Xullo de 2013
 
 

29/07/2013

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN . Isaac Rosa
 

Os nosos

Nos peores momentos sae o mellor de nós, di o tópico que onte repetiu toda a clase política ao valorar o terrible accidente: dende Rajoy ata o último alcalde, todos resaltaron o comportamento "exemplar", "admirable", "solidario" e "xeneroso", que dende o primeiro minuto tiveron veciños, traballadores sanitarios, bombeiros, policías, doadores de sangue...

 

  • Noticias relacionadas

 

Digo que é un tópico, porque sempre din o mesmo nas traxedias, coma se fose algo excepcional, remarcable. Todo o contrario: é o normal. Cada vez que houbo un grande accidente, atentado, incendio, petroleiro afundido, desgraza de calquera tipo, nunca faltan mans, horas sen durmir, casas abertas, comidas repartidas, palabras de alento. E por suposto, non é tampouco algo propiamente español, pois en calquera recanto do planeta é habitual que ante os desastres a xente saque o mellor de si.
 
Que esa xenerosidade sexa tan habitual e universal non resta nin un gramo de admiración aos que se envorcaron coas vítimas de Santiago, por suposto. Bravo por todos, dende o primeiro veciño que se achegou ao tren fumegante, ata o último psicólogo que sen descanso axuda ás familias, pasando por todos os traballadores que acudiron sen estar en quenda de traballo e sen esperar a que os chamasen.
 
Pero onte, escoitando as tópicas (e frías, baleiras) palabras de recoñecemento institucional para quen axudaron e aliviaron ás vítimas e os seus familiares, pensaba en como esas mesmas palabras serían válidas para o comportamento que moitos están demostrando nos últimos anos ante a traxedia social que vive España (e ata aí chega a metáfora, nin un paso máis, pois non cabe comparación entre o accidente e a crise, nin nas súas consecuencias nin nas súas responsabilidades, aínda que non faltará quen queira ver no tren descarrilado a imaxe dun país que correu demasiado e etcétera. Eu non).
 
Como dicía, comportamento exemplar é tamén o que están a demostrar tantos nos últimos tempos ante a demolición do Estado do Benestar e a extensión da miseria e a desigualdade.
 
Quizais a urxencia do día a día nos impide recoñecelos como merecen, ou será que xa nos afixemos e non nos admiran, pero vivimos nun permanente escenario post-catástrofe, rodeados de traballadores públicos que entregan moito máis que o seu traballo (e cobren así os buratos que deixan os gobernantes); de veciños que improvisan e tamén sacan de onde sexa taboleiros como padiolas e toallas para suplir a falta de mantas (e así crecen as redes de apoio, os espazos autónomos, os desafiuzamentos paralizados, e tantas formas de solidariedade, colaboración e desobediencia); e de colectivos e cidadáns que, como os traballadores e voluntarios nas primeiras horas tras unha catástrofe, levan remangándose anos, manchándose as mans, rescatando aos atrapados, auxiliando ás vítimas, apagando lumes con cadeas de caldeiros.
 
Sen todos eses exemplos valiosos, a crise golpearíanos con máis dureza, os recortes doerían máis, a intemperie sería máis insoportable.
 
Non obstante, para eles os gobernantes nunca teñen palabras de recoñecemento e admiración como as repetidas onte. Coma se aqueles solidarios non fosen, na súa maior parte, os mesmos que agora o dan todo en Santiago, ou que hai anos se meteron no chapapote para limpar as praias, ou que acoden a convocatorias urxentes ou axudan ao veciño que o está a pasar peor. Por iso acórdome hoxe tamén deles, ao ver a xenerosidade dos galegos. Porque son os mesmos, os de sempre, os que non fallan. Os nosos

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript