setembro de 2013
 
 

16/09/2013

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN . Isaac Rosa
 

Dereito a decidir? Que isto é España, oia!

O rexeitamento da dereita española (e de parte da esquerda) a aceptar o "dereito a decidir" que reclama unha maioría de cataláns ten que ver co nacionalismo español (que en si mesmo non é nin mellor nin peor que o nacionalismo catalán), cunha forma de entender España que non admite moitos cambios.

 

  • Noticias relacionadas

O repetido argumento de que, postos a decidir sobre Cataluña, todos os españois teñen dereito a el, non deixa de ser unha forma elegante de negárllelo aos que o piden en Cataluña.
 
Pero sen negar ese compoñente nacionalista español, o asunto ten que ver tanto ou máis con principios democráticos, ou coa falta destes. O problema non é só a posibilidade de que Cataluña acabase independendizándose; o problemático é o propio feito de que os cidadáns decidan algo. Dereito a decidir? En España? Pero cando se viu algo así, que os cidadáns decidan sobre temas que lles afectan!
 
O dereito a decidir instalouse no discurso político catalán como un substituto eufemístico da autodeterminación, posto que esta é impronunciable entre nós, case delituosa. Pero se xa non falamos de autodeterminación (máis asociada a pobos en busca de independencia), senón de dereito a decidir, o concepto amplíase, e xa non só o poden esgrimir os cataláns ou os vascos, senón tamén os veciños dun barrio afectados por unha medida política. No meu barrio nunca sacariamos unha pancarta pola autodeterminación, pero si nos manifestamos polo dereito a decidir sobre unha nova gasolineira.
 
Que perigo, o dereito a decidir, deben de pensar os nosos gobernantes. Temen que pase como aquilo que dicía con humor negro Thomas de Quincey en Do asasinato considerado como unha das belas artes: un empeza por asasinar, despois dálle por roubar, de aí pásase á bebida, e ao final é capaz de non dar os bos días ao veciño. Pois co dereito a decidir igual: un empeza por decidir a forma de Estado, e pode acabar pretendendo opinar sobre unha estrada que atravesa o seu pobo, que unha vez se pon a xente a decidir, xa non hai quen a pare.
 
Que lle quede claro aos cataláns da Diada: o dereito a decidir é incompatible coa democracia española xurdida da Transición. Aquí nunca se permitiu tal dereito, nin para decisións grandes nin pequenas. E aí inclúo a espécimes cataláns que reclaman o dereito a decidir, como Artur Mas, que quere que os seus cidadáns decidan sobre a independencia pero non sobre os recortes sociais.
 
O dereito a decidir, en España, só nos deixaron exercelo con trampa, como no de 1978 para a Constitución, que era en plan trampa: votas si a esta Constitución co kit completo (monarquía incluída), ou volvemos á caverna. Ou o da OTAN en 1986, onde o PSOE usou artes de trileiro. Quitando eses dous, e a aprobación dos estatutos de autonomía, só recordo o referendo da Constitución Europea, e porque sabían que se gañaba por goleada.
 
Salvo eses poucos casos, todos os demais denegáronse sistematicamente, cando non se perseguiron, como no caso de Ibarretxe e o seu plan. Cando as mareas pediron consultas cidadás polos recortes e privatizacións, obtiveron unha pedorreta en resposta. Hai uns días, por exemplo, nada menos que o Consello de Ministros aprobou un acordo para impedir que un pobo de Álava, Kuartango, celebrase unha consulta cidadá sobre o polémico fracking na súa localidade. Que esperaban, coma se uns veciños tivesen algo que dicir sobre unha extracción de hidrocarburos que pode contaminar os seus acuíferos.
 
Hai uns meses a capital austríaca, Viena, celebrou unha consulta para preguntar aos seus cidadáns se querían competir polos Xogos Olímpicos de 2028. A maioría rexeitou o proxecto, e o alcalde aceptou o resultado, aínda que a consulta non era vinculante. E o pasado luns, os cidadáns de Oslo fixeron o mesmo, neste caso aprobándoo. Imaxínanse algo así aquí? Non, aquí encargan enquisas que dan un 91% de apoio, e aforras a molestia dun referendo.
 
Pero o dereito a decidir, como tantos outros dereitos, non se pide, non se espera: exércese. Aínda que de entrada non teña efectos. Nos últimos anos, varios colectivos organizaron consultas cidadás pola súa conta, sen esperar a que os gobernantes lles concedesen un dereito que negan. Fixérono en Madrid coa privatización da auga, fixérono coa privatización da sanidade, e agora formúlano tamén contra os recortes educativos. En todos os casos, o dereito a decidir exércese, e aínda que de inmediato non teña consecuencias (pois o resultado é ignorado polos gobernantes), a longo prazo teraas, claro que si.
 
Pois o mesmo en Cataluña: se llo negan, os cidadáns rematarán por exercer o seu dereito a decidir. Aínda que non teña validez, aínda que non sexa legal, aínda que non teña consecuencias. Pero a longo prazo, teraas.

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript