setembro de 2013
 
 

02/09/2013

   CUTUDC / Novidades

  EMERXENCIAS
 

Unha maraña de empresas repártense os distintos chanzos das emerxencias

Os bombeiros que participaron no rescate durante o accidente de tren en Angrois puxeron de manifesto a falta de organización das emerxencias nesa acción. Segundo o artigo publicado en El País o 24 de agosto de 2013 tres sociedades ocúpanse dos parques comarcais, unha empresa de publicidade atende o servizo 112 e unha unión de empresas asumen os helicópteros

 

  • Noticias relacionadas

 

 

A atención ás emerxencias en Galicia converteuse coa privatización sucesiva pero imparable de servizos nun marasmo de sociedades privadas e responsabilidades diluídas que trae de cabeza aos traballadores, que chaman a atención sobre o risco potencial, que isto leva consigo para servizos públicos básicos, dende a extinción de incendios á alerta telefónica. O accidente de Angrois en Santiago e os fallos de coordinación serviron de altofalante ás queixas dos profesionais do sector.
 
"Hai unha precarización dos servizos de emerxencias que a cidadanía non está vendo", di Isabel Moares, traballadora do 112, o servizo de atención telefónica ás emerxencias que adoita ser o primeiro punto de contacto entre a emerxencia e a axuda. Cun equipo de 90 persoas, que se reparten en verán en tres quendas de entre oito e 12 persoas, o servizo está subcontratado a unha empresa de publicidade telefónica, Telemark. Moares non abunda nos problemas laborais que supón depender dunha compañía que traballa en réxime de concesión, pero si incide na sensación de inseguridade que implica descoñecer se ao termo do contrato van quedar na rúa. "Isto non é como vender seguros por teléfono", explica. Os empregados teñen que pasar dous exames e durante un tempo non están sós ao teléfono, pero unha vez pasado o período inicial, remátase a formación. "Tratamos con suicidas, familiares de falecidos en situación límite e non recibimos a formación axeitada. Cando foi o accidente de Angrois, por exemplo, abriuse unha liña de información ás vítimas; son situacións bastante amoladas".
 
A precariedade empurra ás veces os traballadores a prescindir do protocolo para axilizar a atención. "Se un parque de bombeiros comarcal ten que apoiar a unha brigada forestal pero non sabe onde, chama ao 112, pero nós non temos comunicación directa, senón que temos que chamar á central de bombeiros, que á súa vez chama ao distrito, capataz e brigada. E iso tanto á ida coma á volta. Os protocolos ás veces retardan a actuación e se ves que hai unha vida en perigo sáltanse, pero sabendo que ao mellor o coordinador pode chamarche a atención", comenta.
 
O 112 está privatizado, pero polo menos é un servizo único. Os bombeiros privados vénseas e deséxansas para poñerse de acordo. En Galicia hai tres empresas que xestionan parques. Veicar, que xestiona 12 de 23 parques, a maioría na provincia da Coruña, Matinsa, que acaba de aterrar nos parques privados da provincia de Pontevedra e Natutecnia, que leva tres na Coruña e un en Lugo, pero que a través de varias asociacións con outras empresas ten un papel destacado na xestión global de emerxencias. É a encargada, por exemplo, do Grupo de Apoio Loxístico que depende da Axencia Galega de Emerxencias. Con base en Silleda, concibiuse como un instrumento da Xunta para apoiar situacións de emerxencia cando outros servizos de emerxencia o requiren, pero segundo fontes dos traballadores a súa efectividade é limitada. O equipo| -que se nutre dos propios empregados da empresa nos parques que controla- ten que estar permanentemente a unha distancia de non máis de tres cuartos de hora da base, pero hai empregados que viven en Ferrol ou nas Pontes que dificilmente poden cumprir tal parámetro. Sucede ademais, segundo insisten traballadores da compañía, que nos días en que un empregado está de garda en Silleda deixa desatendido a súa base habitual, o que afecta mesmo a xefes de parque. Os empregados tamén aseguran que nestas listas de persoal figuran directivos da empresa e non especialistas en intervención de emerxencias, o que incumpriría uns pregos de condicións cuxo control é reducido.
 
Natutecnia estende o seu campo mesmo á xestión de persoal das brigadas helitransportadas, concedidas por contrato a unha unión de empresas na que participa xunto a Inaer, a compañía que subministra os aparatos. Natutecnia participa así mesmo na elaboración dos plans de extinción de incendios da Xunta, en fixar as directrices de coordinación dos medios aéreos e mesmo en analizar a resposta dos medios desprazados con análises técnicas, tres tarefas para as que chegou a cobrar máis de 280.000 euros nun ano.
 
A outra pata desa frutífera unión empresarial, Inaer, tamén se beneficia dos contratos públicos para as emerxencias no mar, co engadido de que goza dunha vantaxosa venda de dous helicópteros, anteriormente propiedade da Xunta, cuxo custo de mantemento anual se paga 1,5 millóns de euros máis caro do que custaba cando os aparatos eran de propiedade pública, ao tempo que se reducen as gardas presenciais obrigatorias para os traballadores.
 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript