Xullo de 2013
 
 

08/07/2013

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN . Isaac Rosa
 

O PP sobreviviría a unha explosión nuclear

Entendo o medo que percorre o PP dende que Bárcenas entrou en Soto del Real. En calquera momento pode aparecer unha carta, unha carpeta de documentos, un vídeo gravado, unha caixa de papeis, que o ex tesoureiro deixaría a alguén de confianza con instrucións para publicalo se remataba entre reixas.

 

  • Noticias relacionadas

 

Sería o temido "botón nuclear" do que moitos falan estes días.
 
Intento imaxinar que podería contar Bárcenas como para que o PP saltase polos aires, en que consistiría esa explosión nuclear. Desvelará que no partido se repartía o diñeiro alegremente, sen control e ás costas de Facenda? Saberemos que os principais dirixentes do PP se embolsaron durante anos enormes cantidades de diñeiro disfrazados de gastos de representación e axudas? Que algúns se daban a vida pai en hoteis e restaurantes de luxo?
 
Contaranos acaso Bárcenas que a cúpula do PP cobrou sobresoldos durante 20 anos? Saberemos que o propio Rajoy os cobrou, mesmo sendo ministro, malia que a Lei de Incompatibilidades o prohibe? Que mesmo Cospedal se levou o seu? E Aznar, el tamén?
 
Revelará Bárcenas que había construtoras dando diñeiro ao partido en agradecemento por recibir enormes contratos de obra pública das administracións gobernadas polo PP? Decatarémonos de que esas doazóns eran ilegais, por superar os límites da lei, e por incumprir a prohibición de que as empresas que contratan coa Administración fagan doazóns? Saberemos que o entón tesoureiro, o mesmo que canalizaba esas doazóns, colocaba millóns en contas no estranxeiro?
 
Quizais terá novidades sobre a trama Gürtel? Acabarémonos decatando de que Gürtel non é algo á marxe do PP, senón unha parte inseparable do seu financiamento, na que habería implicados altos cargos e dirixentes que poderían acabar imputados? Que algún membro do Goberno recibiu regalos, viaxes e comuñóns por cortesía de Correa e compañía? Que Correa pagou parte da voda da filla de Aznar?
 
Contaranos que, fronte ao anuncio de que foi apartado do PP en 2009, en realidade seguiu a soldo do partido ata hai uns meses, con despacho e coche? Que el non é o único tesoureiro pringado e a cousa vén de lonxe?
 
En efecto: todo o anterior sabémolo xa, todo saíu á luz nestes meses entre papeis de Bárcenas, contabilidade do PP mirada con lupa, novidades Gürtel e investigacións xudiciais. En vez dunha explosión nuclear, tivemos unha interminable fuga radiactiva que cada semana nos deixaba un escándalo novo.
 
E con todo, aquí non se move nada, o PP aguanta o que lle boten, sen importarlle o que traian os diarios cada luns, nin o ridículo que fagan nas roldas de prensa, nin a cantidade de veces en que a hemeroteca os deixe en evidencia. Impasibles, saben que quen resiste, gaña. E por agora resisten.
 
Quero dicir con isto que non dubido de que Bárcenas poida ter máis munición, e potente. Pero tamén é certo que a súa credibilidade está baixo mínimos, máis dende que entrou en prisión. E pola súa banda o PP ten capacidade demostrada para esquivar proxectís, encaixar golpes sen dobrarse demasiado, gañar tempo para que o paso das semanas desactive as bombas informativas, e aguantar, aguantar e aguantar, que os tempos da Xustiza xa farán o resto, e de aquí a que haxa algunha sentenza, todos calvos.
 
Que o PP é resistente á radiactividade sábeo o propio Bárcenas. Cando poña o dedo no botón nuclear, pensará que as cascudas non son as únicas que sobrevivirían a unha explosión atómica. O PP tamén.

 

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript