Xuño de 2013
 
 

17/06/2013

   CUTUDC / Novidades

  ALBERT SALES - MEMBRO DA CAMPAÑA ROUPA LIMPA
 

«Optouse por un modelo que xera escravitudes, tanto aquí coma en Bangla Desh»

En Bangla Desh páganse salarios que condenan a persoa á miseria a pesar de traballar entre 10 e 12 horas diarias durante seis días á semana.
 
Tiveron que morrer mil e pico persoas para que grandes medios do Estado español se atrevan a criticar ao Corte Inglés abertamente.

 

  • Noticias relacionadas

 

A traxedia de Bangla Desh puxo de manifesto unhas condicións laborais que levan denunciando anos. Cales son?
Coa traxedia de Bangla Desh, do que se falou moito é do tema da seguridade, pero nós traballamos un espectro máis amplo. Falamos de dereitos laborais no sentido de horas de traballo, de salario e, sobre todo, de liberdades sindicais e da capacidade dos traballadores e traballadoras de organizarse para defender os seus dereitos. A situación na industria da confección é estruturalmente grave, pero Bangla Desh é quizais onde a situación é máis extrema.
 
O acordo subscrito por algunhas das maiores marcas terá efectos reais ou é unha operación de maquillaxe?
O recente acordo ten, en certa forma, algunhas innovacións que son interesantes. Por exemplo, que as empresas se responsabilicen economicamente das indemnizacións de traballadores e traballadoras e se comprometan no futuro a que estas indemnizacións sexan esixibles. Iso significa automatizar esta responsabilidade; xa non é unha cuestión voluntaria. Pero ten moitas limitacións, é evidente. De feito, ninguén obriga ás empresas a asinar o acordo máis que a súa propia necesidade de manter unha reputación corporativa en condicións despois dunha traxedia que puxo de manifesto un tema do que todo o mundo oíra falar, pero que non era tan evidente.
 
Resulta curioso que ao falar da traxedia apenas se nomeaba a marcas concretas e que, cando se asinou o acordo, non tardaron nada en aparecer os seus nomes publicamente...
De feito, tiveron que morrer mil e pico persoas para que grandes medios do Estado español se atrevan a criticar ao Corte Inglés abertamente, aínda que é doado de comprender se un ve quen pon a publicidade nos medios. Noutros casos, como o de Inditex, teñen un gran poder corporativo que é capaz de limitar calquera crítica e potenciar todo o positivo, ao final acabamos pensando que menos mal que existen homes como Amancio Ortega para tirar adiante o país. Sexa como sexa, cando pasou a traxedia, moitos medios contivéronse de dicir marcas; pero a cuestión era evidente, os nosos colegas de Bangla Desh puideron documentar moi ben a presenza destas marcas.
 
Volvendo ás condicións salariais, as empresas moitas veces escúdanse sinalando que pagan o salario mínimo legal. Vostedes prefiren falar de salario digno. Por que?
O salario mínimo legal non dá de si en moitos lugares, empezando polo Estado español. En Bangla Desh o salario mínimo non supera os 30 euros mensuais, polo que non dá para nada. Os sindicatos bengalís falan dun salario digno de 102 dólares ao mes e a campaña 'Asian Floor Wage', que pretende calcular os salarios mínimos de diferentes países asiáticos sobre a base do prezo da cesta básica, está a falar de que serían necesarios uns 140 euros para que unha familia de 4 persoas viva con certa dignidade. Polo tanto, son salarios que condenan a persoa á miseria e a seguir sendo extremadamente pobres a pesar de estar a traballar entre 10 e 12 horas diarias durante seis días á semana.
 
En realidade, supón moito para as grandes multinacionais elevar o salario e mellorar as condicións laborais dos traballadores?
Hai cálculos que sitúan o custo laboral nun 3% do custo final da peza de roupa. Polo tanto, non é un tema de custo, senón de relacións de poder. No fondo, nun contexto de moita pobreza onde hai unha cola enorme de persoas dispostas a traballar por calquera salario, manter uns salarios moi baixos permite impoñer uns ritmos e unha disciplina que doutro modo non serían tan doados de impoñer.
 
A maioría da roupa fabricada en países asiáticos véndese despois en grandes superficies comerciais, polo tanto, pódese dicir que este sistema tamén vai en detrimento do sector comercial local dos países desenvolvidos?
Non hai máis que fixarse en como colonizaron as grandes cadeas de moda os centros das grandes cidades. Hai unha homexeneización cultural e do comercio. Non hai que esquecer, ademais, que estas cadeas de distribución están baseadas na precarización laboral. A maioría destas grandes empresas teñen moitos problemas laborais no sector da venda ao público, con denuncias de estratexias antisindicais. No fondo, é un modelo polo que se optou e que nos xera unhas escravitudes, tanto aquí coma en Bangla Desh.
 
Profesor de Ciencias Políticas e Sociais na Universitat Pompeu Fabra (UPF), o sociólogo Albert Sales é un dos principais impulsores da campaña 'Roupa Limpa' no Estado español dende o ano 2005. A traxedia de Bangla Desh non fixo máis que dar razón ao que denuncian dende hai anos.
 
Entrevista publicada en naiz.info

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript