Xuño de 2013
 
 

17/06/2013

   CUTUDC / Novidades

  NOVOS CÁLCULOS PARA A XUBILACIÓN - Javier Padilla
 

A trampa da esperanza de vida e as pensións

As propostas para vincular as pensións á esperanza de vida pasan por alto distintas variables que teñen que ver coa desigualdade social.

 

  • Noticias relacionadas

 

Recentemente soubemos que o "grupo de expertos" nomeado polo Goberno para deseñar a reforma das pensións recomendou que un dos factores principais que decida se estas soben ou baixan sexa a esperanza de vida.
 
Con independencia de que se poida pensar -polo momento e as formas elixidas- que é unha reforma encamiñada á baixada da contía das pensións e ao fomento dos plans privados, hai dúas preguntas que, dende o punto de vista da saúde, debemos facernos: 1) Qué implicacións ten a utilización da esperanza de vida para o cálculo das pensións? e 2) O atraso da idade de xubilación, unido á diminución da cantidade de diñeiro percibida en concepto de pensión, repercutirá sobre a saúde da nosa poboación maior?
 
Unha variable con trampa
 
Dende o punto de vista técnico, a esperanza de vida é unha variable con trampa, porque se ve moi afectada pola mortalidade infantil; postos a utilizar unha variable relacionada coa esperanza de vida ao mellor sería máis robusto utilizar a "esperanza de vida aos 65 anos" (corresponde aos anos de vida que lle quedan a unha persoa ao chegar a esa idade); pero estas variables demográficas non se vinculan co poder adquisitivo da poboación, cuxo mantemento se buscaba ao ligar as pensións ao IPC.
 
Os traballadores manuais teñen menor esperanza de vida que os non manuais. As persoas con estudos primarios teñen máis infarto de miocardio e cancro de pulmón que as que teñen estudos universitarios. Os que viven en barrios empobrecidos gozarán de menos anos e de peor calidade de vida que os que pasan os seus días en barrios ricos. Non obstante, á hora de aplicar variables demográficas como a esperanza de vida ao cálculo das pensións esquécense estas desigualdades -que supoñen perda de anos e de saúde para os máis pobres-.
 
Podemos dicir que España "era país para vellos" (en analoxía coa película protagonizada por Javier Bardem); como mostra o "Informe de condicións de vida 2012", publicado polo Instituto Nacional de Estatística; as persoas maiores presentaban un menor risco de caer na pobreza e a exclusión social que sectores máis novos de poboación; isto é, en parte, por unha estrutura social e cultural que seguía prestando apoio formal e informal ás persoas maiores, pero, tamén principalmente, grazas aos mecanismos de protección social (sanidade pública que evita a necesidade de endebedarse como consecuencia dunha enfermidade e sistema de pensións que trata de evitar a pobreza nun sector de poboación sen capacidade para xerar riqueza económica).
 
O risco de exclusión e pobreza relaciónase de forma estreita coa saúde da poboación e os seus individuos, polo que un aumento destas variables repercutiría nun empeoramento na saúde percibida e da saúde obxectiva. As reformas que está a tomar o Goberno (e as que parece que seguirá tomando) atentan contra a saúde da poboación -e das persoas maiores- de dúas maneiras: 1) Empeorando as condicións de vida mediante a diminución e empeoramento dos servizos públicos e 2) Diminuíndo a súa renda dispoñible -menor contía das pensións, aumento de copagamentos en medicamentos, eliminación dos fondos para dependencia- de forma que se dificulte o seguimento de hábitos de vida saudable que puidesen tratar de contrarrestar o empeoramento das condicións de vida.
 
As crises económicas tenden a aumentar a mortalidade da poboación así como as desigualdades sociais dentro desta; os efectos destas desigualdades fanse máis patentes naquelas sociedades que non teñen fortes sistemas de protección social. É por iso que podemos afirmar que desmontar os sistemas de protección social mata. Mata desigualmente, deixando sentir o seu efecto de forma máis notable nas clases sociais máis desprotexidas. Mata mentres aqueles aos que menos afectan estes efectos das crises, nos din que se vivimos menos nos subirán a pensión.
 
Javier Padilla. é médico e coautor do blog Médico Crítico en diagonalperiodico.net.

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript