Xullo de 2013
 
 

29/07/2013

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN - Vicenç Navarro
 

Por que a débeda pública non debería pagarse

Non hai plena conciencia a nivel popular das causas dos recortes públicos, e iso como consecuencia da timidez dos medios de maior difusión á hora de enfrontarse á banca, á que deben gran cantidade de diñeiro.

 

  • Noticias relacionadas

 

No caso de que vostedes crean que estou a esaxerar, prégolles que consideren os seguintes datos. Pero antes permítanme que explique que o argumento que se utiliza para recortar o gasto público é que o Estado (tanto central coma autonómico) debe diñeiro a aquelas institucións financeiras que llo prestaron.
 
A primeira pregunta é: por que o Estado ten que pedir prestado diñeiro cando en realidade podería imprimilo e crealo? Hai suficiente papel no país para imprimir tanto diñeiro como o Estado necesite. Isto é o que acontece nos países que teñen o seu propio Banco Central. Pero España non ten un Banco Central. O que se chama Banco Central Europeo (BCE) non é un Banco Central, en realidade é un lobby da banca como indiquei varias ocasións. O que fai o BCE é imprimir diñeiro e préstallo a intereses moi baixos (menos dun 1%) á banca privada, en teoría para facilitar o crédito. Pero o crédito non existe nin se lle espera. A banca privada ten outros investimentos moito máis substanciosos que lle xeran moito máis diñeiro, como é comprar bonos públicos do Estado español, que teñen uns intereses moi altos, do 5 ao 6 e ao 7%. É o negocio do século. E o Estado que necesita diñeiro queda endebedado ata a medula. Como reflectía o presuposto para este ano, o Estado español ten que pagar en intereses nada menos que 38.590 millóns de euros, que é o equivalente ao 3,86% do PIB, unha cantidade maior que a dos recortes de gasto público nos servizos públicos do estado do benestar (como sanidade e educación) que están a facer tanto dano.
 
Pero a cousa é mesmo peor. As institucións financeiras posúen bonos públicos (que xeran os intereses) e estes bonos teñen un período de expiración que o Estado ten que pagar cando remata o prazo. Pois ben, cando se suman estas cifras (a dos bonos que expiran este ano) ás anteriores, resulta que o Estado ten que pagar este ano un total equivalente a nada menos que un 19% do PIB. Esta é a cantidade que o estado ten que pagar este ano ás institucións financeiras (calculado por Eduardo Garzón no seu blog).
 
E quen son estas entidades? Pois a banca española é a que ten o 38,74% da débeda pública e a estranxeira (na que domina a alemá) ten o 37,29%. E a eles vai o diñeiro que se consegue a base de recortes. Enténdeno? Naturalmente, a xente anoxaríase se soubese isto. E de aí a creación de todo un aparato mediático para que a xente non se decate e acepte o argumento de que hai que recortar a súa sanidade, as súas pensións e unha longa lista de transferencias e servizos públicos para que diminúan o déficit e a débeda pública e así darlles confianza aos mercados financeiros (é dicir, á banca) para que estes mercados lle presten diñeiro ao estado de novo. Hai toda unha serie de instrumentos que promoven esta visión da realidade, dende os maiores medios de desinformación a centros de estudos económicos como Fedea, financiada pola banca, a mesma banca que aparece nos asuntos comerciais como a gran coidadora do benestar da cidadanía.
 
A cidadanía comeza xa a ver que todo é unha farsa, que se reproduce coa complicidade da clase política gobernante e os medios. En realidade, é un problema de doada solución, que consiste en que o Estado non teña que pedir prestada a banca privada, creando o seu propio Banco Central. De feito, se España tivese o seu propio Banco Central, a débeda pública española sería en lugar do 84% do PIB, o 30%. Decátanse?

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript