setembro de 2013
 
 

09/09/2013

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADES PÚBLICAS GALEGAS-POR UNHA UNIVERSIDADE PÚBLICA E DE CALIDADE
 

A Comunidade Universitaria manifestou en Compostela o seu rexeitamento aos recortes na universidade

Centenares de alumnos, profesores e PAS das universidades públicas galegas concentrámonos na praza do Obradoiro para, primeiro debuxar unha tesoira humana, acto mediante o que se quixo facer patente o rexeitamento á tesoirada que Feijoo lle meteu aos orzamento das universidades, posteriormente dirixímonos ás portas do Pazo de Fonseca onde permanecemos concentrados até as 13 horas.

 

  • Noticias relacionadas

 

As persoas que nos concentramos este día en Compostela somos conscientes de que os servizos públicos e, entre eles a universidade, está a ser o chibo expiatorio sobre o que se está a cargar a saída da crise estafa na que nos meteu a avaricia bancaria.
 
Ante a catastrófica situación que vive a universidade pública galega, debido ás políticas precarizadoras e privatizadoras, reivindicamos unha universidade pública e de calidade.
 
Os actos de protesta non só se fixeron sentir fóra do recinto, no propio acto, docentes, alumnos e PAS ergueron cartóns para manifestarlle ao conselleiro o rexeitamento ás súas políticas.
 
Manifesto da convocatoria.
 
Polo futuro da Sociedade galega, non aos recortes nas Universidades públicas galegas. Tesoiradas non!
 
Os gobernos do PP de Rajoy e Feijóo aplican sucesivamente unha implacable política de recortes co obxecto de afundir as universidades públicas galegas. A rebaixa orzamentaria no Sistema Universitario Galego é do 20% nos últimos catro anos. O financiamento estrutural, que cobre os gastos de persoal e os gastos correntes básicos das universidades, pasou en 2013 de 290,06 M€ a 250,74 M€.
 
A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia busca un cambio de modelo que pasa polo afogo económico e a privatización das universidades, non garantindo a suficiencia financeira e que, en definitiva, vai repercurtir nos petos das familias. Afóndase tamén na intromisión na autonomía universitaria. O goberno do PP renunciou tamén a artellar unha carreira investigadora digna e con garantías de estabilidade.
 
A subida de taxas, pero sobre todo, a reforma Wert do sistema de bolsas expulsan do ensino superior os estudantes de familias con menos recursos. A maior esixencia nos requisitos académicos, a redución das contías das bolsas e a aplicación dunha fórmula que sementa incerteza sobre a cantidade da cartos que han recibir, provocan a exclusión de estudantado do ensino público.
 
O persoal das universidades galegas leva varios anos sufrindo recortes salariais cunha perda do poder adquisitivo do 25%. Paralelamente, a non reposición das vacantes provoca unha grave descapitalización das universidades e unha atención cada vez máis deficiente ás actividades docentes e investigadoras, lonxe da calidade que deberiamos perseguir. A precarización do persoal é extrema e a Xunta de Galicia vén de decidir non autorizar ningunha praza de profesorado laboral estable condenando á interinidade e a condicións laborais ínfimas ao profesorado. A fuga de cerebros, coa perda do investimento público na súa formación, está á orde do día.
 
A masificación nas aulas, a imposibilidade de cumprir as esixencias da reforma de Boloña por unha redución masiva de persoal e medios para prácticas e outras actividades docentes, é unha lousa na formación dunha xeración de galegas e galegos.A destrución do sistema galego de investigación realízase con asañamento. As convocatorias de recursos humanos e proxectos de investigación están practicamente paralizadas. Nos últimos catro anos o investimento en I+D en Galiza descendeu do 1,1% ao 0,96%, cando a media europea é superior ao 2%.
 
A mingua da calidade da docencia e, daquela, na formación superior dos galegos e galegas, así como a derruba do noso sistema de investigación non son só un problema dunha xeración ou do PDI universitario: ha pagalo toda a sociedade galega, antes ou despois, cun empeoramento das súas condicións de vida e con menores posibilidades de desenvolvemento.
 
Por todo isto os órganos de representación do persoal, sindicatos e colectivos asinantes chamamos a:
 
-Concentrarse o día 6 ás 11 h na Praza do Obradoiro para unha tesoirada contra os recortes. Únete cunha tesoira na man (de papel ou cartón) e constrúe connosco unha silueta de tesoira.
 
-Participar na recepción ás autoridades que acoden ao acto de inauguración de curso, expresándolles a nosa oposición a esta situación catastrófica ás 11.30 en Fonseca.
 
-Manifestar simbolicamente o rexeitamento aos recortes adornando os traxes académicos ou roupa con colantes alusivos no acto de Apertura do Curso Académico 2013-2014 que se celebrará o 6 de setembro ás 12,00 horas no Salón Nobre do Colexio Fonseca en Compostela.
 
-Explicar o alcance dos recortes por parte do profesorado cando comecen as aulas o día 9 en todos os cursos e grupos.
 
-Promover os Reitores un posicionamento institucional conxunto cos órganos institucionais e de representación das universidades esixindo a eliminación de todas as medidas que supoñen un ataque á autonomía universitaria e a precarización do ensino universitario, os cambios de dedicación do profesorado, un cambio radical nos orzamentos de 2014 no financiamento das universidades e na taxa de reposición e a derrogación do decreto Wert de bolsas.
 
CIG, CCOO, CUT, FETE-UGT, Comités, Liga Estudantil Galega, Sindicato de Estudantes, Acción Universitaria, Comité intercentros de PAS USC, Comité de empresa do PAS UdC, Comité de empresa de PDI da USC, Comité de Empresa de PDI da UdC, Comité de Empresa do PDI de Pontevedra da Uvigo, Comité de Empresa do PDI de Ourense da UVigo, XPDI da USC, XPDI da UdC, XPDI da UVigo, Xunta do PAS da USC, Xunta do PAS da UdC, Alternativa de PAS Asemblearia, Asemblea pola Defensa da Universidade de Vigo, Plataforma de anulados USC, Asociación de Investigadores do Programa Parga Pondal, Candidatura de 3º ciclo da UDC
 






 



A universidade pública clama ante a Xunta pola súa supervivencia
 
O inicio do ano universitario arrinca cunha mobilización e avanza un curso convulso
 
Máis fotos
 
Vídeo
 
400 estudantes da Universidade da Coruña terán que devolver as bolsas

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript