setembro de 2013
 
 

09/09/2013

   CUTUDC / Novidades

  LINGUA
 

A Xunta quere un novo consenso sobre o galego

Valentín García aposta por "abrir un novo clima de diálogo" con todos os grupos e asociacións. A oposición pide cambios sustanciais e mesmo a retirada do decreto.

 

  • Noticias relacionadas

 

"Sería necesario abrir un novo clima de diálogo en favor do galego". Con estas verbas, o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, avogou este mércores na Cámara galega por comprometer a todos os partidos políticos e asociacións en defensa do idioma para chegar a un novo consenso en materia lingüística.
 
Precisamente, a base deste novo acordo estaría en tentar limar as grandes diferencias xurdidas no famoso decreto do plurilingüísmo do Goberno Feijóo, algúns de cuxos artigos foron retirados por sentenza xudicial.
 
Precisamente, sobre esta norma recaeron oito sentencias do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. "Por iso se realizaron axustes que permiten falar dun texto mellorado na súa aplicación", aclarou.
 
"Equilibrios"
 
"Sempre buscamos o equilibro na aprendizaxe", indicou García sobre un decreto, recalcou, "que contempla un equilibro entre o galego e o castelán", así como a incorporación dunha terceira lingua. "A consulta aos pais é a modo de enquisa para saber cal é a lingua materna do neno", xustificou ante as críticas dos grupos de oposición sobre esta lei.
 
Por iso, na súa comparecencia na Comisión de Educación e Cultura para abordar as actuacións en materia de ensino da lingua galega para o curso 2013-2014, insistiu en recuperar "un clima de consenso lingüístico" para iniciar un novo camiño no eido educativo recoñecendo que houbo "discrepancias" sobre o decreto.
 
En todo caso, para que este consenso sexa efectivo, os grupos da oposición reclamaron un cambio substancial nese decreto ou mesmo a súa retirada total para comezar de cero.
 
Galicia Confidencial | Compostela | 04/09/2013

 

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript