Xuño de 2013
 
 

10/06/2013

   CUTUDC / Novidades

  XULGADOS
 

O Supremo exime de taxas aos traballadores que recorran o despedimento

A Sala IV do Social do Tribunal Supremo (TS) estableceu que as as taxas xudiciais impostas polo Goberno de Mariano Rajoy non serán esixibles aos traballadores, beneficiarios da Seguridade Social, funcionarios ou persoal estatutario que interpoñan recursos de casación ou súplica na orde social. Como os de primeira instancia xa están exentos, o acordo supón que non se pagará taxa ningunha na xurisdición laboral.

 

  • Noticias relacionadas

 

O acordo do Supremo indica que tampouco son esixibles as taxas aos sindicatos cando interpoñan recursos de casación ou suplica ante a xurisdición social, nin sequera no caso de que se interpuxesen con anterioridade á aprobación do real decreto de febreiro deste ano que reformou a Lei de Taxas aprobada só catro meses antes, en novembro de 2012, polo Goberno.
 
Segundo o Supremo, ese real decreto xerou múltiples dúbidas á hora de interpretar se os traballadores tiñan que pagar as taxas xudiciais e, por extensión, se o debían facer tamén os beneficiarios da seguridade social, funcionarios e persoal estatutario cando actúan ante a xurisdición Social.
 
O TS recorda a doutrina constitucional, segundo a cal a Constitución considera o dereito á gratuidade da xustiza, aínda que o lexislador pode atribuír o devandito dereito aos que reúnan os requisitos que considere relevantes.
 
Tras realizar esta consideración, a Sala do Social do TS fixa as pautas interpretativas coas que deben actuar os distintos órganos xurisdicionais. Así, di que en caso dos traballadores e beneficiarios do sistema público de Seguridade Social teñen, segundo a lei, o beneficio de xustiza gratuíta, ademais dos que acrediten insuficiencia de recursos.
 
Explica ademais que o real decreto, que entrou en vigor o 24 de febreiro pasado, modificou o réxime de taxas na Administración de Xustiza e cambiou "absoluta e profundamente" a formulación da Lei de Taxas, de tal maneira que os traballadores e beneficiarios do sistema público de Seguridade Social "volven" ter o beneficio de asistencia xurídica gratuíta.
 
"Xa non hai dúbida de que a interpretación de ambas as dúas normas ten que conducir á afirmación de que o sistema de gratuidade da xustiza establecido nesa norma implica que os traballadores (e por extensión os beneficiarios do sistema público de SS, que teñen o mesmo beneficio-) non teñen que aboar taxa ningunha pola interposición dos recursos de suplicación e casación", conclúe.
 
Esta interpretación resolve tamén algunhas cuestións formuladas polos sindicatos e colectivos de avogados, que consideraban que o cobro de taxas limita a capacidade de defensa dos traballadores, xa que a lei mantiña que en segunda instancia este colectivo tería unha exención do 60 por cento nas taxas. O Supremo estableceu que a gratuidade debe considerarse mantida dende novembro, cando se aprobou a Lei de Taxas.
 
Polo que se refire aos funcionarios e ao persoal estatuario tampouco eles terán que pagar taxas ao interpoñer os mencionados recursos, ao igual que os sindicatos.

Axencias

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript