Xuño de 2013
 
 

17/06/2013

   CUTUDC / Novidades

  XUNTA DE GALICIA - UNIVERSIDADES
 

O Parlamento Galego aproba a Lei do Sistema universitario Galego

Sen que se lle dese a transcendencia que merece, o Parlamento de Galicia, na sesión plenaria do 11 de xuño de 2013, aprobou por 41 votos a favor (PP), 33 en contra (toda a oposición) e ningunha abstención a Lei do sistema universitario de Galicia.
 
A nova lei de universidades é unha adaptación á lexislación estatal e ao Espazo Europeo de Educación Superior, realizándose na nova normativa un corta e pega da Lei Andaluza de Universidades da que se copiaron literalmente 33 artigos e 112 apartados, o PP galego presenta unha lei da que non lle corresponde a autoría do texto pero si a ideolóxica.

 

  • Noticias relacionadas

 

Na súa aprobación o PP pasou o rolo da súa maioría absoluta para rexeitar as emendas da oposición. Nesta situación o poder executivo utiliza ao Parlamento para lexislar á medida dos seus intereses. Como en moitas ocasións máis e debido á maioría absoluta do PP a lei estaba decidida desde o momento en que a proposta saíu oficialmente do propio goberno galego.
 
A nova Lei Galega de Universidades é un crime contra a Universidade Pública, un crime que leva xa tempo planificado, o Plan Boloña, a Estratexia Europea 2015 coa escusa de rematar coa masificación da universidade sentaron as bases dunha universidade elitista moi alonxada das posibilidades da clase traballadora convertendo a educación superior, como denunciamos en múltiples ocasións, nunha mercadoría que só poderán gozar os/as que poidan pagar ese “servizo”.
 
Nos últimos 30 anos esa masificación da que agora se denigra permitiu aos fillos e fillas dos traballadores e traballadoras o acceso á educación superior, aínda así esa masificación nunca significou democratización, até agora as estatísticas indican que un fillo dun obreiro tiña un 20% menos de posibilidade de rematar unha carreira que un fillo dun capitalista. De todos os xeitos a educación que agora se pretende queda reservada en exclusiva aos fillos e fillas das clases máis poderosas, da burguesía.
 
Con esta nova lei e coas que emanan do goberno central preténdese poñer a educación superior ao servizo dos mercados e a economía que se nos impón precisa traballadores precarios e pouco cualificados.
 
A pregunta que se fai desde a óptica neoliberal é para que investir en educación superior se os titulados acabarán traballando como man de obra non cualificada?, pois a resposta a esta pregunta requirimento son estas novas leis imposta desde Europa con esa perspectiva neoliberal.
 
O que se pretende neste novo marco é a diminución do número de universidades, a diminución do número de titulacións, diminución dos orzamentos universitarios, diminución das bolsas de estudo, diminución de universitarios que afectará directamente aos fillos da clase traballadora.
 
Estase a facer unha reconversión sen que a universidade se entere, ou que se entere e reaccione cando xa é demasiado tarde. A Lei é unha ferramenta para a precarización da universidade pola vía do estrangulamento económico, organizativo e lexislativo, os efectos xa se senten e, neste curso, máis de 1.000 alumnos tiveron que deixar os estudos. O que se pretende en realidade como xa dixemos é a precarización e privatización das universidades.
 
A democratización do saber depende do mantemento da universidade pública e do acceso das clases máis desfavorecidas ao ensino superior, a universidade ten que actuar como un ascensor social posibilitando que todas as mozas e mozos poidan acceder ao coñecemento independentemente da súa capacidade económica.
 
Con esta nova lei preténdese aumentar o control político vulnerando a autonomía universitaria, reducindo, de paso, custos o que significará unha perda substancial da calidade do servizo, preparando e favorecendo, deste xeito, a implantación das universidades privadas, ás que nin sequera se lles esixen os mesmos requisitos para a súa creación que as universidades públicas,  neste marco normativo inclúense as universidades privadas que desenvolven a súa actividade a distancia prevendo mesmo a súa participación no Consello Galego de Universidades..
 
Esta nova lei representa un retroceso na protección do galego como lingua propia das universidades, afastando ás universidades da realidade nacional do noso país.
 
A Lei non se contempla unha memoria pluarianual que garanta financiamento suficiente para atender todas as necesidades da universidade.
 
Os consellos socias tampouco representan ao tecido social da súa contorna. Non permite o dereito á folga do estudantado. Faise depender a oferta de titulacións á existencia de recursos humanos e materiais.
 
A estratexia que se deriva de toda esta normativa é que menos mozos, mozas e cidadáns poderán acceder ao ensino superior quedando condenados á marxinalidade e á precariedade. A Lei non se axusta ao que a sociedade precisa, o coñecemento ten que estar ao servizo da consecución dun mundo mellor e máis xusto unha sociedade máis equitativa e libre
 
Nova Lei do Sistema universitario Galego

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript