Xuño de 2013
 
 

17/06/2013

   CUTUDC / Novidades

  TRANSXÉNICOS
 

Monsanto acaba retirando os seus transxénicos de case toda Europa: non do estado español nin de Portugal

Asegura que paralizou as actividades de promoción das súas sementes xeneticamente modificadas en Europa, así como que tampouco ten previsto solicitar permiso para a venda de novas plantas transxénicas na rexión. Non gastaremos máis diñeiro para convencer á xente para cultivalas, asegurou Brandon Mitchener, responsable de Public Affairs de Monsanto para Europa e Oriente Medio nunha entrevista a Investigative Reporting Denmark.

 

  • Noticias relacionadas

 

O rexeitamento de produtores agrarios e consumidores aos organismos modificados xeneticamente (OMGs), debido aos seus nocivos impactos sobre a biodiversidade, o medio e a saúde a curto prazo e os seus aínda imprecedibles efectos a longo prazo, levou a multinacional a involucrarse en inxentes investimentos en campañas de mercadotecnia, procesos xudiciais e accións de lobby para conseguir a aceptación dos seus produtos. O anuncio da súa retirada supón un triunfo para todos os que informaron e loitado contra a súa expansión.
 
No ano 2001, promulgouse en Europa a directiva de 'Liberación intencional no medio de organismos modificados xeneticamente' e na maioría dos países europeos estes produtos estaban xa prohibidos. Entre eles, Alemaña, Francia, Grecia, Italia, Polonia, Luxemburgo, Bulgaria, Suíza, Austria, Irlanda e Hungría optaron por ser "libres de transxénicos". Só un 1% de todo o millo cultivado en Europa é transxénico.
 
Monsanto non foi a primeira en dar por perdida a súa batalla por implantarse no continente europeo. No ano 2012, Basf anunciou a retirada dos seus cultivos transxénicos en Europa, decisión que tomara fai xa varios anos Syngenta, pola presión de produtores, consumidores e gobernos.
 
España, reino europeo dos transxénicos
 
Non obstante, a información publicada por Investigative Reporting Denmark indica que Monsanto aplicará unha excepción á retirada dos seus OMGs de Europa: aqueles países nos que conte con apoio dos agricultores ou con respaldo político. Se temos en conta este último punto, tres son os mercados nos que a multinacional manterá e expandirá a súa actividade: República Checa, Portugal e España.
 
España centra actualmente o 90% da produción de millo transxénico en Europa
 
Mentres que na República Checa este tipo de cultivos están en decrecemento, en Portugal e España continúa o seu desenvolvemento. De feito, España centra actualmente o 90% da produción de millo transxénico en Europa. A pesar dos receos de agricultores e consumidores, o respaldo concedido a estes cultivos dende estamentos políticos e os intereses económicos propiciaron a súa expansión.
 
Os transxénicos son organismos modificados xeneticamente (OMGs) nun laboratorio, mediante técnicas que consisten en introducir nun ser vivo xenes que non pertencen á súa mesma especie.

Un gran negocio

 
O nacemento deste tipo de produtos presentouse como un gran logro e xerou grandes expectativas, anunciándose ante a sociedade como un dos instrumentos para mellorar a calidade e cantidade das colleitas, lograr alimentos para todos e rematar coa fame no mundo. Dúas décadas despois, non só non contribuíron a este obxectivo, senón que se revelaron como un gran negocio para as compañías produtoras, converténdose nunha das principais ameazas para a agricultura tradicional, a biodiversidade, a soberanía alimentaria e a saúde.
 
O monopolio de terras, coa exclusión de pequenos agricultores, a desaparición das sementes de cultivos tradicionais (que obriga aos campesiños a comprar as transxénicas ano tras ano), a contaminación de chans e auga, a perda de fertilidade da terra, a resistencia a certa pragas e a crecente dependencia dos produtos das multinacionais que os producen, son só algúns dos efectos xa visibles dos OMGs en todo o mundo, pero especialmente en amplas zonas de países en desenvolvemento.
 
A retirada de Europa é unha batalla, pero a guerra aínda continúa en moitas partes do mundo. Non o esquezamos.

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript