Xuño de 2013
 
 

17/06/2013

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADE PÚBLICA
 

A universidade que nos preparan

A universidade pública está a mudar dun xeito radical. O cambio xa perpetrado noutros países preténdese instaurar no estado español de xeito que a universidade do futuro será, se non o impedimos, irrecoñecible desde a óptica que a concibimos na actualidade.

 

  • Noticias relacionadas

 

Circulamos por unha autoestrada na que, a velocidade de vertixe, se pretende baleirar á universidade pública de todos os principios democráticos que a sustentan e xestionándoa como se dunha empresa se tratase.
 
O PP e algún goberno neoliberal de comunidade autónoma puxeron de moda a constitución de comisións de expertos que ditaminan segundo os criterios de quen os escolle, as decisións están teledirixidas e antes de que se pronuncien os ditames xa se coñece a liña ideolóxica das súas conclusións.
 
Á universidade tamén se lle deu esa solución, e o resultado é o predicible, o goberno das universidades, volvemos a insistir en que temos que impedilo, cambiará radicalmente rematarase cos procesos electorais, os reitores e os decanos serían nomeados a dedo por novos órganos de goberno nos que o poder político se reserva unha presenza maioritaria.
 
Acabaranse os procesos electorais, a participación da comunidade universitaria é algo que disgusta enormemente aos gobernos neoliberais máis interesados en colocar aos seus xestores que na rigorosidade democrática. Os candidatos presentarán currículos e un padroado (chámeselle como se queira) decidirá o reitor que gobernará, iso si, con man firme e sen deberlle nada a ninguén. Unha das xustificacións que se aducen para impoñer este novo “modelo” é que o reitor é un refén dos compromisos adquiridos e está mediatizado polo mero feito de ter que concorrer ao proceso electoral, é máis sublíñase que os procesos actuais son complicados, politizados e o candidato electo ten que investir moito tempo en lexitimarse, non imos responder a esta sarta de barbaridades antidemocráticas que podían perfectamente proceder da boca de quen nos gobernou con man de ferro por máis de 39 anos.
 
Pero os cambios non quedan só na elección do reitor, configúrase unha estrutura piramidal onde as facultades, escolas e departamentos reduciranse en número e organizaranse nunhas novas estruturas básicas, cuxos directores serán nomeados directamente polo reitor
 
Proponse a especialización das universidades e a procura doutras fontes de financiamento, basicamente privadas (esta determinación xa se contempla na nova Lei do Sistema Universitario Galego) a redución de prazas de profesores funcionarios, en favor dos contratos laborais e dos docentes asociados.
 
Con este novo modelo rematarase coa autonomía universitaria convertendo á universidade nun órgano subsidiario do poder político e, de paso, increméntase do poder de decisión que o sector privado ten nas institucións públicas de ensino superior.
 
En suma promúlgase unha universidade que compita polo diñeiro tanto público como privado e ao servizo do mercado, con criterios profundamente neoliberais afastada do que debe ser un servizo público impedindo que o ensino superior estea ao alcance de todos os que queiran estudar unha carreira poñendo por riba das capacidades intelectuais dos mozos e mozas a capacidade económica dos mesmos. A universidade, segundo os criterios que nos queren impoñer, volverá a ser un coto privado da burguesía na que a clase obreira estará vetada.
 
Como vedes este xeito de concibir a universidade pública xa está en funcionamento noutros estados, de nós depende que non nolo impoñan nas nosas universidades.

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript