setembro de 2013
 
 

09/09/2013

   CUTUDC / Novidades

  ECONOMISTAS SEN FRONTEIRAS
 

A apatía nacional

Non sei se a vostedes lles pasma como a min a apatía nacional. Que a xente non saia con fachos á rúa para queimar a casa dos malos. Que non se formen tribunais populares que axusticen os culpables na praza pública. Que a xente vaia ao seu coma se non pasase nada.

 

  • Noticias relacionadas

 

Por que acontece isto? Lendo este verán (especialmente o artigo de Cahill, M., 2001, " The implications of consumerism for the transition to a sustainable society", Social Policy and Administration, 35 (5), pp. 627-639) encontrei dúas boas razóns. Unha que o deseño dos tempos persoais gravita en torno ao traballo. O traballo ocúpanos todo o tempo e non nos queda ningún para dedicar á comunidade, á cousa pública. Outra é o consumo. Traballamos este tempo para, entre outras cousas, poder pagar as cousas que necesitamos e as que, sen necesitar, desexamos.
 
Pero peor aínda, o consumo ocupa cada vez maior espazo da nosa mente e desprazou outras preocupacións. Non é casualidade que a medida que se consolida a sociedade de consumo caen os indicadores de participación política e compromiso civil. O consumo fíxonos crer que a felicidade está no ter (e para ver máis sobre isto, recoméndolles ler o post de Amparo Merino  publicado o pasado 28 de agosto). Meteunos en vea un individualismo que nos leva a poñer por diante os praceres persoais antes que os colectivos. Como hámsteres, nunha gaiola dourada, dando voltas e máis voltas á roda, e comendo millo. E aí encerrados é difícil buscar solucións para poñer o ben común no centro da axenda.
 
Así que a apatía nacional é un síntoma máis do problema que temos. Que no fondo, fondo, non é a recesión, nin o paro, nin o copago sanitario, nin a falta de investimento público, nin... O problema é ese pacto co demo que é o modelo neoliberal, que permeado as nosas estruturas, os nosos axentes e os nosos principios reitores. Todo o demais é síntomas.
 
Entón, que esperanza nos queda? Se estamos encerrados cada cal na súa gaiola, dende onde podemos falar pero non nos podemos mover, como conseguiremos o cambio? É que estamos verdadeiramente ante o fin da historia?
 
A miña esperanza póñoa non nos que fan ataques frontais, senón nos que se saen do sistema. Estes parécenme os verdadeiros focos de resistencia. Os que decidiron porque lles dá a gana vivir con menos. Comprar o xusto. Pensarse moito e moi ben se teñen que comprar primeiro e de que marca ou empresa deben facelo. Os que están a desenvolver modelos comunitarios de intercambio, como as moedas sociais. Os que intercambian, arranxan, reusan.
 
A miña esperanza está en plataformas como de troco como Ofrezco a cambio, onde a xente ofrece gratis cousas que xa non usa para trocar con outros, ou regálanas, como fan os membros da comunidade Freecycle. Ou Creciclando, que permite aos papás intercambiar roupa e xoguetes de nenos con outros papás. Ou Airbnb, para viaxar durmindo nos "cuartos de convidados" doutra xente. O Communitats, un banco de tempo- comunidade de intercambio de coñecementos para a aprendizaxe colaboradora. O no meu pobo, os desenvolvedores e usuarios da moeda complementaria a Amora, que xa conta con 400 usuarios e onde se realizan 120 intercambios ao mes. E tantas e tantas outras que poden consultar en http://montealto.15m-acoruna.com/   https://www.community-exchange.org ou en www.consumocolaborativo.es.
 
Soa atractivo, pero asegúrolles que empezar a practicar esta nova economía non é nada doado. Hai que vencer resistencias propias e alleas, romper inercias, dedicar tempo a buscar e procesar información, enfrontarse á burla amable - e ás veces non tan amable -dos demais. Hai que dar un salto a un sistema onde ás veces non se teñen todas as garantías ou falta confianza nos que provén os servizos. E ter paciencia porque as cousas non se teñen xa, como na economía tradicional. Hai que dedicar tempo a pensar solucións a problemas, a liderar. E cando se participa nos procesos de xestión, hai que facer concesións. Hai que ceder.
 
Custa traballo, pero destes pode vir o cambio. Porque o cambio que necesitamos non se consegue con esta política ou con aquela. É un cambio de paradigma. Xa sabemos que estes cambios non son doados, que ao mellor nin vostede nin eu o gozamos. Así que mire e participe nos focos de resistencia, porque son unha ventá á nova economía. E fágao rápido, que son moitas as gaiolas que temos que abrir.

 

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript