setembro de 2013
 
 

09/09/2013

   CUTUDC / Novidades

  LINGUA . A Mesa Pola Normalización Lingüística
 

A Mesa critica a “política destrutiva, lingüicida, de Atila Núñez Feijóo” e reclámalle que “regrese ao consenso de cumprir a Lei de normalización lingüística”

A entidade realizará un estudo para observar cal é a presenza das linguas no sistema educativo galego, para ver se continúa “a liña de laminación do idioma propio, agudizada nos últimos anos”

 

  • Noticias relacionadas

 

Despois de que o Goberno galego anunciase a súa suposta pretensión de crear un “consenso sobre a lingua galega”, a maior asociación cultural de Galiza propón que “o que ten que facer a Xunta é voltar ao consenso de cumprir a Lei de normalización lingüística, o Plan xeral de normalización da lingua galega e da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias” que “escachou en anacos o Partido Popular”. Así o recordaron esta mañá en conferencia de imprensa os dirixentes da Mesa pola Normalización Lingüística Carlos Callón (presidente), Susana Méndez (vicepresidenta) e Iria Taibo (secretaria xeral), que cualificaron ironicamente esta proposta como “consenso mortal”. Ademais, recordaron que, se desde a Xunta queren falar, o que teñen que facer é responder ás “numerosas solicitudes de entrevista sen resposta que gardan nos caixóns da presidencia”.
 
Susana Méndez apuntou que “cada día é máis difícil vivir en galego en Galiza” e puxo como exemplos notorios algunhas das discriminacións denunciadas nas últimas semanas, como “o caso dun funcionario da Deputación da Coruña ao que lle prohiben usar o galego”, ou “a exclusión do noso idioma en eventos significativos onde non hai escusa posíbel para que non estea presente, como por exemplo nas actividades culturais ou festivas organizadas polo Concello da Coruña”. A vicepresidenta da maior asociación cultural galega tamén criticou a “nova tentativa de criminalización do movemento social en defensa da lingua galega”, a través dunha denuncia tramitada pola Delegación do Goberno contra Queremos Galego por supostos desperfectos realizados na manifestación do 17 de maio, dos cales ninguén ten constancia.
 
A respecto disto último, Carlos Callón lamentou que o PP utilice as institucións para converter en “sospeitosos habituais” todos os movementos “que teñan unha opinión diferente da súa”. “A denuncia contra Queremos Galego é un corta-pega da denuncia que presentaron nos mesmos días contra os movementos feministas, indicativo de que o único fin que se persegue é a criminalización”. Ademais, o presidente da Mesa sinalou que “é ben curioso que nos chegue agora unha denuncia da Delegación do Goberno por uns supostos desperfectos na manifestación do pasado Día das Letras, cando ningún, absolutamente ningún dos moitos medios de comunicación presentes na marcha viron que existira nin o máis mínimo desperfecto, o cal, se se producir, sería sempre contrario ao espírito e á vontade de Queremos Galego”.
 
A Mesa anuncia un novo estudo sobre a situación do galego no ensino
 
Os representantes da Mesa tamén chamaron a atención sobre o “enorme retroceso” que está a padecer a lingua galega no sistema educativo durante o goberno de “Atila Núñez Feijóo, que tantos dereitos está a destruír, entre eles o de podermos vivir no noso idioma no noso propio país”. Para o constataren, “e dado que a Xunta non ofreceu en ningún momento datos nin sobre o ensino en cada lingua e nin tan sequera sobre os resultados da pseudoconsulta”, A Mesa dirixirase aos centros de ensino para ter unha información sobre a presenza do galego na escola, “un estudo que queremos que sexa máis exhaustivo na educación infantil das cidades, un espazo en que o decretazo contra o noso idioma está a ser especialmente letal”.

 

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript