Xullo de 2013
 
 

01/07/2013

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN . Isaac Rosa
 

Díaz Ferrán, Blesa, Bárcenas... O próximo será Urdangarin?

Cada pouco tempo necesitamos unha ruidosa entrada en prisión para espantar a sensación de impunidade xeneralizada e rebaixar uns graos a temperatura social. Canto máis antipático, engominado e traxeado sexa o encarcerado, mellor. Ademais, é imprescindible que o reo sexa moi representativo dun grupo social odioso, para que funcione a sinécdoque: que a condena dun banqueiro pareza a condena de todo o sector financeiro, como aconteceu en Estados Unidos con Bernard Madoff. É dicir, un chibo expiatorio, un cabeza de turco.

 

  • Noticias relacionadas

 

 

Pasou con Díaz Ferrán, cuxa entrada en prisión provocou estalidos de xúbilo nos barrios obreiros. O poderoso ex presidente da patronal representaba o empresariado máis preeiro nas súas prácticas, e encarnaba a ideoloxía neoliberal nas súas propostas. De modo que a súa chegada a Souto do Real foi vivida por despedidos, precarios e explotados en xeral como unha forma de reparación.
 
Sucedeu tamén con Blesa, aínda que fose por poucos días. A imaxe dun banqueiro entre reixas fíxonos crer que ao final se fará xustiza e que os galopíns que saquearon o país, incharon a burbulla e puxéronse a salvo do seu estalido, acabarán pagando polas súas culpas. A alegría durou pouco, si, e fará necesario que outro banqueiro entre pronto en prisión para que non pareza que os buratos negros, os rescates, os activos tóxicos, a estafa hipotecaria e as preferentes van saír gratis.
 
Agora tócalle a Bárcenas, que pode ser visto por moitos como o corrupto por antonomasia, o que se deixaba corromper e ao mesmo tempo corrompía aos demais. Na súa persoa concentra todos os delitos existentes no Código Penal sobre a materia: suborno, branqueo, evasión, fraude, falsidade, estafa. Nel conflúen a trama Gürtel, as empresas comisionistas, as contas en Suíza, o financiamento ilegal do PP... é o cabeza de turco perfecto.
 
Para que o chibo expiatorio cumpra ben a súa función, é necesario que se trate dun personaxe antipático pola súa riqueza, costumes, afeccións e soberbia. Díaz Ferrán, Blesa e Bárcenas comparten o gusto polos traxes á medida, o luxo, os cochazos, a caza maior. Aos tres odiámolos, e cos tres gozamos da súa entrada en prisión por contraste coa vida dourada que viviran ata ese día. Onte non había medio que non destacase o contraste entre os restaurantes de luxo e os fins de semana de esquí no estranxeiro, coa cela que lle espera a Bárcenas. Encántanos ese tipo de contos, o triunfador afundido.
 
Fáltanos aínda un gobernante entre reixas, que represente os anos burbulliles do dispendio e o roubo do público, e pague co seu castigo por todos os que actuaron como el. Temos a Jaume Matas, que xa foi condenado e era o ideal, coa súa vasoira de luxo no váter do pazo. Pero ata que a sentenza sexa firme aínda se fará esperar a súa entrada en prisión polo menos ata o ano que vén, e non sabemos se de aquí a entón caerá outro gobernante que nos aplaque un pouco a fame de xustiza.
 
Quen será o próximo preso de luxo? Quizais Iñaki Urdangarín? Outro snob que nos cae mal, e cuxa entrada en prisión mitigaría a sensación de impunidade absoluta que rodea á familia real. Por agora calcúlase que poderían caerlle 17 anos, que quedarían en 4 se recoñece a súa culpa, e non o librarían do cárcere. Ata o rei debe de pensar que, a estas alturas de desprestixio, ter ao seu xenro unha temporadiña á sombra sería ata unha oportunidade para reconstruír a maltreita imaxe da coroa, pasar páxina sobre os numerosos escándalos que rodean o seu pazo, e demostrar que como dixo o propio rei "a xustiza é igual para todos".
 
Agora, en quente, parécenos fantástico que algúns chourizos de renome pisen o cárcere. Non nos quita a fame de xustiza, pero engánanos o estómago un anaco, e sabe ben. Como un aperitivo. Cando pasen uns anos xa faremos balance de cantos remataron entre reixas, e por canto tempo. Gocemos por agora o aperitivo.

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript