Xuño de 2013
 
 

10/06/2013

   CUTUDC / Novidades

  EXPLOTACIÓN LABORAL - Natalia Puga
 

Amancio Ortega, terceira fortuna do planeta a base de explotación laboral

Adquirir unha peza de roupa das marcas do grupo Inditex que se confeccionase en Marrocos supón referendar un sistema de produción no que as traballadoras acumulan ata 65 horas á semana detrás dunha máquina para cobrar un salario de 178,72 euros mensuais.

 

  • Noticias relacionadas

 

O estudo baséase en enquisas a 118 obreiras da asociación marroquí Attawassol. As realizadas ás traballadoras que cosen para Inditex reflicten que o incumpren: a xornada habitual do 68% é de entre 45 e 54 horas, e a do 30% supera as 55 horas semanais de forma habitual. Ademais, o 62% das obreiras aseguran que "as puntas de traballo con máis carga laboral do habitual repítense con moita frecuencia".
 
Ao respecto, o estudo recolle que "a realidade parece chocar co texto do código de conduta da empresa que reza, literalmente: " [as horas extra] non se requirirán de xeito habitual e deberán ser liquidadas en contía superior á hora normal, de acordo co establecido na lexislación vixente,".

Salarios que non cobren o básico
 
A investigación recolle que, en materia de salarios, o código de conduta de Inditex esixe que os seus provedores paguen o salario mínimo do seu país. Ademais, o acordo marco internacional que Inditex asinou coa principal federación sindical internacional do sector (ITGWF) recolle o compromiso de pagar un salario que permita cubrir as necesidades básicas das persoas traballadoras e das súas familias e outras necesidades "razoables".
 
Aínda que o 75% das enquisadas que traballan en provedores da empresa galega reciben o SMIG, un nivel de cumprimento "algo superior ao das empresas que non están na súa cadea de subministración", as persoas que cosen para Inditex "mostran a mesma precariedade ou mesmo algo maior que as das obreiras doutros empregadores".
 
Así, "o 40% afirma que non pode cubrir as súas necesidades nin as das súas familias ou que o fan con moitas dificultades". Entre as obreiras sen relación con Inditex esta proporción é do 31%.
 
Mango, un patrón que se repite
 
Mango é a segunda empresa de carácter internacional máis mencionada entre as traballadoras enquisadas. Das 118 obreiras, 37 traballaban para unha empresa provedora da empresa catalá no momento da enquisa. Delas, 31 afirmaban que na súa fábrica tamén se confeccionaban artigos de empresas de Inditex.
 
O estudo recolle que "Mango expresa dende hai anos a súa vontade de transparencia cara aos actores sociais e materialízaa facilitando a lista de provedores a SETEM (en representación da Campaña Roupa Limpa española) " e que a propia empresa xa recoñeceu na súa memoria 2010 "algúns incumprimentos do seu código de conduta".
 
A empresa indicou que dera un prazo de seis meses para a corrección destas problemáticas. Non obstante, "no momento das enquisas só un 3% das obreiras enquisadas que confeccionan a roupa de Mango expresaron que a súa xornada habitual era de menos de 45 horas. Pola contra, un 62% afirmaron realizar xornadas entre 55-65 horas, e un 35% di traballar máis de 55 horas semanais".
 
O 54% das traballadoras de provedores de Mango afirmaron que estes picos de traballo se repetían de forma moi habitual e só un 68% reciben un salario igual ou superior ao SMIG marroquí.
 
Abusos verbais e físicos
 
O informe descobre as duras condicións das obreiras de confección marroquís: exceso de horas de traballo, baixos salarios, abusos verbais e físicos, arbitrariedade na contratación e o despedimento, medidas disciplinarias desproporcionadas e obstáculos á acción sindical.
 
Recolle que as horas extras son obrigatorias e non se adoitan remunerar, que prolongan a xornada ata as 12 horas diarias, seis días á semana por salarios que non superan os 200 euros mensuais, e que, en ocasións, están por debaixo dos 100 euros ao mes.
 
Ás traballadoras máis novas, a miúdo menores de 16 anos, fáiselles traballar sen contrato as mesmas horas que o resto, pero cobrando 0,36 euros a hora, tres veces menos que as súas compañeiras".
 
O autor do informe, Albert Sales, indica que "estas empresas teñen na súa man a capacidade, tanto de xerar situacións de explotación laboral, como de evitalas e que moitas asumiron códigos de conduta e a obrigatoriedade de pasar auditorías nos talleres.
 
Estes compromisos quedaron en papel mollado. Unha traballadora dunha fábrica provedora dunha grande empresa téxtil asegura no estudo que "cando aparecen auditores pola sorpresa, os supervisores esconden" ás traballadoras menores "na azotea ou en caixas de roupa baleiras".
 
Librered

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript