setembro de 2013
 
 

23/09/2013

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN - Vicenç Navarro
 

A relixión neoliberal

Hoxe, a relixión dominante que rexe o quefacer da maioría de gobernos aos dous lados do Atlántico Norte non é a relixión cristiá, senón un sistema de crenzas que ten a súa propia ideoloxía e narrativa, con popes e sacerdotes, altamente promovidas nos medios, que en gran xeito están financiados ou son altamente dependentes dunha forza non divina, senón humana, centrado no grupo de presión político e mediático máis importante do mundo occidental: o capital financeiro, no que a banca xoga o papel central.

 

  • Noticias relacionadas

 

 

E utilizo a expresión "relixión" (sen ánimo de ofender ou insultar á freguesía de tal crenza), posto que as bases nas que se fundamentan esas crenzas son dogmas, que se sosteñen a base de fe e non de evidencia científica. Constantemente, nos programas de economía patrocinados nos maiores medios de información (véxase o programa L-Konomía, de La Vanguardia ou os programas económicos de Catalunya Ràdio ou TV3) preséntanse posturas claramente ideolóxicas coma se fosen científicas (pertencentes ás "ciencias económicas"), cando toda a evidencia existente mostra a falsidade e/ou erro de tales crenzas. E a base de repetirse día tras día, convértense en dogmas xerais incorporados na cultura xeral.
 
Encontramos múltiples exemplos destes dogmas. Un deles é a necesidade de reducir o déficit público, pois de non reducilo incrementarase a débeda pública, o que creará un problema grave, pois cando a débeda alcance altos niveis (algúns gurús da Harvard University dixeron 90% do PIB) os países terán enormes dificultades en conseguir prestado diñeiro. Asúmese así que os Estados non poderán pagar esta débeda pública e perderán a confianza dos mercados financeiros, co cal ser será moi difícil conseguir diñeiro prestado, forzándolles a ter que pagar intereses altos nos seus bonos públicos para poder vendelos. E cítase a España como un exemplo diso. Ata aquí o dogma neoliberal.
 
Vexamos agora a evidencia que avala ou falsifica tal dogma. E hai un caso claro de que este dogma non é crible. Estoume a referir ao Xapón, cuxo goberno estivo tamén imbuído de tal dogma por moitos anos, ata que un goberno (conservador, por certo), decidiu romper con ese dogma e tomou decisións contrarias á sabedoría convencional que reproduce a Troika na Unión Europea (é dicir, o Fondo Monetario Internacional, a Comisión Europea e o Banco Central Europeo). Decidiu, pois, aumentar o gasto público dun xeito moi, pero que moi acentuada, disparándose o déficit público ata alcanzar unha cifra equivalente ao 10% do seu PIB, permitindo que a súa débeda pública alcanzase o nivel de 245% do PIB. Consecuencia diso é que a economía, que estivera practicamente paralizada dende había moito tempo (estancada como resultado das políticas neoliberais) creceu rapidamente, crecendo un 3,6% só xa no primeiro trimestre deste ano.
 
E o que é mesmo máis importante é que tanto o desemprego coma a porcentaxe da poboación ocupada melloraron tamén dun xeito moi notable. A taxa de ocupación aumentou un 0,6% por ano, seis veces máis que en EUA (en termos estadounidenses iso implicaría 1.3 millóns máis de postos de traballo en seis meses) e case doce veces superior á media dos países da Eurozona, onde esta taxa estivo a diminuír dun xeito máis que alarmante.
 
Segundo o dogma neoliberal, estas políticas expansivas deberían ter un impacto desastroso en dúas frontes. Segundo este dogma, a débeda creada do 245% do PIB debería implicar que a desconfianza dos mercados financeiros sobre a posibilidade de que o Estado xaponés pagase a débeda fose enorme, forzándolles a pagar uns intereses da súa débeda pública elevados. Pois ben, os datos sinalan o contrario. Os intereses dos bonos públicos (a longo prazo, 10 anos) do Estado xaponés son dos máis baixos do mundo (0,8%). O pagamento do Estado en intereses da débeda pública representa só un 0,9% do PIB, tamén un dos máis baixos do mundo. Varias son as causas desta situación, pero unha de grande importancia é que Xapón ten un Banco Central (que non teñen nin España, nin a Unión Europea nin a Eurozona) que está disposto a imprimir diñeiro e con iso comprar tantos bonos públicos do Estado como sexa necesario (cousa que o BCE non fai).
 
E aí está unha das maiores causas de que os países periféricos da Eurozona teñan uns intereses escandalosamente altos nos seus bonos públicos. Os seus Estados non están protexidos fronte á especulación dos mercados financeiros, co cal, a banca fórzaos a pagar uns intereses altos que reducen considerablemente os seus recursos (causa dos recortes de gasto público social). E este deseño do BCE non se debe á incompetencia, senón a unha política neoliberal deseñada para debilitar os Estados e cargarse os seus Estados do Benestar. Se vostede, ao ler estas notas, cre que cando eu falo de "deseño" por parte do capital financeiro (no seu desenvolvemento da estrutura financeira da Eurozona) é síntoma de paranoia (como algúns críticos me insultaron), aconséllolle que se lea, non a historia oficial da UE, senón os documentos que se están a publicar sobre como se construíu o BCE (ver o meu blog www.vnavarro.org, sección Economía política), e espero que perda a súa inxenuidade. É importante polo seu ben e o do seu país que a perda tan pronto como sexa posible.
 
Unha última observación. Outro dogma que se está a mostrar polo que é, é o de que a impresión de diñeiro polo Banco Central creará inflación. Pois ben, o Banco Central xaponés imprimiu millóns e millóns de iens e a inflación continúa sendo moi baixa, demasiado baixa segundo este Banco Central, de maneira que está a imprimir máis e máis diñeiro ata que a inflación suba un 2%, o cal iría ben, pois podería facilitar así a redución da débeda pública.
 
Remato, pois, así, non sen agradecer antes ao meu amigo Dean Baker (director do Center for Economic and Policy Research, de Washington DC ) polo seu excelente artigo "United States Trails Basket Case Japan: But Deficit is Down", publicado no seu blog, e do cal obteño todos os datos presentados neste artigo.

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript