Xullo de 2013
 
 

29/07/2013

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN - Carlos Hermida
 

Non son suicidios, son asasinatos

Estes días pasados a desesperación levou a dous galegos a quitarse a vida, un cando ía ser desafiuzado e outro que non podía soportar a situación de desemprego «con 200 euros non se pode vivir dignamente, é preferible quitarme a vida».

 

  • Noticias relacionadas

 

Nos países da Unión Europea máis castigados pola crise e onde os recortes sociais son máis brutais, a taxa de suicidios incrementouse notablemente. Persoas no paro, cidadáns desafiuzados das súas vivendas, xubilados que xa non poden subsistir coa pensión, quítanse a vida diariamente nuns países que pretenden ser modelos de democracia e benestar. Ás veces fano en público, queimándose ou pegándose un tiro, como un último acto de protesta contra un sistema económico que lles pecha todas as portas. Pero non son suicidios, son asasinatos. Nesa decisión terrible de poñer fin á propia vida hai unha man allea, unha man asasina No aperta un gatillo nin detona unha bomba. Redacta leis e decretos ou, simplemente, asínaos.
 
Son as leis que te expulsan da túa casa, que che deixan sen a prestación de desemprego, que te privan de asistencia sanitaria porque es inmigrante, que che obrigan a abandonar os estudos universitarios porque xa non podes pagar a matrícula, que te condenan a unha morte lenta ao non poder aboar os medicamentos, que che deixan sen traballo ao aplicarche un Expediente de Regulación de Emprego. As leis que aniquilan o presente e o futuro de millóns de homes e mulleres, condenados á miseria, á pobreza, ao desastre. Esas normas legais son as que empurran ao suicidio, as que o provocan. Se Borges vivise e volvese reescribir a súa "Historia universal da infamia", incluiría sen dubidalo as políticas de axuste que aplican actualmente os gobernos de Grecia, Italia, Portugal e o Estado Español. E con toda seguridade o posto de honra da vileza se o levaría o goberno de Rajoy, quen coa naturalidade do mentireiro profesional incumpriu todas e cada unha das súas promesas electorais.
 
Cando dentro dunhas décadas os historiadores investiguen sobre o terrorismo en Europa nos comezos do século XXI, non terán que escudriñar voluminosos sumarios xudiciais nin atestados policiais. Abondará con que consulten a composición dos gobernos e dos consellos de administración dos grandes bancos, e que lean as coleccións lexislativas da época estudada. Alí encontrarán os nomes dos ministros, xefes de goberno e xefes de Estado que redactaron, asinaron e aplicaron leis que constitúen crimes contra a Humanidade
 
O Dicionario da Lingua Española da Real Academia, na súa vixésima primeira edición de 1992, define terrorismo como "dominación polo terror" e "sucesión de actos de violencia para infundir terror"; e en canto a terrorista, no seu cuarto significado a definición é a seguinte: "dise do goberno, partido, etc., que practica o terrorismo,". Polo tanto, os terroristas non son unicamente os integrantes dunha banda armada, senón que tamén poden selo os membros dun goberno se o seu obxectivo é sementar o terror. E acaso non se infunde o terror ao privar á maior parte da poboación daqueles medios que aseguran a vida e a dignidade? A destrución da sanidade e a educación públicas para convertelas nun negocio privado non son actos de violencia? Acusar manifestantes pacíficos de resistencia á autoridade, despois de ser golpeados brutalmente pola policía, non é dominar polo terror
 
O discurso que pretende xustificar todas estas iniquidades sobre a base de que os gobernos actúan dentro da legalidade, esconde unha inmensa trampa. Os gobernos crean as súas propias leis, pero o feito fundamental é o carácter desa legalidade, o seu contido e a súa lexitimidade. Os nazis crearon unha legalidade específica para exterminar os xudeus e non creo que iso os xustifique. As leis pretenden que aniquilar a existencia dos pobos ou sometelos a unhas condicións de vida miserables; privarlles dos dereitos sociais e laborais básicos, impedindo o seu acceso a servizos tan indispensables como a educación e a sanidade, esas leis son ilexítimas e deben ser denunciadas e incumpridas. Cando a lei é a expresión escrita dun goberno terrorista, entón os cidadáns ten o dereito e deber de exercer a resistencia.

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript