setembro de 2013
 
 

02/09/2013

   CUTUDC / Novidades

  ACCIDENTE FERROVIARIO
 

Angrois, unha traxedia evitábel

O día 31 de xullo participamos na concentración realizada na estación de San Cristovo convocados pola PLATAFORMA EN DEFENSA DO TREN A CORUÑA E AS MARIÑAS da que formamos parte, para esixir, entre outras cousas, a realización dunha investigación seria, que sexa independente do Ministerio de Fomento, para aclarar todas as circunstancias que rodean ao accidente e que, unha vez concluída esta, sexan dirimidas todas as responsabilidades penais e políticas a que houbera lugar, sen ningún tipo de presión por parte de RENFE, ADIF (cuxo presidente xa se pronunciara culpando do sucedido exclusivamente ao maquinista). Esiximos, dende o primeiro momento, que se soubera a verdade, sexa cal sexa.

 

  • Noticias relacionadas

 

A instrución do xuíz Luís Aláez sinala o que nós dende o comezo xa denunciabamos: a traxedia puido evitarse. O xuíz instrutor considera, con "carácter provisorio", que tamén "existiu unha omisión de cautelas elementais polos que teñen a misión de garantir a seguridade da circulación ferroviaria na devandita liña". Iso, segundo o xuíz, constitúe "unha imprudencia punible, pois ante a existencia dun importante risco para a circulación, non se dota ao sistema de seguridade de ningún recurso que o resolva automaticamente [freado automático ou ERTMS] nin se destaca ao maquinista ese concreto risco máis que de xeito indirecto".
 
Da instrución do xuíz dedúcese que hai que xeneralizar en todas as liñas de velocidade alta o sistema ERTMS, capaz de subsanar o error humano previsible dun xeito automático.
 
Os datos coñecidos sobre a carencia de instrumentos de seguridade son indignantes, diante desta circunstancia a táctica das empresas (RENFE e ADIF), unha vez que ven indefendible culpar exclusivamente ao maquinista, é a de derivar a responsabilidade nos técnicos que deseñaron a infraestrutura. Tamén aparece a posibilidade dun acordo entre os dous partidos políticos maioritarios (PSOE-PP) para eludir as responsabilidades políticas.
 
As responsabilidades xurídicas e políticas cada día están máis claras facendo imposible que, por máis tempo, permanezan nos seus postos os presidentes de RENFE e ADIF.
 
Reclamamos a asunción das responsabilidades a que houbera lugar por parte de José Blanco, ministro de Fomento responsable directo da infraestrutura inaugurada e utilizada sen as mínimas medidas de seguridade que evitarían o accidente.
 
Esiximos a dimisión de Alberto Núñez Feijoo que permitiu sen chistar a construción no noso territorio dunha infraestrutura tan perigosa e sen os elementais dispositivos de seguridade
 
Esiximos, tamén, a dimisión da actual ministra de Fomento Ana Pastor por reaccionar ante esta situación única e exclusivamente cando ocorreu o desgraciado accidente que segou as vidas de 79 persoas e sen que, a estas alturas, se concreten as medidas que tomará o ministerio ao respecto pois na comisión do Congreso limitouse a indicar que "Neste momento todo está sometido a revisión e todo está sometido a propostas de mellora"
.
 

 
Estes políticos cando inauguran as obras (inauguracións moitas veces forzadas para que coincidan coas campañas electorais) arróganse a súa autoría, cando esas obras ou, como neste caso a infraestrutura orixina algún problema, accidente… a responsabilidade é de outros, neste caso cúlpase aos técnicos.
 
POR UN FERROCARRIL PÚBLICO, SOCIAL E SEGURO
 
Artigo recollido do blog do 15M de Monte Alto

 
Instrución do xuíz

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript