setembro de 2013
 
 

02/09/2013

   CUTUDC / Novidades

  LABORAL
 

Insaciables

Neste mes pasado tanto o Fondo Monetario Internacional como a Comisión Europea e, non podían faltar, os empresarios chourizos sacaron de “recetario” para indicar cales son as súas “novas solucións” ao mal endémico do paro, as medidas non son outra cousa que máis do mesmo, é dicir máis precariedade e paro para os traballadores e traballadoras.

 

  • Noticias relacionadas

 

Por unha parte a Comisión Europea e o FMI receitan que para conseguir rebaixar o paro habería que rebaixar os salarios calculan eles co seu ollo clínico que nun 10%, refírense claro aos salarios dos traballadores porque os salarios dos banqueiros, eses que, coa impecable xestión, nos meteron nesta crise, e que gañan máis dun millón de euros ao ano, eses nin tocalos, claro.
 
Segundo a regra de tres que aplica o FMI e a Comisión Europea a perda de poder adquisitivo de, arredor do 30% xa experimentada, debería levar consigo a creación de postos de traballo, non obstante o que acontece non é, nin máis nin menos, que todo o contrario.
 
Até os economistas máis burros saben que afogar aínda máis aos traballadores e traballadoras reducindo, deste xeito, o seu poder adquisitivo non crea postos de traballo, iso si fai medrar as marxes  de ganancias dos empresarios.
 
Por outra parte o empresariado hispánico non ten recato ningún e continúa coa súa cruzada para rematar cos poucos dereitos  que xa lle quedan a traballadores e traballadoras, agora queren que os traballadores fixos se equiparen en dereitos (para eles “privilexios”) aos traballadores eventuais. Rosell insistiu en que os contratos deben ser flexibles e responder ás necesidades das empresas.
 
No segundo trimestre do ano, segundo datos da Epa, o número de contratos indefinidos foi de 50.400, fronte aos 162.000 temporais. Coa nosa pasividade, coa desmobilización á que nos arrastran os sindicatos maioritarios, permitimos que a temporalidade gañe terreo a pasos axigantados,
 
Rosell, sabedor da submisión dos partidos políticos maioritarios aos seus ditados moi preocupados en encher as contas B, aproveita a actual correlación de forzas, para rematar agora dun plumazo con todos os nosos dereitos.
 
O que pretende o presidente da CEOE é o que se denomina contratación á carta, é dicir, contratos como e cando ao patrón lle interese. O que realmente está na mente de toda esta manada neoliberal é converternos en escravos ao servizo do empresario (capital. Entenden os dereitos laborais como “privilexios”, favores que o patrón outorga e pode quitar cando queira. Se non somos capaces de defender eses dereitos estaremos dándolles a razón.

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript