Xuño de 2013
 
 

17/06/2013

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADES
 

Reacción dos reitores diante dos recortes salariais

O pasado xoves, cando a Xerencia estaba reunida coa representación dos traballadores emitiuse un correo co posicionamento das tres universidades galegas respecto do desconto salarial imposto pola Xunta de Galicia.
 
A resposta do presidente do goberno galego non se fixo agardar referíndose aos traballadores e traballadoras das universidades galegas como uns privilexiados.

 

  • Noticias relacionadas

 

Temos, polo tanto, que dar resposta aos dous comunicados:
 
Aos señores reitores:
 
Sobre o documento dicir que coincidimos, en liñas xerais, na reflexión sobre a decisión tomada pola Xunta e os efectos dos recortes, pero diferimos rotundamente na conclusión. Se as decisións da Xunta son inxustas o coherente é rebelarse e non acatalas submisamente.
 
Xa refiríndonos ao propio texto,  indícase:
 
“Nesta situación, é preciso facer visible a unidade de actuación das tres universidades do sistema universitario de Galicia. Primeiro, no rexeitamento común destas medidas. En segundo lugar na aplicación homoxénea do axuste retributivo.”
 
Tiramos a conclusión do indicado que a aplicación da medida será “homoxénea” nas tres universidades. Entendemos, polo tanto, que as universidades públicas galegas aplicarán de igual maneira os Criterios interpretativos sobre o axuste retributivo das entidades integrantes do SUG previsto nos artigos 37 e 38 da Lei de Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013
 
Non aceptamos os recortes. Temos que lembrar ao respecto que tanto na Universidade de Compostela como na Universidade de Vigo a representación dos traballadores e traballadoras rexeitaron a aplicación que se lles impoñía, iniciando un proceso de asembleas para comunicarllo a persoal que representan e tomar as medidas correspondentes. Hoxe, día 17, convocouse unha concentración na Reitoría da Universidade de Vigo, e preparan novas accións.
 
Para nós non deixaría de ser unha tomadura de pelo máis que, despois de varias reunións cos representantes do colectivo agora se impoña a “solución” adoptada xa noutras universidades. Para qué se reuniron se a decisión estaba tomada e ía ser igual nas tres universidades?.
 
Preguntámoslle no último Claustro ao sr. Reitor sen obter resposta se, diante do incumprimento do Plan de Financiamento que a medida imposta pola Xunta supoñía, se ían tomar as medidas legais correspondentes.
 
Esta mesma pregunta realizouse no último Consello de Goberno, neste caso o reitor indicou que se optaba pola vía do acordo, do pacto para chegar a un acordo coa Xunta.
 
Seguimos agardando polo resultado dese pacto. Entendemos, non obstante, que o tempo das declaracións xa pasou, é hora de actuar, os reitores non poden escudarse continuamente na lealdade institucional para xustificar a inacción. Como estamo a padecer, a Xunta non ten ningún pudor en recortar dun xeito indecente nos dereitos esenciais da cidadanía, a educación superior é un deles. Os reitores, nesta situación, teñen a obriga de capitanear o descontento da Comunidade Universitaria e responder contundentemente diante da agresión.
 
Diante das declaracións do presidente Feijoo temos que indicar que mente.
 
Mente o sr. Feijoo cando reclama a “xustiza retributiva” como elemento para xustificar o recorte na universidade. De ningún xeito o recorte será igual no colectivo universitaria que no resto da Xunta. Na universidade o recorte será o 5,4% da masa salarial, na Xunta será o 4%, na Xunta o recorte estará limitado, en todo caso, ao que alcanza o específico. Na universidade si ese complemento non chega votarase man doutros complementos e se aínda así non chegase pois iríase a outros conceptos salariais.
 
Temos que sinalar, ademais, que sufrimos a xeneralidade dos recortes que padeceron, tamén, os nosos compañeiros e compañeiras da administración autonómica ao longo desta crise.
 
Non somos, polo tanto, uns privilexiados.
 
Por outro lado o sr. Feijoo utiliza, descaradamente os cartos recortados ás universidades (e que estas ingresan do noso salario), non para mellorar a situación do ensino superior na comunidade autónoma senón para enxugar a débeda da propia Xunta de Galicia.
 
O poder, neste caso o goberno do PP na Xunta, xoga coas palabras para facernos sentir unha culpabilidade que nos impida reaccionar e desprestixiarnos diante da opinión pública, mente, unha vez máis, a sabendas. Na nosa man está darlle a resposta que merece, organización e loita é a alternativa.

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript