Xuño de 2013
 
 

25/06/2013

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN . Isaac Rosa
 

O peor da crise xa pasou, xa pasou, xa pasou

Este ano a canción do verán non se fixo esperar. Xa temos retrouso pegadizo para corear nas próximas semanas en roldas de prensa, cumios, consellos de ministros e universidades de verán. Vinga, todos á pista, cantemos xuntos: "o peor da crise xa pasou, xa pasou, xa pasou... " Só lle falta un bailiño simpático, axitando un pano para dicir adeus á crise e levantando o polgar.

 

  • Noticias relacionadas

 

A canción do verán báilana todos: Rajoy ("o peor pasou, hai motivos fundados para a esperanza"), Montoro ("estamos no principio do fin"), Guindos ("estamos a deixar atrás a recesión"), a patronal (Rosell: "o primeiro asomo da anhelada recuperación"; e Feito: "a recuperación está en marcha e non a pode parar nin o goberno"), banqueiros como Fainé ("chegou a hora de aceptar o optimismo"), e o mesmo gobernador do Banco de España, que adoita ser un tipo serio, e de pouco cantar, pero que onte se arrancou no karaoke do Congreso: "a peor fase desta segunda recesión quedou atrás. " Olé.
 
É pegadiza, recoñézoo, e todos temos ganas de cantaruxar algo máis alegre que a habitual balada tristeira. O que pasa é que esta canción do verán soa vella, a xa oída demasiadas veces. E en efecto, aínda que lle cambien un pouco a música para disimular, é a mesma que levamos escoitando dende hai cinco anos.
 
En 2009, por exemplo, o entón goberno arrancouse a cantar e bailar, encabezado por Zapatero, que parece ser o autor orixinal do "o peor da crise xa pasou". Repetiuno varias veces en 2009, engadindo que a recuperación chegaría en 2010 e se consolidaría en 2011. "Non contemplo ningún escenario de recaída", rematou o visionario presidente.
 
A mesma mensaxe o repetiron naquel 2009 varios ministros socialistas, e ata o entón gobernador do Banco de España, Fernández Ordóñez, que en outubro de 2009 aseguraba que "a fase máis aguda xa pasou, vén unha recuperación lenta e moderada". Pola mesma data todo un presidente do BCE, Trichet, cantábaa con acento francés: Europa estaba "nun punto de inflexión", dende o que só podía ir cara a arriba.
 
Poucos meses despois, en maio de 2010, déronnos o envorcon do que aínda non nos recuperamos. E malia iso, o sempre positivo goberno do PSOE seguía cantando baixo as bombas: o vicepresidente económico, Elena Salgado, cantaruxaba o mesmo retrouso de "o peor xa pasou" en xullo de 2010; e o daquela candidato Rubalcaba entoouno a pleno pulmón ao verán seguinte, 2011.
 
Tampouco é a primeira vez que Rajoy e os seus lanzan a mensaxe optimista, aínda que o seu é máis bipolar: unha semana anímannos e outra afúndennos; unha semana prométennos saír pronto e a seguinte condénannos a unha década polo chan. Esta vez si parece que a colleron con ganas, e confían en que a semana que vén, no cumio europeo, o resto de líderes se sume ao coro e canten todos xuntos, con chisqueiros en alto: o peor xa pasou, xa pasou, xa pasou...
 
De tan vella a canción, tantas veces oída, habería que versionala e dicir máis ben que "o peor da crise xa pasou... outra vez". Porque dende 2008 non fixemos outra cousa que pasar o peor da crise.
 
O problema, habitual nas cancións do verán, é que ninguén as escoita ata o final, quedamos no retrouso. E o interesante de verdade vén logo: tras o simpático "o peor xa pasou", adoita vir a mala noticia: o peor xa pasou... pero para que remate de pasar de todo fan falta máis esforzos, máis recortes, máis reformas.
 
Presten atención a todos os que estes días cantan sorrintes, e comprobarán como a continuación engaden que para consolidar esa tímida recuperación e non recaer fai falta acelerar as reformas pendentes e afondar as xa iniciadas, darlle outra volta á reforma laboral e meterlle man ás pensións, non se desviar do camiño iniciado, non baixar a garda, mellorar a produtividade, a competitividade, a flexibilidade e outras cousas rematadas en -idad (para que rime ben a canción).
 
Aí é cando a canción do verán acaba parecendo o que en realidade é: unhas palmadiñas nas costas para que sigamos encaixando o que aínda nos espera, que é moito e longo. Ánimo, campións, que xa saímos, que xa queda menos, aguantade un pouquiño máis, que o peor xa pasou, xa pasou, xa pasou. Chimpón!

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript