setembro de 2013
 
 

09/09/2013

   CUTUDC / Novidades

  ASOCIACIÓN PARA A DEFENSA DA FUNCIÓN PÚBLICA ARAGONESA
 

Debater o alcance da taxa de reposición de efectivos como límite á oferta de emprego público

Esta Asociación, na súa liña constante de defensa do dereito de acceso á función pública, como dereito fundamental recoñecido no artigo 23.2 da Constitución Española, desexa someter a unha análise de constitucionalidade o alcance da "taxa de reposición de efectivos" que, anualmente, se vén marcando pola Lei de Presupostos Xerais do Estado como límite á Oferta de Emprego Público no conxunto das Administracións Públicas.

 

  • Noticias relacionadas

 

Dito limite fíxase con carácter básico e vinculante para todas elas, ao abeiro do previsto no artigo 149.1.13ª CE, que reserva ao Estado a competencia en materia de "bases e coordinación da planificación da actividade económica", título que habilita para fixar límites ao gasto de persoal no conxunto das Administracións.
 
Ao noso xuízo, debe axuizarse a "taxa de reposición de efectivos" dende o punto de vista da súa posible afección ao exercicio do dereito de acceso á función pública por parte dos cidadáns, pois un dereito fundamental constitucionalmente garantido non pode ser privado de eficacia por ningún poder público, incluídas as Cortes Xerais ao aprobar a Lei de Presupostos Xerais do Estado. Por iso, o dereito fundamental de acceso ten que actuar como un límite aos límites, é dicir, ten que modular o alcance da "taxa de reposición", pois no caso contrario as Leis de Presupostos non supoñerían un límite ao dereito de acceso senón unha vulneración deste, incorrendo en vicio de inconstitucionalidade.
 
Ao igual que non é posible que, por razóns de estabilidade orzamentaria, se supriman os procesos electorais -consubstanciais ao Estado democrático- tampouco cabe suprimir, polo devandito motivo, os procesos selectivos para acceso á función pública -consubstanciais ao Estado de Dereito-, debendo distinguir claramente o establecemento de límite ao gasto público coa posible afección que a súa aplicación poida producir no dereito de acceso á función pública. As leis poden reducir o número de membros dos Parlamentos ou de concelleiros dos Concellos, pero non poden suprimir a realización dos procesos electorais, e do mesmo modo se pode reducir o número de funcionarios públicos, pero as postos existentes teñen que proverse na forma constitucionalmente establecida, conforme a principios de igualdade, mérito e capacidade, a través dos procesos selectivos sinalados no Estatuto Básico do Empregado Público.
 
A virtualidade da "taxa de reposición de efectivos" debe quedar referida, polo tanto, ao volume dos efectivos das Administracións, pero non pode servir de escusa para manter as taxas de interinidade existentes en cada unha delas, como resultado da vulneración do réxime de acceso á función pública, pois o Tribunal Supremo sinalou que as Ofertas de Emprego Público teñen que incluír a totalidade das prazas vacantes ocupadas por interinos, sen que a taxa de reposición afecte á súa cobertura, xa que o gasto de persoal xa se está a producir, a pesar de que tales prazas non se provesen por persoal seleccionado na forma debida, mediante procesos que aseguren os principios de igualdade, mérito e capacidade.
 
En suma, dende esta Asociación queremos evitar que as "taxas de reposición" sigan funcionando como escusa ou coartada para a non aprobación de Ofertas de Emprego Público, co resultado de manter ou incrementar as taxas de interinidade nas Administracións Públicas, o que supón, ademais dunha vulneración do dereito de acceso, unha progresiva deterioración do réxime de función pública, da súa profesionalidade e do deber de imparcialidade e suxeición á legalidade de todos os empregados públicos, que ten que verse reforzado co principio de inamobilidade.
 
Para iso, en breve debateremos a oportunidade de dirixirnos, en exercicio do dereito de petición, ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, así como ás Cortes Xerais -Congreso dos Deputados e Senado- e ao conxunto dos Grupos Parlamentarios de ambas as dúas Cámaras, para expresarlles o noso criterio de que as taxas de reposición non poden privar de virtualidade ao dereito de acceso á función pública, tomando en consideración o pronunciamento do Tribunal Supremo de 29 de outubro de 2010, que obriga a incluír na Oferta anual de Emprego Público a totalidade das prazas vacantes ocupadas por funcionarios interinos.

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript