Xuño de 2013
 
 

17/06/2013

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN . Isaac Rosa
 

Feliz país hipotecado

Que ao cumprirse o primeiro aniversario do rescate bancario, o FROB lance unha campaña de cuñas radiofónicas e páxinas de xornal anunciando que chegou "o momento de que entre todos volvamos a facer realidade os nosos proxectos", parece unha forma fina de pitorreo. Como ademais o FROB é a institución receptora do diñeiro do rescate, só faltaría que a campaña se pagara con ese mesmo diñeiro, para rir máis.

 

  • Noticias relacionadas

 

A campaña xoga coa metáfora da billa que ao abrirse fai fluír o crédito, o que ao pitorreo suma algo de sadismo: ensinar a auga aos que se morren de sede pola seca de crédito, que o rescate non aliviou un ano despois.
 
O único crédito que fluíu, e non con goteo de billa senón máis ben con descarga de encoro coas comportas abertas, é o que se levaron os bancos. Así o chamou Luis de Guindos naquel sábado para a infamia: non era un rescate, senón un crédito, " un préstamo en condicións moi favorables". E ao día seguinte, un momentiño antes de irse ao fútbol, un risoño Rajoy dixo que só era "unha liña de crédito".
 
Para ser máis exactos, eu non o chamaría crédito nin préstamo: mellor digamos hipoteca. O que España fixo o 9 de xuño do ano pasado foi pedir unha hipoteca, pero unha hipoteca á española, como as que os bancos concedían ás familias españolas: con cláusulas abusivas, con letra pequena, que nos encadea por moitos anos, e que nos custará un desafiuzamento total como país en caso de non atender as nosas obrigas.
 
A hipoteca non a necesitabamos nós, senón o noso parente rico: a banca, que necesita moito máis que unha billa, porque a súa sede é inesgotable: dende o comezo da crise, sumando o rescate europeo, os recursos destinados a reestruturar o sector, as inxeccións de capital aos nacionalizados, e o desembolso no "banco malo", resulta que a banca bebeu xa 120.000 millóns de euros, un 12% do PIB español; aos que sumar os máis de 300.000 millóns que a banca española tomou do BCE a interese reducido (copio os datos dun libro moi recomendable para entender onde estamos: Chamábano democracia, do Colectivo Novecento).
 
Pero aínda non é suficiente, porque os bancos non remataron de limpar as súas adegas, e porque a recesión segue podrecendo os seus activos, de modo que en calquera momento haberá que ampliar a "liña de crédito", tomar máis diñeiro do rescate. É dicir, ampliar a hipoteca. E se así tampouco é suficiente, acabaremos vendendo os mobles e o enxoval da avoa.
 
Un ano despois do rescate que non era rescate, nada mellorou: a billa segue pechado, as dúbidas sobre a banca mantéñense, temos máis débeda, máis recesión e máis paro, a prima só se relaxou un pouco, o banco malo vai gañando o nome de banco peor, os homes de negro que nunca ían vir visítannos cada tres meses, e as condicións do rescate que non era rescate e que non ía ter condicións trouxéronnos máis recortes sociais e unha próxima rebaixa de pensións.
 
Feliz aniversario, feliz hipoteca.

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript