Xuño de 2013
 
 

10/06/2013

   CUTUDC / Novidades

  RECORTE SALARIAL
 

Recorte salarial na UDC e na USC

A USC aplicará o recorte salarial tal e como se contempla nas indicacións que a Xunta de Galicia transmitiu ás Universidades. As reunión realizadas con PAS e PDI non foron máis que unha pantomima. Na Universidade da Coruña todo indica que imos polo mesmo camiño.

 

  • Noticias relacionadas

 

Non se entende para que se convocan as mesas negociadoras cando xa se ten decidida unha posición e non se pensa modificala. A USC tratou aos traballadores e traballadoras como comparsas, convidados de pedra aos que se lles entretivo durante tres reunións para comunicarlles na última delas que a decisión estaba tomada e que se aplicarían na súa literalidade os Criterios interpretativos sobre o axuste retributivo das entidades integrantes do SUG previsto nos artigos 37 e 38 da Lei de Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013
 
Moito nos tememos que na UDC pase o mesmo. Despois de varias reunións a Universidade só cambiou de criterio para facelo máis restritivo se cabe.

Nos criterios emitidos pola Xunta establécese:
 
A.- Cálculo do axuste consonte aos principios de equidade e proporcionalidade. Un.- Considérase que a base para calcular o axuste debería ser o importe íntegro anual das retribucións dos empregados, despois de descontar a antigüidade e a seguridade social.
 
A Universidade entende, agora, que as cotizacións empresariais non computan no desconto o que suporá unha maior contía do que se considera masa salarial e, polo tanto, un recorte maior. En moitos casos o complemento específico non chegará para asumilo, se se procede a descontar noutros conceptos salariais a Institución incumprirá a ORDE do 11 de marzo de 2013 pola que se ditan instrucións sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica para o ano 2013, onde, como xa dixemos con anterioridade, se establecen os conceptos sobre os que se realizarán os recortes e o seu límite.
 
Non entendemos a decisión da Universidade de non proceder á denuncia pola vía xudicial do incumprimento que esta medida supón do Plan de Financiamento, non entendemos a que se refire o sr. Reitor cando fronte a esta medida propón a negociación (Consello de Goberno do día 28), qué se pensa negociar?, para qué esta moeda de cambio?, qué se vai negociar cando se pensa recortar segundo o que establece a Xunta?
 
Os traballadores e traballadoras da USC decidirán nos órganos de representación a realización de asembleas para iniciar a resposta a esta medida. Non correspondería, de confirmarse a posición da USC, a realización dun calendario de accións de oposición á medida que todo insinúa se vai tomar?

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript