Xuño de 2013
 
 

25/06/2013

   CUTUDC / Novidades

  ADMINISTRACIÓN PÚBLICA
 

"Reforma" das Administracións Públicas

O goberno do estado leva varios días vendendo a nova reforma das administracións públicas, un produto que servirá, unha vez máis, para aforrar diñeiro ao erario público pero que significará un afondamento nas políticas de recortes que levará ao paro a miles de compañeiros e compañeiras e que precarizará, aínda máis, o servizo á cidadanía, todo isto enmascarado cunha propaganda que porá énfase na eliminación de duplicidades e na redución de “chiringuitos”. Este novo ataque fundaméntase no informe da Comisión para a Reforma das Administracións Públicas (CORA). Esta “reforma” recentralizadora vai camiño de ser consensuada co PSOE.

 

  • Noticias relacionadas

 

Nestas últimas semanas, o Executivo, presumiu do esforzo realizado en materia de redución do gasto e do déficit público. Na presentación da reforma Rajoy destacou que o déficit baixou do 9% ao 6,98% do PIB en 2012, unha "diminución de 22.000 millóns de euros, o 2% do noso Produto Interior Bruto, conseguida nas peores circunstancias posibles", engadiu. "Os resultados deste esforzo teñen cifras: unha redución do gasto público de case dous puntos do PIB; un adelgazamento, digo un adelgazamento, da Administración sen precedentes,".
 
Os recortes nos servizos públicos, son para este goberno algo do que compre vangloriarse. A nova reforma (recorte) continuará con esa mesma dinámica e con un énfase redobrado, iso si todo seguirá igual no aspecto de que na Administración Pública seguirán os milleiros de “amigos” con soldos estratosféricos, colocados dixitalmente polo goberno de turno.
 
A vicepresidente do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría, cuantificou o aforro global que supoñerán todas as medidas de "adelgazamento" das administracións, incluídas as da reforma das administracións públicas en 37.700 millóns de euros.
 
Na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros, Sáenz de Santamaría dixo que a reforma supoñerá un aforro de 6.500 millóns de euros para as administracións públicas e de 16.300 millóns para os cidadáns ata 2015, cando remate de implantarse.
 
A vicepresidente explicou que o aforro de 37.700 millóns entre 2012 e 2015, procede de sumar o da racionalización de estruturas, as medidas sobre o emprego público e a reforma local, aínda por desenvolverse, ademais das medidas que recolle o informe da Comisión para a Reforma das Administracións Públicas (CORA).
 
Polo que se refire ao axuste no emprego público tanto Santamaría coma Cristóbal Montoro, ministro de Facenda, aseguraron que non haberá maior impacto que o que se produciu a día de hoxe: 375.000 traballadores menos e taxa de reposición 'cero' salvo nun 10% dos servizos esenciais. A cuestión é que, ademais dos 57 organismos públicos que o Estado pensa suprimir, necesita que as comunidades autónomas fagan o propio con 90 observatorios, os valedores do pobo autonómicos, todos os tribunais de Contas, as axencias de protección de datos, os órganos de defensa da competencia e ata os institutos de opinión.
 
Como diciamos, os despedimentos masivos leváronse por diante case 400.000 postos de traballo, ou o que é o mesmo, deterioraron a xa de por si insuficiente calidade dos servizos públicos básicos (sanidade, ensino, transporte...) que agora son peores, máis caros e privatizados ou en vías de selo.
 
O Goberno estuda formar "bolsas" de traballadores en cada ministerio que, en caso de necesidade, se podería transferir temporalmente a outro departamento e mesmo a outra administración territorial.
 
É unha das medidas que formulou a Comisión para a Reforma das Administracións Públicas (CORA) no seu informe e que destaca que, dende o terceiro trimestre de 2011 o emprego público reduciuse en 374.800 traballadores, un 11,6% fronte ao 7,7% en que caeu a ocupación no sector privado.
 
O informe recorda que o Executivo conxelou a oferta de emprego público ata 2014, agás nalgúns servizos da administración, que reduciu os días libres dos funcionarios, cuxa xornada laboral aumentou a 37,5 horas.
 
Ademais, aprobou a habilitación legal do despedimento por causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción para o persoal non funcionario, modificou as condicións de acceso e permanencia en situación de incapacidade temporal, e a idade para poder acceder á xubilación ordinaria, elevándoa dos 65 aos 67 anos.
 
A CORA recolle no seu informe outras medidas que está a ultimar a Secretaría de Estado de Administracións Públicas, dependente de Facenda, para avanzar na eficiencia da configuración e xestión do emprego público.
 
Entre elas, a determinación do réxime xurídico do persoal, para diferenciar o persoal laboral do funcionario; elaborar catálogos de corpos de persoal que, por desempeñar "funcións críticas" para o servizo público, exercen estas competencias de forma específica, "prevendo para o resto medidas de promoción horizontal".
 
Ademais, a articulación de maiores mecanismos de mobilidade interna e de mobilidade entre as distintas administracións para un uso o máis eficiente posible dos recursos dos que dispón cada unha, canalizando cara aos sectores deficitarios parte dos efectivos situados en sectores que se consideren excedentarios.
 
Esta medida supón de feito a posibilidade de "transvasar" de forma temporal funcionarios ás distintas administracións territoriais en caso de necesidade.
 
O informe da CORA propón ademais unha reconsideración do persoal eventual, co fin de conciliar "o carácter discrecional do nomeamento" co cumprimento de "certos requisitos de experiencia e capacitación profesional", así como a homologación do número de eventuais en unidades equiparables.
 
Apunta a necesidade de deseñar ferramentas de medición de cargas de traballo que faciliten a asignación eficiente de recursos humanos e o establecemento con carácter xeral de mecanismos para a avaliación do desempeño.
 
Por último, sinala que os sistemas de medición da eficiencia, que xa se aplican nalgunhas áreas da Administración Xeral do Estado, se xeneralicen "de modo que permitan medir a carga de traballo nas unidades administrativas, calcular o tempo medio de tramitación dos expedientes, avaliar a produtividade de cada unidade e comparala coas homoxéneas".
 
Esta medida, afirma o informe, posibilitaría reasignar recursos e axustar as retribucións, ademais de corrixir a demora coa que se resolven os procedementos.
 
Para o seu seguimento, apunta a posibilidade de publicar nas páxinas web dos organismos da administración o tempo de tramitación dos procedementos con maior incidencia nos cidadáns, así como as variacións neste.
 
As Comunidades autónomas cargarán co maior recorte no gastos de persoal do total previsto polo Goberno ata 2014.
 
Alberto Núñez Feijoo: «Na liña na que estamos actuando en Galicia»
 
Santamaría avisa ao PP: "reforma si ou si", o resto da cidadanía, e nomeadamente os traballadores e traballadoras aos que nos afectará directamente, temos que dicirlle ao PP que A REFORMA NON PASARÁ!!
 
Esta maquiavélica “reforma” recentralizadora é un ataque máis aos dereitos nacionais de Galicia,  pretende unha redución radical do emprego público, creando bolsas de traballadores para empregar "onde se precise", lexíslase coa finalidade de afundir definitivamente a sanidade, a educación, servizos sociais…, segue na liña de empobrecernos á maioría para que se enriquezan uns poucos, empuxando á maioría da poboación a servizos de tipo beneficencia. Temos que preparar a contestación.

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript