setembro de 2013
 
 

09/09/2013

   CUTUDC / Novidades

  LABORAL
 

Carta dunha traballadora de Albada

A miña esperanza de vida é inferior á media. Apenas son mileurista e levo máis dun mes en folga. Traballo na planta de tratamento de residuos da Coruña (a de Florentino Pérez) e decidín escribirvos esta carta para explicar a nosa situación. Perdoade que non dea o meu nome pero xa temos 8 despedimentos sobre a mesa e non quero ser a seguinte.

 

  • Noticias relacionadas

 

Cobro 1.100 euros ao mes, aínda que algúns digan outra cousa; tamén din que é moito, coa desculpa de que todo está mal, pero eu invitaríavos a que viñésedes algún día a ver como traballamos e que é o que facemos. O noso traballo é separar o lixo para reciclaxe, a man, claro, e aínda que non o creades facémolo rodeados de ratas, en condicións insalubres.
 
Estamos en folga porque dun día para outro quérennos quitar unha cuarta parte do soldo, deixándoo en 800 euros, de paso queren que traballemos máis horas e, por suposto, estamos en folga polas 8 persoas que quedan na rúa. Ah, os complementos por enfermidade profesional quérennolos quitar tamén, non lles importan nada as condicións nas que estamos na planta.
 
Agora, enriba, despois dun mes sen cobrar por estar en folga, hai un incendio nunha nave da planta. A empresa cobrará o seguro e a nós ríscannos de terroristas.
 
E así, entre as ratas, cun recorte de salario e máis horas de traballo, enriba son unha terrorista. Era xa o que me faltaba! E é que eu polo pan dos meus fillos mato, por iso nunca queimaría o meu lugar de traballo, pero a central de tratamento de residuos ardeu e hoxe acúsannos de criminais nos xornais. Teño todas as de perder, porque mentres eu estou en folga a empresa embólsase o meu soldo e o diñeiro de todos os cidadáns, porque o concello o segue pagando a Florentino Pérez polo que non fai; e enriba mañá caerannos máis despedimentos nunha planta que poderá reciclar aínda menos.
 
Estou desesperada pero seguirei loitando, axudádenos a resistir, porque se nós caemos mañá pódeche tocar a ti.
 
A carta remata aquí.
 
Na prensa informan de que Albada presenta un ERE temporal á plantilla e denuncia ao comité
 
O Consorcio das Mariñas denuncia que Albada non recicla

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript