Xullo de 2013
 
 

01/07/2013

   CUTUDC / Novidades

  SOS SANIDADE PÚBLICA
 

Día 27, xornada en defensa da sanidade pública

As concentracións e manifestacións realizadas o día 27 en toda a nosa nación serviron para denunciar a política sanitaria do goberno da Xunta, actualmente nas mans do PP. Unha das manifestacións máis numerosas realizouse en Ferrol, reproducimos o manifesto lido ao remate da manifestación.

 

  • Noticias relacionadas

 

Comunicado á Cidadanía
 
Boas tardes a todos e a todas recibide un saúdo no nome das 50 entidades que conforman a Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Ferrol.
 
Non estamos solos, hoxe e un día de loita en toda Galicia contra os recortes, as privatizacións e o repago, en definitiva, contra o desmantelamento que está a facer o Partido Popular e o Goberno de Núñez Feijoo desde a súa chegada a Xunta de Galicia no ano 2009.
 
O mesmo ocorre en Madrid, onde a cidadanía e os profesionais da sanidade levan meses de loita, en Valencia e Castela-A Mancha.
 
As políticas neoliberais pretenden utilizar a crise, que eles mesmos crearon, para convencer de que o Sistema Sanitario Público é insostible.
 
Esa mesma canción están aplicando ao Sistema Público de Pensións, tamén din que é insostible.
 
Detrás de esas informacións falsas so se esconde o negocio para os seus amigos, a Banca, as aseguradoras e as empresas farmacéuticas.
 
O sistema sanitario público é sostible como tamén o é o sistema público de pensións .
En Galicia moitos máis recortes utilizan a escusa da crise:

  • Redución do orzamento sanitario público en 1000 millóns de euros en tres anos.
  • Recortes de dereitos, recursos e servizos asistenciais.
  • Desmantelamento das áreas e dos servizos.
  • Privatización de moitas parcelas do sistema sanitario público.

En Atención Hospitalaria:

  • Paralización da actividade dos hospitais pola tarde.
  • Desviación de doentes a centros privados.
  • Incremento das listas de espera ( Un 30% en tres anos ).
  • Privatización da xestión do Novo Hospital de Vigo.
  • Abandono da ampliación do Hospital de Montecelo en Pontevedra.
  • Paralización dos Planos Directorios de 7 hospitais para reformar os servizos deteriorados, entre eles o de Ferrol.
  • Paralización da construción de 6 Centros de Alta Resolución.
  • Peche dos laboratorios dos Hospitais Comarcais.
  • Centralización na empresa privada das probas analíticas e innovadoras.
  • Creación dun Anel Radiolóxico, suprimindo radiólogos nas urxencias dos Hospitais Comarcais.
  • Cesión á Sociedade Anónima Galaria da xestión e equipamento tecnolóxico dos Hospitais Públicos.
  • Mantemento do Concerto Singular co Hospital Privado Povisa que é o que ten as maiores listas de espera de Galicia.

Privatización de Servizos Centrais da Consellería de Sanidade e Sergas:

  • Central de chamadas 112.
  • Plataforma Informática.
  • Central de Compras.
  • Almacenamento e distribución.
  • Concursos de selección de persoal.

Desmantelamento das Áreas sanitarias do Salnés, Barbanza, Monforte e o Barco de Valdeorras, para deixar paso á sanidade privada.
 
Peche de 5 centrais de ambulancias e 1 UCI móbil.
 
Redución de prazas de persoal sanitario e non sanitario: Xubilación forzosa aos 65 anos, repoñendo só o 10%, o que supón só en facultativos unha perda de 1700 persoas.
 
Precarización das condicións de traballo do cadro de persoal do Sergas, cunha importante redución salarial e de dereitos, non coberturas por baixas ou ausencias e volta aos contratos lixo por días e mesmo por horas.
 
En Atención Primaria:

  • Abandono do Plano de Mellora en Atención Primaria: Supresión de 915 novas prazas e paralización da construcción de 66 novos centros de saúde.
  • Absorción da Xestión da Atención Primaria por Hospitais, a chamada Xestión Integrada.
  • Relegar a Atención Primaria a ser a portería dos hospitais para que poidan seleccionar aos doentes en función dos intereses dos hospitais privados.

Co Real Decreto 16/2012 establecen:

  • Copago receitas das/os pensionistas
  • Copago de próteses, ortopróteses, cadeiras de rodas e trasporte non urxente en ambulancias.
  • Supresión do dereito á atención: mozos/as de máis de 26 anos que non teñan cotizado, amas de casa divorciadas, inmigrantes sen papeis( criminalizándoos e culpandoos de que colapsan a sanidade o que é outra mentira máis).

Agora establecen que, con independencia dos ingresos das persoas, van ter que adiantar o custo íntegro das próteses, cadeiras de rodas, etc, moitas veces miles de euros, e logo agardar que o Sergas reintegre a cantidade a que se teña dereito, sen establecer prazos para esas devolucións. Persoas con pensións baixas e salarios baixos, non esquezamos que en Galicia temos as pensións e os salarios máis baixos do Estado, van ter que afrontar, ademais do repago farmacéutico, o adianto dos cartos para próteses. Quererá Núñez Feijoo volver aos tempos en que a xente andaba cunha pata de pau?
 
Coa chamada Lei de Garantías so se pretende:

  • Compensar o desgaste do Goberno da Xunta de Galicia fronte aos recortes en sanidade e o incremento das listas de espera.
  • Descapitalizar o sistema público facilitando aos centros privados a provisión de servizos custeados con diñeiro público.
  • Recortes en Hospitais Públicos que producen:
  • Incrementos na derivacións a centros privados.
  • Aumentos nas listas de espera.
  • A metade dos doentes en lista de espera están en listas ocultas, as non estruturais.
  • Moitas listas se pechan por tempo indefinido para que eses doentes non computen.

As consecuencias da aplicación da chamada Lei de Garantías son:

  • A descapitalización dos centros públicos que deberán compartir o orzamento hospitalario con centros privado.
  • Atraerá a multinacionais sanitarias como Capio ou Ribera Salud en mans de fondos de capital risco internacional, ao garantírselles a clientela.

E unha carga de profundidade contra o actual modelo sanitario ao impedir:

  • A planificación dos recursos en función das necesidades de cada zona.
  • A equidade polo nivel de renda ou lugar de residencia.
  • O traballo en equipos multidisciplinarios.
  • A integralidade da Atención Sanitaria.
  • A coordinación entre os distintos niveis asistenciais.
  • Supón unha manobra de marketing político xa que simula unha oferta de dereitos, imposibles de cumprir no marco de recortes orzamentarios, de recursos humanos e asistenciais.
  • É unha tapadeira para camuflar a decapitalización dos centros públicos en beneficio do sector privado.
  • Atenta contra a universalidade, integridade, equidade, racionalidade, calidade e eficiencia.

En definitiva con esta Lei Trampa chamada Lei de Garantías o que se pretende e poñer unha cortina de fume diante da política do Partido Popular de descapitalizar o sistema sanitario público.
 
Un novo recorte en dereitos é a supresión ou modificación da Lei do Aborto que, a demanda de Rouco Varela, ven a supoñer un retroceso nos dereitos das mulleres a poder decidir por elas mesmas
 
Na Área sanitaria de Ferrol:

  • Na Área Sanitaria de Ferrol tense paralizado o proxecto de investimento de 63 millóns de euros en tres anos para a actualización do antigo Hospital Naval.
  • Tense paralizado o Plano Director do Complexo Hospitalario.
  • Aínda están en obras o Centro de Saúde de Serantes e das Somozas.
  • Os centros de saúde de Ares, Cedeira, A Capela e Narón xa tiñan que estar rematados.
  • O proxecto de ampliación do Fontenla Maristany está esquecido.
  • Quedamos fora do mapa de Novas Tecnoloxías.
  • Se producen peches de camas nos meses de verán o que está producindo colapsos en Urxencias con esperas de 48 horas para ingresar, precisamente pola falla de camas.
  • Pecháronse os consultorios da Graña e O Seixo e xa se fala de novos peches.
  • Se pretende pechar o Hospital Novoa Santos, coa escusa de cederllo á Universidade, que non o precisa, mentres se mantén un concerto co Juan Cardona por 6.5 millóns de euros anuais.
No Hospital Novoa Santos tense que construír o Centro de Referencia de Enfermidades Profesionais de Galicia, que de tratamento a todos o que están afectados por enfermidades profesionais como sucede nesta comarca con milleiros de persoas por culpa do amianto. Tamén ten que dar cabida a entidades socio sanitarias ás que se está levando á súa desaparición como Asfedro, Lazos, Aspanes e outras, para que poidan desenvolver o seu importante labor asistencial. Teñense que crear camas de enfermos crónicos e pluripatolóxicos o que posibilitará que, xunto coa potenciación da Atención Primaria, se colapsen as urxencias do Arquitecto Marcide.
 
Quen pode entender que se peche un Hospital Público, o Novoa Santos, e se manteña un concerto co Juan Cardona por 6.5 millóns de euros anuais?
 
Ademais se permite que persoal da sanidade pública preste servizo en centros concertados, atendendo a doentes do concerto, o que é absolutamente ilegal e que a Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública estamos debatendo de poñelo en coñecemento da Fiscalía Anticorrupción.
 
Poderiamos seguir falando dos moitos recortes e privatizacións que se están a producir na Sanidade Pública desde o ano 2009, moitos deles non son percibidos pola maioría da sociedade, pero non acabariamos nunca, porque a lista é moi longa,
 
Coa actual Xunta de Galicia as privatizacións, recortes, repagos, diminución dos dereitos de usuarios e de traballadores, vai continuar, polo que a continuidade das Plataformas en Defensa da Sanidade Pública faise máis necesaria que nunca, por que é preciso facerlle fronte a esas políticas cunha mobilización continua e sostida no tempo, como están a facer noutras partes do Estado Español e como hoxe estamos facendo en moitas partes de Galicia.
 
Por que é posible derrotar a esas políticas temos que seguir loitando de xeito unitario e continuo, tanto nas rúas como nos centros sanitarios.
 
A Sanidade Pública non se vende, se defende¡ A Saúde non é un negocio¡
 
Moitas grazas.

 

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript