setembro de 2013
 
 

02/09/2013

   CUTUDC / Novidades

  INCENDIOS
 

Arde Galiza

Arde Galiza e non é en sentido figurado, cada verán Galiza perde masa arbórea resultado do desleixo e da falta de coidado e preparación dos montes para etapa de altas temperaturas.

 

  • Noticias relacionadas

 

 

O resultado non é máis que o efecto dunha política programada de rematar progresivamente co servizo público de defensa contra os incendios forestais, manifestada na redución de efectivos nas cuadrillas que loitan contra esta lacra.
 
Os representantes sindicais dos traballadores sinalan que aínda están sen cubrir case todas as vacantes neste servizo e sinalan que existen casos de brigadas que terían que ter sete compoñentes e nas que só hai tres ou catro, polo que a maioría dos días traballan un ou dous brigadistas. Ao respecto, censuran a manipulación dos datos, xa que, afirman, Medio Rural refírese ao número de brigadas pero non fai mención ao número de traballadores por brigada".
 
Rexeitan que a contratación de reforzo do verán se faga a través dos concellos ou de calquera empresa privada e defenden que se realice mediante as listas do decreto da Xunta, onde se valora a igualdade o mérito e a capacidade. "Defendemos e defenderemos a creación dun mando único, como o instrumento máis eficaz e eficiente de loita contra os incendios forestais", subliñan.
 
Ademais, advirten da temeridade que supón que as brigadas municipais desbrocen con valores altos ou extremos do IRDI (índice de risco de incendios), polo risco de provocar un lume.
 
A isto engaden que o tempo de reacción destas cuadrillas é moito maior, xa que se están  desbrozando teñen que ir a deixar as rozadoras, cambiar o equipo de protección individual, que non é igual para a extinción, e saír para a alarma. Defendemos a prevención, pero esta prevención debe se realizar en época de baixo risco e non en alto risco, apostilan.
 
Esixen ao titular da consellería, Rosa Quintana, que se deixe de fotos con bágoas de crocodilo e esíxenlle "que se sente a falar cos representantes sindicais". Nesta liña, ínstano a que "cubra todas as prazas vacantes e que non deixe todo á improvisación".
 
Mentres, na Coruña,  os tres sindicatos que representan á totalidade da Policía Nacional denuncian que parte dos fondos que a Xunta dedica a Unidade Adscrita (Policía Autonómica) para a prevención de incendios desvíanse ás touradas da cidade.
 
 
Axuda a destempo
Artigo publicado en El País 24/8/2013
 
A intervención privada nas emerxencias tamén aumenta coas présas de última hora. A aposta da Xunta por recuperar as brigadas municipais contra incendios, en detrimento das que xestiona directamente, levou a que algúns municipios optasen por subcontratar a contratación de efectivos a empresas privadas, por incapacidade material e para sacudirse as acusacións de enchufismo que volven proliferar. Así sucedeu en Moaña, que cedeu a Tragsa a xestión do persoal. O atraso da Xunta alcanza ata as axudas a comunidades de montes para tarefas de prevención, recentemente adxudicadas e aínda por poñerse en uso, como confirma Xosé Alfredo Pereira dende a Organización Galega de Comunidades de Montes.
 
Tragsa ten este verán un papel menos destacado que outros anos na política contra incendios da Xunta, pero xestiona dende este ano e ata 2016 o contrato do servizo de extinción e prevención de incendios forestais, adxudicado en marzo por 82 millóns de euros polo Ministerio de Medio.
 
As carencias laborais e operativas empezan a cristalizar en movementos transversais dos propios traballadores, que se organizan nas últimas semanas para crear unha plataforma de emerxencias a escala autonómica coa que canalizar as súas esixencias.

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript