Xuño de 2013
 
 

17/06/2013

   CUTUDC / Novidades

  SEN DEREITOS E INVISIBLES NAS ESTATÍSTICAS
 

Non son prácticas, é traballo

No Estado español existe unha representación da figura do bolseiro como ese entrañable mozo que pasea pola oficina facendo cousas aburridas e pouco importantes pero que aínda así está cargado de ilusións. É a renovación do mito do aprendiz como pillo que pasa á madureza a través do traballo e dalgún que outro golpe. Esta asimilación, salvo na honorable excepción do viñetista Forges, representou o bolseiro como figura submisa e asustada ante o mundo do traballo.

 

  • Noticias relacionadas

 

Esta visión, que parte dunha concepción paternalista do mundo do emprego, é responsabilidade directa dun modelo de relacións laborais que segue sendo anacrónico coa realidade produtiva. A mensaxe que se lles dá aos bolseiros, que teñen estudos de FP ou universitarios, é o de que o mundo do traballo é moi duro e que grazas a aqueles que teñen empresas ou aqueles que se gañaron empregos fixos -obviando que a falta de persoal técnico permitiu un acceso directo e rápido dos profesionais formados durante os anos '70 e '80- poderán adaptarse despois dos seus anos (inútiles) de formación no ámbito laboral.
 
Os bolseiros son unha figura que se sostén mediante a lexislación creada polo anterior Goberno do PSOE (Reais Decretos 1543/2011 e 1707/2011), pero non debería ser aplicada, pois contravén as normas establecidas polo Estatuto dos Traballadores e ratificadas pola xurisprudencia respecto á laboralidade -basicamente: cando se entende, en dereito, que hai unha relación laboral ou non a hai-. En resumo, poden chamarse bolseiros pero son traballadores.
 
Nestes momentos, cando o desemprego xuvenil supera o 50%, observamos como a figura do bolseiro serve como válvula de escape para as aspiracións xuvenís de encontrar un emprego, e sobre todo de encontrar unha renda coa que sobrevivir. Situación que vén aproveitada pola clase empresarial deste país para poñer polo chan os custos laborais -pensemos que falamos de salarios sempre inferiores aos determinados por convenio colectivo, cando hai salario, ademais da falta de pagamento á Seguridade Social-.
 
Esta forma de contratación non está radicada nun só sector, aplícase do sector industrial ao financeiro, pasando por turismo, comunicación, etc., e en empresas de calquera titularidade -empresa privada, pública, administración autonómica, administración xeral do Estado, etc. - A becarización converteuse nunha forma xeral de ingreso ao mercado laboral para todos aqueles traballadores que teñan títulos formativos.
 
Cos datos que estamos a recompilar coa campaña "Non máis bolsas por traballo" estamos comprobando que son moitos os bolseiros que sosteñen ou son parte fundamental da actividade produtiva das súas empresas, realizando quendas e funcións ordinarias do resto de empregados. É a eles aos que nos diriximos, posto que ademais son conscientes da situación, e por iso queremos que asuman o seu rol, que se empoderen e recoñezan que se se lles esixen os deberes dun traballador terán que conquistar os seus dereitos.
 
Por iso queremos abrir o campo do Dereito ao conflito e é precisamente na orde social no que máis claramente se pode realizar isto, pois é nos xulgados do Social onde o conflito empresario-traballador pode empezar a delinearse. Dun lado os bolseiros -sen dereitos, con baixa ou ningunha remuneración, invisibles ás estatísticas, etc. -, polo outro o empresario: quen aproveita a falta da condición de traballador para eliminar os dereitos, quen garante a invisibilidade e quen se enriquece do traballo infrarremunerado, etcétera.
 
O conflito xurídico ten que servirnos para concienciar a un grupo de traballadores de que o son para que, posteriormente, empecen a reivindicar e pelexar polos dereitos de todos. Por iso será necesario que todos os traballadores recoñezan que non estamos ante pobres recén titulados que non saben nada senón ante compañeiros que están obrigados a favorecer. É necesario visibilizar os bolseiros para fortalecer a loita contra a precariedade e o desemprego, e a Oficina Precaria disponse a iso.


Diagonalperiodico.net

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript