Xullo de 2013
 
 

08/07/2013

   CUTUDC / Novidades

  ATTAC
 

A favor do Imposto ás Transaccións Financeiras

O Imposto ás Transaccións Financeiras, que busca a asunción polo sector financeiro dos custos incorridos no seu salvamento, é unha cambadela á especulación e un termómetro da vontade gobernamental.

 

  • Noticias relacionadas

 

Vivimos nun mundo globalizado onde a especulación financeira erosiona a economía real mentres os Gobernos mostran unha escasa preocupación por rematar coa corrupción que significa a existencia consentida dos paraísos fiscais, a pesar de múltiples declaracións retóricas feitas ao comezo da crise de que había que suprimilos e que combater a evasión fiscal.
 
Para frear a especulación e reducir, polo menos, a utilización dos centros offshore é necesario aplicar con urxencia mecanismos correctores, mentres se constrúen as alianzas internacionais que vaian posibilitando a súa erradicación. Unha das alternativas que a sociedade civil propulsou, para reforzar a equidade fiscal, constrinxir a actividade especulativa e repercutir, na crise actual, polo menos parte dos custos de salvamento do sector financeiro, foi a implantación dun Imposto sobre as Transaccións Financeiras (ITF) de ampla base impositiva. Recentemente, dende a Comisión Europea propúxose un ITF para Europa, restrinxida a certos produtos financeiros e cun determinado abano de tipos, que supoñería recadar 35.000 millóns de euros anuais. Un imposto que, se se implantase, mitigaría a evasión fiscal e estabilizaría os mercados financeiros, e cuxa recadación podería destinarse, entre outros destinos, a desenvolver programas de emprego, de cooperación internacional e á loita contra o cambio climático. Con eses 35.000 millóns de euros anuais poderíase compensar parcialmente os enormes danos causados á sociedade pola industria financeira, principal responsable da crise.
 
Un acordo que se incumpre
En xaneiro de 2013, superando os escasos avances na construción europea e na necesaria harmonización fiscal, asinouse un acordo entre 11 gobernos da Unión Europea, entre eles o Estado español, para a implantación deste imposto por medio da cooperación reforzada. Mentres se elabora unha lexislación consensuada entre os 11 países asinantes, este imposto xa se implantou provisionalmente en Francia e Italia. Ao mesmo tempo xeráronse figuras fiscais en distintos países da Unión Europea que gravan os depósitos e/ou pasivos bancarios.
 
No noso país, ata que non haxa unha lei que regule o imposto, non cabe a posibilidade de que os seus potenciais ingresos sexan rexistrados nos Presupostos Xerais do Estado (PGE) de 2014, perdendo a oportunidade de mellorar a recadación fiscal facendo que as finanzas contribúan a reducir a brecha entre ingresos e gastos públicos. Pero as nosas autoridades, pola forma na que están a actuar, de forma remisa, sen tomar iniciativas e espera que outros realicen propostas, parece que están á contra e sen vontade de lexislar impositivamente ao sector financeiro. Mesmo houbo declaracións dos ministros Montoro e De Guindos ameazando con vetar a proposta do ITF nos organismos europeos se non se reducen os tipos a aplicar e a base do imposto, o que supoñería desnaturalizar totalmente a proposta orixinal da CE. A razón esgrimida é o gran dano que este imposto ocasionaría á industria financeira
 
Os lobbys financeiros non queren o ITF
Esta inacción lexislativa prodúcese en plena ofensiva por parte dos lobbys financeiros contra o ITF. É a manifestación dun sector financeiro que con argumentacións interesadas sen apenas base se resiste a ter que pagar impostos pola súa actividade (non se aplica ningún IVE sobre as transaccións que realizan), malia ser a que causou a profunda crise en estámola sumidos dende hai cinco anos. En España, a tributación media do sector financeiro nos anos previos á crise non superou o 15%, por debaixo da tributación que soporta unha renda media dunha familia española.
 
Ante esta situación, a organizacións integrantes da Campaña ITF xa, contra os paraísos fiscais, esiximos aos 11 Gobernos que se comprometeron a aplicar este necesario imposto, e especificamente ao Goberno español, que se manteñan firmes na súa decisión fronte ás manobras do lobby financeiro e atendan, no seu lugar, as reivindicacións dunha cidadanía que demanda un ITF cunha ampla base impoñible, que permita diferenciar as prácticas de intermediación financeira das ligadas á actividade especulativa, reducindo estas e a inestabilidade no sector financeiro e recadar miles de millóns de euros en ingresos que deben permitir axudar as persoas máis afectadas pola crise económica.
 
Para conseguir que o posicionamento do Goberno español a favor do ITF reflicta unha auténtica vontade política e presupostaria, esiximos que o acordo de aplicación en España do Imposto de Transaccións Financeiras (ITF) teña reflexo nos PGE 2014, emprazando ao Goberno a que presente canto antes o proxecto de lei que regule este.
 
As organizacións integrantes da Campaña ITF xa, contra os paraísos fiscais, seguiremos denunciando e chamando á mobilización á cidadanía española, maioritariamente a favor do imposto, se se produce unha nova renuncia de responsabilidades do Goberno español nesta decisiva materia para o futuro da cidadanía.

 

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript