territorio (liñas MAT, fracking super-portos, pantanos, transporte de alta capacidade, etc.) estendéronse por todas as partes. E que todo este movemento social conecta cos demais movementos populares (vivenda, sindical, estudantil, comunitario, ecoloxista, feminista, xuvenil, etc.) en loita contra o capitalismo. Hoxe máis que nunca: ou nosotrxs ou elxs.
 

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript