setembro de 2013
 
 

09/09/2013

   CUTUDC / Novidades

  ASEMBLEA GALEGA CONTRA O LUME
 

10 medidas “de país” contra a desfeita

A intervención do estado español polo FMI, BCE, UE ocultada baixo a eufemística denominación de rescate bancario xa a estamos a pagar entre toda a cidadanía, o que no seu momento foi unha denuncia agora transformase en evidencia recoñecida mesmo polo PP.

 

  • Noticias relacionadas

 

As accións de prevención e extinción que tras máis de 25 anos se veñen tomando polos distintos gobernos, case que sempre do Partido Popular, demostráronse e demóstranse insuficientes e sobre todo erradas. Proba disto é que non hai ano no que as lapas non sexan portada dos medios de comunicación, arrasen grandes extensións de monte baixo e arborado, acaben co mellores entornos ecolóxicos do noso pais como sucedeu estes días pasados en Chandrexa de Queixa espazo da Rede Natura e non poñan en perigo ou acaben coa vida de veciños e veciñas de Galiza.
 
Dende 1988 até hoxe en Galiza, e segundo datos oficiais, téñense producido máis de 100.000 incendios forestais que queimaron máis de 500.000 has. de monte, das que preto de 200.000 has. eran arboradas. Desde 1995, hai uns 10.000 incendios ao ano, un incendio por cada 2 Km2 de superficie forestal –a media estatal é dun incendio por cada 25 Km2. En Galiza, co 7,7 % da superficie forestal española, acontecen o 45% de todos os incendios, estando un 30% da superficie forestal afectada.
 
O monte é un sector estratéxico para a sustentabilidade ecolóxica e social do país noso. Os incendios causan graves prexuízos ambientais, sociais e económicos. Seguen a ser un dos principais problemas da nosa terra. Non é posíbel avanzarmos na solución deste problema que nos atinxe a todos e todas sen información, educación ambiental e participación social.
 
As persoas e organizacións abaixo asinantes emprazamos ao goberno da Xunta a tomar en consideracións as medidas que abaixo se enumeran. Alertamos a todos os galegos e galegas de ben para que o pobo na súa totalidade funcione como o servizo de alerta, posta en coñecemento e denuncia diante das autoridades competentes de todos os datos e informacións relativas a existencia de lumes, ás causas do inicio dos mesmos e ás posíbeis faltas de operatividade na súa prevención e extinción.
 
Do mesmo xeito, quedamos emprazados e emprazadas, como Asemblea Galega Contra o Lume, para esixir das distintas administracións con competencia as medidas correctoras necesarias nas políticas de prevención e extinción que se están a aplicar, para rematar dunha vez por todas coa lacra dos incendios que ano tras ano producen o dano ecolóxico máis importante ao territorio galego, e empregando se fose preciso a mobilización dos galegos e das galegas para a consecución deste fin.

DEZ MEDIDAS PARA LOITAR EFICAZMENTE CONTRA OS LUMES
 
.-Un ordenamento territorial acorde coas características do noso país, no que o monte ocupa uns 2/3 do territorio e coa maior densidade de núcleos de poboación de Europa. Evitar o despoboamento, o abandono dos usos tradicionais e a forestación de terras agrarias ao tempo que se fomentan alternativas produtivas sustentábeis para o medio rural.
 
.-Unha nova política forestal que promova a multifuncionalidade do monte e protexa as súas funcións ecosistémicas (regulación do ciclo hídrico, sumidoiro de carbono, reserva de biodiversidade) e sociais.
 
.-Un novo Plano Forestal que contemple os montes como algo máis que subministradores de madeira barata para triturar ou queimar, que limite a expansión das especies pirófitas e alóctonas e que promova unha silvicultura preventiva e sustentábel.
 
.-Incrementar os esforzos e os investimentos en prevención, que deberían ser superiores aos de extinción. Os labores de prevención, vixilancia, loita contra o lume e rexeneración deben desenvolverse durante todo o ano.
 
.- Planificar e desenvolver programas de rexeneración hidrolóxico-forestal nos montes queimados para evitar a perda de solo e a erosión, prohibindo a mudanza de usos e a especulación nestes terreos.
 
.- Labores de rexeneración da vexetación natural nas zonas queimadas.
 
.- Promover o incremento dos montes públicos e reforzar o papel das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, impedindo a súa privatización e a entrada de capital especulativo no monte.
 
.-Profesionalizar os equipos de prevención, detección, extinción e rexeneración nos incendios, que deben estar baixo un mando único dependente da Xunta de Galicia, evitando privatizar os seus servizos.
 
.- Rapidez e transparencia no acceso á información sobre os lumes, poñendo a disposición da cidadanía as ferramentas informáticas e de comunicación precisas.
 
.-Fomentar a Educación Ambiental a todos os niveis para promover na sociedade valores e comportamentos compatíbeis coa preservación do medio. Formar e informar especialmente ás Comunidades e propietarios de montes, para promover o sentimento de vencello e identidade positiva entre a veciñanza e o monte.
 
CODA: Os incendios deberían tratarse como un “asunto de país”, fuxindo da utilización partidista, a demagoxia e o curtopracismo. Ningún goberno pode resolver os lumes nunha lexislatura. Cómpre pois un amplo consenso político e social na loita contra os lumes.
 
FEDERACION ECOLOXISTA GALEGA
ADEGA
VERDEGAIA
SLG
ANAGACI
PLATAFORMA FRAGAS DO EUME
PLATAFORMA POLA DEFENSA DE CORCOESTO E BERGANTIÑOS
AMARANTE
FORO SOCIAL DE CANGAS
ASOCIACION PETÓN DO LOBO DE CORCOESTO
ALTERMUNDO
FUCO BUXAN
COLECTIVO ARTABRA 21
 
Asina

 

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript