Xuño de 2013
 
 

10/06/2013

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN . Isaac Rosa
 

Europa, máis "efemeísta" que o FMI

Que o FMI admita que se equivocou con Grecia é algo nunca visto. Iso si: o nunca visto non é que se equivocase, senón que o admitise. O primeiro leva décadas facéndoo: equivocarse. O segundo, admitir os seus erros, é a novidade, aínda que non tardase nin medio día en encontrar un culpable do erro.

 

  • Noticias relacionadas

 

En realidade, o FMI non fixo outra cousa que equivocarse nos últimos trinta anos: fallar prognósticos, empobrecer pobos e atrasar a recuperación dos países aos que dicía axudar. Equivocouse con tanta insistencia, con tanta teimosía e con tanta reincidencia; equivocouse contra o criterio de tantos economistas que advertían o erróneo das súas políticas; equivocouse con tanta arrogancia e impunidade; que podemos excluír que sexan incompetentes. É algo peor.
 
En América Latina, de cuxas crises de débeda deberiamos sacar leccións, o FMI fixo o mesmo que con Grecia: esixir axustes brutais, contrarreformas, privatizacións, desregulacións, baixadas de salarios. E as consecuencias foron as mesmas que en Grecia: máis pobreza, máis paro, máis desigualdade, máis anos para recuperarse. O FMI condenou á rexión unha "década perdida", que deixou danos estruturais que persisten. Esa expresión, " década perdida", empézase a oír xa aplicada ao sur de Europa.
 
O FMI funciona a piñón fixo, só ten unha política económica posible: asegurar o pagamento da débeda aos acredores, impoñendo de paso a ortodoxia neoliberal. Así exerce o seu papel de matón do gran capital internacional, aínda que se disfrace de socorrista. Unha institución desacreditada, cuxos responsables nunca tiveron que render contas ante un tribunal polas calamidades causadas. Iso si os seus tres últimos directores xerentes (Rato, Strauss-Kahn e Lagarde) víronseas coa xustiza por outros motivos, o que afonda o descrédito.
 
Os europeos criamos estar a salvo dos desmandos do FMI: o seu látego só golpeaba os países pobres, ao Sur. Criamos que a Unión Europea era un espazo a salvo do matonismo financeiro, ata que descubrimos que a Comisión Europea non só chamaba ao FMI para que actuase contra países membros, senón que a propia Comisión e o BCE se "efemeizaban", e acaban sendo máis papistas que o papa, máis "efemeístas" que o propio FMI. Onte a Comisión rexeitaba calquera autocrítica sobre Grecia, malia o dito polo FMI.
 
Criamos que na Troika o FMI era o poli malo, pero parece que a repartición de papeis é outro: ou os europeos fan de poli malo e o FMI de inesperado poli bo, ou é que xa non nos conceden nin un poli bo. Se nos asustaba que o FMI puxese as súas sucias mans en Europa, non hai de que preocuparse: a súa actuación será breve, pronto non o necesitaremos porque Europa está a crear o seu propio FMI, que non outra cousa é o Mecanismo Europeo de Estabilidade (MEDE).
 
O FMI e os "efemeístas" europeos seguirán equivocándose, e non pasará nada. Hai uns meses xa recoñeceron que estimaron mal os multiplicadores fiscais para calcular as consecuencias da austeridade, pero iso non significou un cambio de rumbo. Cando impuxeron o axuste a Grecia moitos xa anticiparon o que hoxe recoñece o FMI. Os mesmos que hoxe denuncian as receitas da Troika contra España, e que terán que esperar tres anos para que lles dean a razón. Total, ninguén é perfecto.

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript