Xuño de 2013
 
 

25/06/2013

   CUTUDC / Novidades

  LINGUA A MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
 

A Mesa pola Normalización Lingüística e Galiza co Galego asinan un convenio de colaboración

A Mesa pola Normalización Lingüística e Galiza co Galego, representados pola súa vicepresidenta e coordinador, respectivamente, asinaron onte en Santiago de Compostela un convenio de colaboración. A través deste convenio comprométense a colaborar mutuamente na consecución do seu obxectivo común polo ensino en galego.

 

  • Noticias relacionadas

 

Galiza co Galego é unha entidade sen ánimo de lucro co obxectivo de crear unha Rede de Escolas Populares Infantís. Por medio da Cooperativa Popular de Ensino “Avoaescola” como ferramenta para dar escola, está a crear espazos de educación infantil en galego, como Avoaescola Ferrolterra.
 
A través deste convenio de colaboración as dúas entidades comprométense a divulgar as actividades unha da outra entre os seus asociados e colaboradores e a colaborar na medida das súas posibilidades a divulgar as actividades que realizan.
 
Susana Méndez, vicepresidenta da Mesa, indicou durante o acto da sinatura que para a entidade que representa é moi positivo abrir novas vías de colaboración con entidades de obxectivos coincidentes e aposta por que o acordo sexa frutífero para as dúas asociacións. Pola súa banda, Francisco López, coordinador de Galiza co Galego, afirmou que para esta entidade é un novo paso que agarda contribúa a aumentar a súa rede de apoios e, en consecuencia, contribúa a afortalar o seu proxecto de Rede de Escolas.
 
Os dous representantes coincidiron en que o ensino é fundamental para a pervivencia e futuro do noso idioma, polo que calquera iniciativa que se poña en marcha neste sentido debe contar con todo o apoio posíbel por parte das entidades que xa traballan neste ámbito.

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript