setembro de 2013
 
 

09/09/2013

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN . María Eugenia R. Palop
 

A suba de taxas universitarias e o negocio da banca

A combinación dun contexto de crise e un goberno do PP é unha grande oportunidade para banqueiros e empresarios, e non só lles ofrece un substancioso investimento, senón que propón unha contrarreforma institucional que garante a súa presenza e a súa capacidade de decisión nos corpos de xestión da Universidade.

 

  • Noticias relacionadas

 

Sen dúbida, esta selección das rendas máis altas combinada coas diferenzas territoriais, é un paso fundamental cara a un modelo privado de xestión universitaria baseado na desigualdade, o endebedamento dos estudantes, e o negocio da Banca. A suba das taxas e as previsibles bolsas-préstamos abrirán un novo mercado de "pobres" para un sector bancario en franca decadencia. Parece que a da Universidade pública é a crónica dunha morte anunciada que se precipitou de forma vertixinosa nesta lexislatura.
 
A acta de defunción dos nosos centros universitarios pode lerse no Informe que algúns "expertos" presentaron hai uns meses ao Ministerio: "Propostas para a reforma e mellora da calidade e eficiencia do sistema universitario español". O Informe deixa claro que a combinación dun contexto de crise e un goberno do PP é unha grande oportunidade para banqueiros e empresarios, e non só ofrécelles un substancioso investimento, senón que propón unha contrarreforma institucional que garante a súa presenza e a súa capacidade de decisión nos corpos de xestión da Universidade.
 
A contrarreforma consiste en establecer un só órgano decisorio, un Consello de Universidade, no que teña cabida un 50% de persoas procedentes do goberno autonómico correspondente e dunha parte da "sociedade civil". Dedúcese do Informe que a tal "sociedade civil" é, máis ben, unha "sociedade mercantil", porque se pensa sobre todo na Banca e nas futuras empresas financiadoras do proxecto universitario, contempladas, ademais, como posibles "empregadoras". O Consello de Universidade desempéñase, ademais, como un auténtico Consello de Administración, e elixe un Reitor que conta con "plenas funcións executivas", que acapara un amplísimo poder discrecional -incluído a libre "xestión de recursos humanos" - e que se sitúa á marxe de calquera forma de control democrático. O Claustro, formado por representantes do persoal docente, e, en menor medida, por persoal administrativo e estudantes, ten na súa man o nomeamento do 50% do Consello de Universidade, pero funciona só como un órgano "consultivo".
 
É dicir, que todo está claro no Informe que o PP pagou aos seus "expertos": a Banca ten presenza no Consello, sobe as taxas universitarias, e despois sufraga os estudantes con menos renda; a empresa deseña os programas e o mapa universitario, xerando e seleccionando a tropa de asalariados que "exactamente" necesita; e o goberno autonómico introduce os seus contidos ideolóxicos e as súas inclinacións partidistas. Os estudantes son clientes, e os funcionarios, empregados.
 
Finalmente, a utopía pepera é a de someter a Universidade aos intereses da mesma estrutura produtiva, caduca e deprimente, que nos arrastrou á crise, e parece que todo está programado para alcanzala. Neste contexto previsible, a misión da Universidade non será preparar traballadores críticos que se incorporen ao mercado con dignidade, senón a de "cualificar" a unha man de obra barata, obediente, e preparada para traballar en condicións extremas. Se a Universidade coloca a xente "axeitada" no mercado "axeitado", contribuirá ao incremento dos beneficios empresariais, e demostrará, con iso, a súa auténtica vocación de servizo "público". E non é que careza de sentido que a Universidade, como institución, conecte co mercado e resulte competitiva, o que non ten sentido, se de servizo público falamos, é que a súa lóxica sexa exclusivamente a da rendibilidade e a empregabilidade. A Universidade pode colaborar coa empresa pero nin é unha empresa, nin debe funcionar como tal.
 
Certamente, con esta inxerencia de políticos, banqueiros e empresarios na xestión universitaria, lesiónanse gravemente algúns dereitos fundamentais, como o dereito á autonomía universitaria, o pluralismo ideolóxico, a liberdade de cátedra e a liberdade de produción científica, pero esta lesión, pensarán, é "unha gota de mar no mar inmenso". Á fin e ao cabo, a quen lle importa? A moitos abóndalles sinalar que foi o noso afán garantista o que nos impediu alcanzar certas cotas de excelencia, ou o que nos deixou fóra dos rankings internacionais. Que a liberdade de cátedra e a de produción científica son cousa de funcionarios acarunchados e casposos, e que tanta potestade universitaria de autonormación, autoorganización e autogoberno, non serviu para moito. Que a excelencia e a eficiencia son incompatibles co exceso de seguridade e de liberdade propia do funcionariado, como o son tamén con determinadas pretensións igualitarias (xa se sabe que a fame agudiza o enxeño).
 
En definitiva, coa actual suba de taxas, os gobernos autonómicos están a orquestrar o seu particular "canto de serea " para a Banca e o sector empresarial, aos que xa outorgan un amplo poder económico, e para os que reservan no futuro unha gran capacidade de decisión. Se o milagre funciona, e funcionará, as nosas "universidades de primeira" serán as máis caras, as máis mercantilizadas, as máis sectarias, e as que máis diñeiro absorban da Administración pública, dado que só recibirán o apoio do Estado as que consigan previamente financiamento privado. Os seus estudantes serán ricos ou estarán endebedados, e formarán parte desa gran masa laboral, acrítica e aparvada, que demanda a nosa crise.
 
A suba das taxas universitarias e as diferenzas territoriais non son unha anécdota illada, senón que forman parte dun proxecto educativo de longo alcance; ese proxecto co que soñan uns poucos e que se acabará convertendo no pesadelo sen mañá de varias xeracións.

 

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript