Xuño de 2013
 
 

25/06/2013

   CUTUDC / Novidades

  CORRUPCIÓN
 

"O Estado Español a zona con máis políticos, grandes empresarios e banqueiros corruptos do mundo desenvolvido"

A degradación a bono lixo é inevitable para o estado español: "E iso sería o final do conto desta cova de ladróns na que a casta política nacida da Transición nos converteu: o país con máis políticos, máis grandes empresarios e máis banqueiros corruptos de todo o mundo desenvolvido". Escribiuno un economista conservador, Roberto Centeno, anoxado cos máis de 800 casos de corrupción e 2000 detidos, apenas uns poucos no cárcere, que desenvolveu a "democracia española” dende que comezou o novo século.

 

  • Noticias relacionadas

 

O estudo realizouno a Universidade de La Laguna e chega a precisar que hai territorios do estado, como a comunidade autónoma de Murcia, onde o 57% dos seus municipios están afectados por corrupción. A impunidade é outra das características da sociedade política, económica e financeira estatal, pois personaxes como o presidente do Sevilla FC, José María del Nido, paséanse polos campos e a televisión a pesar de ser condenados. Os membros da "casta" nunca pisan a trena aínda que sexan condenados, e isto beneficia a todos, dende o ex presidente de Baleares, Jaume Matas, ao toureiro Ortega Cano, condenado tamén a dous anos e medio de cárcere, pero que segue participando en saraos que logo teñen o seu eco na prensa rosa.
 
Imaxinádesvos 2000 xornalistas procesados por corrupción? Cal sería a credibilidade da prensa? E se fosen 2000 os xuíces e avogados procesados por corrupción? Que fiabilidade tería a Xustiza? Se 2000 enxeñeiros ou arquitectos estivesen nos xulgados por corrupción confiariamos na solidez das construcións? Non obstante, 2000 políticos foron detidos (unha ínfima parte do que pode investigar unha xustiza atadas as mans e con escasos recursos policiais) que logo ademais saen á rúa e volven ás cúpulas dos partidos para poder presentarse en listas pechadas. Os cidadáns xa non poden facer nada para evitar o seu saqueo salvo absterse ou votar opcións claramente enfrontadas ao réxime, ao sistema. De aí que as últimas enquisas prognostiquen que PP e PSOE perderán nos próximos comicios europeos case 10 millóns de votos, unha verdadeira sangría que anticipará o que vén despois coas municipais, autonómicas e xerais. E xa non se dilucida só a alternancia política, senón a verdadeira asunción de responsabilidades penais, tributarias e legais de todos aqueles membros da "casta" que participaron no afundimento laboral e económico do estado.
 
A lista dos 63 cidadáns ou residentes no estado que apareceron con contas en paraísos fiscais é o último elo do sainete que coñecemos neste asunto. Entre eles aparece Eduardo Larraz, xefe de gabinete de Celia Villalobos, que á súa vez lle "bota o morto" da súa "fichaxe" o actual alcalde de Málaga, Francisco de la Torre. A pantomima da partitocracia é tal que ata mesmo o rei Juan Carlos se entrevista na Zarzuela co home de palla dos evasores fiscais, Arturo Fasana, e nin un só partido pide explicacións no Parlamento. Ao parecer, o asunto non debe pasar do ámbito do conto nos dez bares e restaurantes que o Congreso posúe para as súas señorías, subvencionadas con 4,5 millóns de euros para abaratar as súas comidas e bebidas, tamén alcohólicas.
 
Nisto converteron o estado: nun inmenso bar con máis de 6 millóns de parados sen expectativas de futuro, con 300.000 exiliados laborais e unha taxa de suicidios arrepiante. Machucaron aos movementos sociais que articularon as primeiras protestas cidadás con brutais agresións, detencións, multas e ata cárcere. Non pararon ata conseguir diluír as masivas manifestacións que tiveron lugar o 25-S e o 23-F rodeando o Congreso, mentres eles fuxían fóra do estado sacando o diñeiro que previamente esquilmaran, de aí que teñan a maior parte dos seus fillos estudando fóra do país. Foi unha oportunidade única para tomar pacificamente a sede da soberanía popular e non a desaloxar ata a súa disolución, como pedían os seus mozos organizadores e como protesta polo abuso que supón o continuo "estado de exacción" ou saqueo que un grupo pequeno de desalmados está a executar sobre a maioría da poboación.
 
"Non hai cordón policial que pare un millón de cidadáns honrados con só a forza das súas gargantas fronte ao réxime e, superada a barreira pola forza das ideas e os lemas, a policía teríase dado a volta para camiñar xunto aos manifestantes cara ao Congreso dos Deputados e o Senado, máis doados de tomar do que a xente se cree" sinalan entre os organizadores daquel xa histórico suceso. A próxima vez que o destino propicie unha data durante un fin de semana que esperte de novo as conciencias cidadás (15-S, 23-F...) "non podemos fallar porque á terceira vai a vencida", engade un integrante das Mareas Cidadás, que recoñece que faltou esa perspicacia, xa que tanto os partidos coma os sindicatos oficiais non desexan que ninguén se manifeste fóra do curral das súas organizacións.
 
Fontes:
 
http://blogs.elconfidencial.com/economia/disparate-economico/2013/06/17/el-dia-de-la-marmota-2013-peor-que-2012-8558
 
http://politica.elpais.com/politica/2013/06/16/actualidad/1371400129_702560.html
 
http://offshoreleaks.icij.org/search?q=spain&ppl=on&ent=on&adr=on

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript