Xullo de 2013
 
 

01/07/2013

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADE
 

Concentracións contra os recortes

O pasado día 26, coincidindo coa reunión do Consello de Goberno un nutrido número de traballadoras e traballadores concentrámonos na Vicerreitoría de Ferrol e na Reitoría da Coruña. Na mobilización participaron, tamén, os representantes dos estudantes no Consello de Goberno e unha representación dos traballadores e traballadoras do Capítulo VI.

 

  • Noticias relacionadas

 

O feito de que o equipo reitoral tomase a determinación de facer unha aplicación do xeito máis restritivo dos Criterios interpretativos sobre o axuste retributivo das entidades integrantes do SUG previsto nos artigos 37 e 38 da Lei de Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013 establecidos pola Xunta do PP obrigou ao colectivo a dirixir a protesta, tamén, contra o goberno da universidade.
 
O reitor da universidade ten dúas posibles actuacións neste conflito:
 
Dobregarse, unha vez máis, aos ditames do goberno de dereitas e, como está a facer, proceder ao recorte salarial superando o que a propia Xunta establece (neste caso é un alumno avantaxado).
 
Ou tomar a iniciativa de facer respectar ás instancias políticas a autonomía universitaria non acatando as instrucións do goberno autonómico ou tomando a iniciativa de demandar ao goberno por incumprir o Plan de Financiamento do Sistema Universitario Galego, asinado até 2015, poñéndose á fronte da protesta como máximo representante institucional.
 
Como todas e todos apreciaredes na nómina deste mes o sr. Armesto optou pola primeira das posibilidades. Era unha decisión tomada xa hai tempo por todos os reitores das universidades galegas que se comprometeron, ademais, en aplicalas de igual xeito (neste caso tampouco hai diferenzas ideolóxicas, o diñeiro é o diñeiro). Coa decisión tomada os reitores póñense, ao igual que a Xunta, no punto de mira da protesta e da reivindicación de traballadoras e traballadores.
 
Mentres que a universidade segue, do xeito máis restritivo insistimos, as instrucións da Xunta ao respecto do recorte salarial, segue a pagar o denominado plús de altos cargos, retirado por lei na Xunta de Galicia, sabemos que non é unha cantidade de diñeiro comparable pero marca o xeito de actuar do goberno insitucional.  Xa imaxinaredes porque non se retira este complemento.
 
O pasado día 26 fixémoslle ao equipo de goberno da universidade e aos membros do Consello de Goberno, (órgano que, como en case todos os asuntos, vai da man do equipo reitoral) un escracho en toda regra, obrigándoos a escoitaren, en vivo e en directo, o noso rexeitamento ás determinacións tomadas.
 
Como traballadoras e traballadores non podemos consentir que os dereitos económicos, laborais e sociais que custou tanto conseguir se nos eliminen. Non llelo imos consentir nin aos que gobernan na Xunta nin aos que gobernan na universidade, sexa cal for a súa cor.
 
FOTOS da acción na Coruña (á hora do peche da edición non recibimos aínda as fotos de Ferrol)
 
Vídeo 1 en facebook e tamén en youtube
 
Vídeo 2 en facebook e tamén en youtube

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript